Educación perde peso nos orzamentos da Xunta mentres se reforzan os fondos ao ensino privado
A perda de relevancia das contas de Educación ao respecto dos orzamentos xerais do goberno galego seguen a marcar, un ano máis a mesma tendencia destes últimos anos: conxelación do profesorado do ensino público, evitando a creación de emprego e a asunción de medidas para mellorarmos as nosas condicións de traballo, maior transferencia de recursos ao ensino concertado, incremento por baixo do medre orzamentario medio da Xunta e o desleixona dinamización e normalización da nosa lingua.
Conxelación da cifra total de docentes no ensino público: de Feijóo a Rueda sen que nada cambie
O continuísmo da política de restricións no ensino público vese de novo nos primeiros orzamentos da etapa de Rueda á fronte do goberno galego. O mellor exemplo é a fixación dun máximo de profesorado que repite o tope imposto no 2022 e que supuxera o curso pasado unha perda moi relevante de docentes. O contador queda cravado en 30.424, unha cifra inferior á que se atopou Feijóo cando accedeu á Xunta no 2009: 30.439.
Malia os cambios experimentados nestes anos, cun incremento moi importante na oferta educativa en ensinanzas de réxime especial, idiomas e formación profesional, o profesorado galego mingua e faino sobre todo pola perda de mestras e mestres de infantil e primaria, etapa educativa que máis sufriu os envites dos recortes de aulas, con especial incidencia nas zonas rurais. Nesteano 2022 temos 465 docentes de menos nos orzamentos referidos a profesorado destas etapas.
Uns orzamentos que están feitos para camuflar os recortes de docentes
Con todo, a realidade aínda é peor do que ofrecen os datos que, como papel mollado, contén o proxecto de orzamentos da Xunta. Con data 1 de outubro, e sempre segundo datos oficiais da propia Consellaría, o total de docentes traballando a tempo completo e con contrato anual (no caso de persoal interino) era inferior a esa cifra de 30.424 que xa se fixaba para os orzamentos en vigor: 29.873 docentes en activo. Isto implica, unha vez en marcha o curso e con todas as contratacións de persoal interino pechadas, que hai un incumprimento na execución dos orzamentos, ao existir un desfase de 551 docentes.
Sen poder dentro da Xunta e con preferencia para financiar o ensino privado
Analizando as contas cunha ollada en perspectiva, como vén facendo a CIG-Ensino desde hai anos, podemos constatar nos orzamentos do ano 2023 como se mantén unha tendencia asentada no goberno Feijóo e que agora Rueda reafirma. Deflatando o montante dos orzamentos de Educación, os xerais da Xunta e o total de fondos derivados a manter os concertos educativos, incluíndo os centros que segregan por xénero, podemos concluír que a variación desde 2001 a 2023 se reduce ao 11,84% mentres que o medre dos fondos para os centros concertados chegaao 26,63%, duplicando por tanto a variación total para a Consellaría.
Por outro lado, se temos en conta o incremento dos orzamentos globais da Xunta podemos concluír como a falta de peso dentro do goberno galego da educación é un exemplo perfecto do escaso poder dentro do consello da Xunta de quendirixe as contas educativas. Fronte a ese incremento do 11,84%, as contas xerais da Xunta medraron desde o ano 2001 un 24,81%. Esa perda de relevancia vese claramente na gráficas que acompaña estas liñas, con altibaixos na relación entre a porcentaxe que representa Educación no conxunto da Xunta, mais cunha tendencia claramente á baixa desde haiunha década.
Neste proxecto de orzamentos para o 2023 os orzamentos da Xunta proxectan un incremento dun 8,20% fronte a un reducido 5,19% que sobe a partida xeral de Educación. A maiores, debe terse en conta que as cifras da Consellaría están condicionadas polos gastos de persoal, que supoñen o 59% do total das contas de Educación, polo que o investimento está totalmente condicionado e, neste exercicio, acoutado polo reducido incremento fronte ao resto de partidas da Xunta.
As demandas de melloras nas condicións de traballo, bloqueadas por Rodríguez e Rueda
A falta de compromiso co profesorado por parte do presidente da Xunta e do conselleiro de Educación leva a que nas contas non se produzan os incrementos necesarios para atender melloras que o profesorado demanda desde hai anos. Eis o clamor por recuperar as 18 sesións lectivas en secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial e as 21 en primaria ou encetar unha negociación para mellorar as ratios coa conseguinte ampliación de aulas e profesorado nos centros públicos ou unha aposta decidida pola atención á diversidade co incremento de docentes especialistas.
Para a CIG-Ensino estes seguirán sendo temas centrais nas súas demandas fronte ao inmobilismo da Consellaría.
Os dereitos do profesorado substituto, papel mollado
Un ano máis, os orzamentos da Xunta confirman que o actual acordo de persoal interino, que non conta co respaldo da maioría sindical que representa a CIG-Ensino, segue a ser, cando así lle interese á administración, papel mollado. Desde o ano 2012 a Xunta eliminou dos orzamentos a aplicación da única mellora conseguida despois da intensa campaña de mobilizacións do ano 2006: o pagamento completo das dúas mensualidades do verán a quen traballase un mínimo de cinco meses e medio ao longo do curso escolar. No orzamento do 2023 ese recorte de dereitos mantense, igual que se mantén o consentimento dos sindicatos asinantes do acordo, malia incumprirse un ano máis a escusa que levou á Xunta a aplicar aquel recorte.