Educación prioriza só a FP dual desatendendo as máis de 40 demandas dos centros educativos
A CIG-Ensino vén de denunciar que na oferta de FP para o cursos 2019-2010 presentada hoxe, a consellaría de Educación priorizou unicamente a FP dual. Nun contraste rápido da oferta a centrral sindical detectou que só foi atendida a petición dun ciclo de FP básica de Electrónica e Electricidade en Tomiño das máis de 40 que nos trasladaron desde os centros. A CIG-Ensino reitera a súa oposición a esta modalidade formativa por precarizar aínda máis o emprego, supeditar a formación académica ás necesidades de empresas concretas, facilitando incluso a selección do alumnado por parte destas, e por ameazar os postos de traballo do profesorado de FP.
Tal e como se presupoñía, a Consellaría de Educación presentou unha oferta educativa de FP para o vindeiro curso na que a única beneficiada é a FP dual, cun incremento dun 60% dos ciclos e un total de 1.155 prazas. Queda pois claramente de manifesto a aposta por un formato que non se adapta ás necesidades da economía produtiva de Galiza, composta por empresas de pequena dimensión e por un mercado laboral moi volátil e temporal.
Desde a CIG-Ensino reiteramos a nosa oposición á FP dual porque lles facilita ás empresas ter man de obra precaria cada ano, a uns custes salariais e laborais moi inferiores con respecto a un/unha traballador/a normal. Así mesmo, e lonxe do que inicialmente poida pensar o alumnado que se decante por esta opción, esta renovación anual de estudantado non implica maiores posibilidades de inserción laboral.
Desde o sindicato somos tamén moi críticos co feito de que nalgúns casos están sendo as propias compañías as que están seleccionando, mediante plataformas de busca de emprego, os potenciais estudantes/traballadores, perverténdose o acceso igualitario aos estudos de formación profesional que si garante o sistema de ensino público. A ninguén se lle escapa ademais que a potenciación desta modalidade vai traer consigo unha diminución do profesorado de FP a curto e medio prazo, tanto polo feito de que o alumnado pasará menos tempo nos centros formativos, como porque incluso nalgún caso pode desaparecer a demanda de cursar ciclos na modalidade ordinaria, modular ou a distancia levando aparellada a eliminación de ciclos.
Novas titulacións só existentes na FP dual
Cabe salientar así mesmo que incluso se crean novas titulacións para ofertar a través da FP dual que non se poden cursar doutro xeito en ningún centro de Galiza. É o caso do dobre CS de Dirección de Cociña e Dirección de Servizos de Restauración e do dobre CM de Coidados auxiliares de enfermaría e Atención a persoas en situacións de dependencia. Titulacións creadas ad hoc para adaptarse unha vez máis ás necesidades laborais de certas empresas e para as que en ningún momento foi consultado o profesorado das distintas especialidades que están involucradas na súa impartición, especialidades que nalgún caso pertencen a distintas familias profesionais. A Consellaría experimenta polo tanto co persoal docente e cos centros de ensino sen dar instrucións previas de como se vai xestionar na práctica a docencia presencial e a titorización na formación na empresa tendo en conta que o profesorado vai pertencer a departamentos e incluso a centros de ensino diferentes.
Desatención das demandas dos centros
A aposta pola FP dual contrasta coa nula recepción das máis de 40 propostas que lle foron remitidas á Dirección Xeral de Educación e FP pola CIG-Ensino despois de contrastar as necesidades reais dos centros educativos. Despois de que a CIG-Ensino decidira non asistir ao Consello Galego de FP en protesta pola falta de negociación da oferta formativa e por non informar aos centros dos criterios seguidos para a concesión ou non de novas titulacións, agardabamos un cambio de actitude por parte da Consellaría e que tivera en conta as demandas dos centros. Porén, nun contraste rápido da oferta publicada no DOG, vemos que só se concede un novo CM de Electricidade e Electrónica en Tomiño, o que supón un desprezo máis ao persoal docente e aos centros de ensino.