Educación orzamenta o mesmo profesorado para 2026 que os últimos catro anos en pleno conflito laboral co seu persoal
Os orzamentos da Consellaría de Educación para 2026 manteñen unha liña continuista e a cifra de docentes volve situarse inalterábel dende 2022, en 30.424 efectivos, e incremento no gasto en persoal débese sobre todo á asunción das cotizacións á Seguridade Social das novas contratacións, dado que o persoas que se xubila é de clases pasivas e este gasto asumíao o Estado.
“Nin toda a propaganda nin todos os anuncios que fagan o conselleiro Rodríguez e o presidente Rueda serven para nada máis que para incrementar o malestar do profesorado que está farto de que o intenten enganar”, valorou a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, quen compareceu ante os medios para analizar as contas que presentou Educación no Parlamento galego para o próximo ano.
Criticou que, lonxe de rectificar e de planificar medidas que permitan que o profesorado recupere os dereitos perdidos, “o que se desprende deste proxecto orzamentario é ausencia de emenda das políticas educativas dos últimos anos baseadas nos recortes e na propaganda e a irrelevancia que ten Educación dentro das contas globais da Xunta”. Advertiu que, un ano máis, este departamento medra o seu gasto por debaixo da media do goberno galego no seu conxunto e nin sequera na mesma proporción do IPC.
En concreto, -citou Arroxo- “os orzamentos de toda a consellaría soben en 43,8 millóns, o que supón un 1,44% máis que en 2025 e non cobre a suba do IPC, que en setembro foi do 2,9%”. Ademais, a suba dos orzamentos xerais da Xunta é dun 2,05% máis, “polo que este desfase demostra a irrelevancia política que ten o conselleiro Román Rodríguez dentro do goberno galego, como xa se demostrou cando Rueda asinou o acordo de 2023 e agora que a secretaria xeral do PP, Paula Prado tamén usurpa o seu posto para facerlle oposición á CIG-Ensino”.
30.424 docentes por quinto ano consecutivo
Mais o capítulo que realmente se debe mirar con lupa é o do gasto en persoal, aínda que non todo el é profesorado. Segundo o documento presentado no Parlamento pola Xunta, de cara ao vindeiro ano soben as partidas para gastos de persoal en 37,9 millóns, o que supón un 2,14% máis que no 2025, e fano distribuídas do seguinte xeito:
De acordo coa análise que fai a CIG-Ensino o maior incremento é nas ensinanzas de réxime especial, o que se debe a un aumento en 20 do número de profesorado orzamentado para as EOI, “curiosamente o mesmo que diminúe o Profesorado Técnico de FP a extinguir, polo que de novo as cifras poden levar a engano”.
Con todo, a secretaria nacional do sindicato maioritario quixo poñer énfase en que a segunda partida que máis sobe é a de persoal das propias Direccións e Servizos Xerais de Educación onde, por exemplo, se sitúa o gabinete do conselleiro que xa nos últimos anos aumentara considerabelmente. “Hai varias cuestións que chaman a atención, a primeira é que o incremento en persoal se debe maioritariamente a que a Consellaría ten que asumir cada vez máis a cotización do seu profesorado, dado que o que se xubila aínda pertence ao réxime especial de Clases Pasivas e, polo tanto, é o goberno central quen se encarga desta cotización”.
Porén, o novo funcionariado de carreira e todo o persoal substituto e interino xa cotiza á Seguridade Social polo que esta partida cada ano se incrementa máis. De feito este mesmo verán publicábanse noticias nas que indicaban que Educación tivo que facer unha modificación orzamentaria para inxectar máis de 50 millóns de euros para afrontar estas novas contratacións, que se suma aos 29 millóns do ano anterior tamén por esta vía extraordinaria.
Con todo, para Arroxo o máis rechamante é que segue orzamentado o mesmo número de docentes, 30.424, que os últimos catro anos, desde 2022 tras a pandemia na que si se reforzara o persoal docente.
“Tamén sorprende que malia toda a propaganda da Consellaría a respecto da aposta estratéxica pola FP, diminúe en 20 o PTFP, por xubilación, mentres se experimenta coa figura do profesorado experto e, segundo os propios datos da Consellaría, o alumnado destas ensinanzas medrou en 2.406 máis con respecto ao curso pasado e duplicouse con respecto a 2009. Desde logo non se incrementou o profesorado nesta mesma proporción”, engadiu.
Triplícase o alumnado con necesidades sen persoal para atendelo
Así, Arroxo concluía sobre estas contas que “a intención da Consellaría está clara, nin se pretende reforzar o profesorado en xeral nin tampouco o especialista para atender á diversidade, como propuxo a CIG-Ensino na última Mesa Sectorial e foi apoiado polo resto de organizacións sindicais”.
Mentres, as estatísticas do Ministerio amosan que no curso 2011-2012 o alumnado NEAE en Galiza era de 25.008 e o de NEE de 4.632, no curso 2023-2024 o alumnado NEAE era de 36.660 e de NEE 13.517. É dicir, triplicouse só a cifra do alumando con máis necesidades (discapacidade, dependencia, neurodiverxencias, TEA, trastornos de conduta, grandes prematuros...) neste tempo sen se que se vira un incremento real dos efectivos para atendelo. “A Consellaría debería explicar de onde saen os 160 millóns que supostamente leva investidos a maiores en profesorado desde a sinatura do acordo de “melloras” porque o único aumento que se ve é o que se comentou do gasto en cotizacións”, recriminou.
A CIG-Ensino aproveitou para denunciar outro incumprimento dos acordos que asina a Consellaría como é o caso do que regula as condicións laborais do persoal substituto e interino. Un ano máis, desde 2011, a Lei de Orzamentos no seu título III volve incluír unha cláusula que deixa sen eficacia o pagamento dos meses do verán incluído en dito acordo para o profesorado que traballe máis de 5 meses e medio durante o curso.
O galego, castigado no ensino e utilizado para a propaganda
No que ten a ver co gasto da Secretaría Xeral da Lingua en accións dirixidas ao fomento da lingua galega mantense tamén inalterábel as partida para proxectos de fomento e formación de centros educativos non universitarios, transferencias a centros privados para equipos de normalización, actividades de formación para a normalización lingüística e estudos e traballos de investigación.
Porén de novo volve sorprender que o único que sobe é o uso ritual e publicitario da nosa lingua cun incremento no apartado de un millón máis con respecto a 2025 para campañas de normalización. As Equipas de Dinamización Lingüística, contarán con 450.000 para os 1.198 centros de ensino públicos de Galiza, unha media de 375,62€ para realizar todo tipo de actividades. Para os centros privados serán 50.000€.
“O último ano do goberno de Fraga na Xunta sumaban 680.000 euros polo que está claro que cada vez máis o Partido Popular quere soterrar o galego no ensino, xa non só co Decreto de plurilingüismo senón nas propias actividade de promoción da nosa lingua, o que contrasta por exemplo cos 2.309.000€ previstos para fomentar os idiomas estranxeiros mediante programas fóra do currículo académico en centros públicos e privados para o próximo ano”, concluíu.