Educación publica a convocatoria para mellora de competencias lingüísticas do profesorado sen pasar pola mesa sectorial
A consellaría de Educación publicou este no DOG, a ORDE do 30 de xaneiro de 2024 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE) para o ano 2024. Orde que é preceptivo que pase pola mesa sectorial do persoal docente da consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e non pasou.
Para a CIG-Ensino, a situación de indefensión do profesorado é aínda máis grave se temos en conta que nos últimos anos tanto o profesorado que participou nestes programas como o sindicato teñen denunciado irregularidades graves no funcionamento do programa.
Como exemplo, a CIG-Ensino lembra dúas situación. Nun caso a de docentes que participaron no PIALE en Francia no ano 2023 que redactaron un escrito presentado ante a Consellaría, e que a CIG-Ensino entregou en mesa sectorial o 14 de novembro de 2023, con irregularidades no PIALE tales como a descoordinación total da viaxe e problemas co aloxamento e as dietas, con variación durante a propia estadía para rematar con problemas no propio programa docente e o seu material.
Unha segunda queixa parte de profesorado en Canadá, no que trasladaron que tiñan un código de vestimenta nos centros que obrigou ao profesorado a un gasto innecesario (calzado, roupa) porque ao chegar aos centros non se lles requiriu. Tamén neste estadía en Canada houbo cambios de familias acolledoras ou de compartición obrigada de vivenda con profesorado galego, co cal se incumpría o obxectivo dunha inmersión en familias sen compartir residencia co resto do profesorado. Houbo tamén docentes que chegaron a centros educativos que non sabían da súa chegada ou que non eran centros de infantil e primaria senón academias.
Por todo o citado e de cara a poder presentar todas as alegacións necesarias para mellorar o programa a CIG-Ensino esixe á Consellaría, nomeadamente á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa que anule a convocatoria e a negocie na mesa sectorial para unha posterior publicación. En todo caso, o sindicato reclama que a dirección xeral renda contas das queixas presentadas e das medidas que ten pensado adoptar para que non se volvan repetir incidencias tan graves.