Educación persiste en manter os recortes para a promoción do galego
A CIG-Ensino vén reclamando reiteradamente que a convocatoria de axudas se realice co inicio do curso, mais a Consellaría persiste en que isto non sexa así facendo inviábel que se poidan realizar actividades normalizadoras durante o primeiro trimestre. Denuncia ademais que os centros non saberán até case o final do curso se contan ou non con axudas, como aconteceu nos cursos anteriores, en que a resolución se publicou a poucos días de finalizar o curso. A CIG-Ensino resume así as consecuencias da falta de apoio da Consellaría á lingua galega:
- Atraso na convocatoria de axudas e na súa resolución, inviabilizando a realización de proxectos, pois é moi comprometido levar adiante unha actividade sen ter a máis mínima confirmación.
- Mantemento do recorte á promoción do noso idioma, unha vez máis mantén unha partida orzamentaria (300.000€) que significa un recorte do 62.5% respecto das partidas orzamentarias anteriores ao curso 2009/2010. Un recorte que non é proporcional ao que sofren os centros privados (neste caso o recorte foi do 55.4%).
Os centros manifestan que as axudas concedidas pola Consellaría apenas chegan para realizar unha pequena actividade, polo que estas axudas acaban por se converter en papel mollado e non nunha verdadeiro apoio á normalización, tan necesaria, do noso idioma.
Diante desta situación, a CIG-Ensino reclama que estas convocatorias se publiquen no mesmo mes en que se inicia o curso escolar, e no caso dos proxecto de innovación tamén se publiquen no DOG; que se incrementen as axudas para a promoción da lingua galega e que a resolución das axudas aos equipos se realice no primeiro trimestre do curso.
Xunto a isto demanda que as notificacións relativas ás convocatorias, puntuacións e resolucións se notifiquen de maneira efectiva aos equipos directivos dos centros e aos Equipos de normalización, tendo constancia de que foron recibidas evitando o sucedido en convocatorias anteriores; que na comisión cualificadora dos proxectos de innovación participe o profesorado integrante dos equipos e que na comisión cualificadora das axudas se incremente a súa presenza, nomeándoo por sorteo. É inadmisíbel que a decisión sobre as axudas e os proxectos recaia sobre pesoal da propia Consellaría e o profesorado a penas teña opinión nestas decisións.