Educación non se toma en serio a formación do profesorado en igualdade, convivencia e inclusión
CIG-Ensino denuncia a falta de seriedade coa que se toma, a Consellaría de Educación, algo tan importante como a formación do profesorado nas áreas de igualdade, convivencia e inclusión. “Non é máis que un mero trámite legal que intenta cubrir cun curso “autoxestionado”, no que inscribe, sen comunicarllo previamente, a todo o profesorado que está incluído nos Plans de Formación nos Centros Educativos”. A federación asegura que a administración ten a intención de estender esta formación a todo o persoal docente nos vindeiros cursos.
A CIG-Ensino considera que para o profesorado galego é necesaria, incluso indispensábel, unha boa formación nestes temas dada a súa relevancia social e a necesidade de afrontar a educación en valores na aula. Porén, esta formación non se pode converter nun mero trámite e limitarse a un curso online que consiste basicamente en contestar un cuestionario a partir da consulta de lexislación e de protocolos da administración relacionados con estas temáticas.
Entende que este módulo non pode substituír o que debería ser unha formación en profundidade en materia de igualdade, convivencia e inclusión que lle permita ao profesorado contar con recursos educativos para afrontar a transmisión de valores na aula e mesmo a resolución dos conflitos que se poidan xerar en relación a estas cuestións.
Por iso a central sindical exixe á administración que planifique unha oferta formativa “en condicións e para todo o profesorado” e que esta non se converta nunha nova carga burocrática, un exame que simplemente hai que pasar para que a Xunta xustifique que está cumprindo a legalidade.