Educación presenta unha OPE "totalmente insuficiente" para o ensino público galego
A CIG-Ensino cualificou, na mesa sectorial celebrada este xoves, de insuficiente a OPE presentada pola Consellaría de Educación e denunciou que se fixera pública a oferta sen realizar unha negociación real, tal e como é preceptivo. Ademais exixiu á consellaría que siga adiante coa convocatoria, como tamén o exixiu onte na Mesa do Estado onde lle pediu ao Goberno que non poña atrancos á realización das oposicións.
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, expresou: “a nosa enérxica repulsa a todo o acontecido. Denunciamos o uso perverso e de arma política que se está facendo coa convocatoria de oposicións.” Louzao denunciou tamén “a actitude despectiva e irresponsábel da Consellaría e a Xunta de Galiza que deste xeito están a xogar coas persoas opositoras, someténdoas a un martirio.”
Xunto a isto reclamou a Educación que “abandone a actitude servil, submisa e partidista aos mandatos do PP de Madrid. Temos unha Consellaría sen rumbo que actúa erraticamente ao ditado do Estado. Non hai xustificación para continuar a sementar incertezas e inseguridade entre as opositoras e os opositores. Cómpre valentía e vontade política” e concluíu que esta é unha “manobra de distracción para non convocar máis prazas cás que corresponden coa taxa de reposición.”
A CIG-Ensino considerou a convocatoria de oposición, como “única saída posíbel”, e por iso reclamou que a conclusión da Mesa Sectorial fose a convocatoria en firme das oposicións, tal e como xa sucedeu noutros territorios do Estado como Euskadi, pois do contrario incrementarase a interinidade, a inestabilidade e mesmo a amortización de prazas.
Respecto da oferta, volveu denunciar unha vez máis que a Consellaría anunciara a oferta publicamente sen negociación, nin información e iso a pesar de que a CIG-Ensino, sindicato maioritario no ensino, xa o solicitara por escrito en decembro de 2016. Ademais exixiu a supresión da taxa de reposición e unha oferta de emprego suficiente que garanta a cobertura das necesidades de profesorado de todos os centros, reduza a precariedade, minguando o número de efectivos en situación de temporalidade, que xa supera o 10%, e que permita impartir un ensino de calidade.
“Reclamamos, por tanto, que se faga unha oferta de tantas prazas como vacantes sexan necesarias para o bo funcionamento do sistema educativo, que permitan recuperar a xornada lectiva do profesorado e ampliar os cadros de persoal dos centros para a atención ás distintas necesidades. Unha oferta que abranga todos os corpos”.