Educación muda os requisitos para acceder ás listaxes de profesorado interino e substituto
A CIG-Ensino vén de denunciar que a Consellaría de Educación modificou a orde de convocatoria de oposición e variou os criterios de acceso as listaxes de profesorado interino e substituto sen negocialo previamente na Mesa Sectorial, homologando os requisitos aos que se aplican para a habilitación no ensino privado.
A CIG-Ensino, organización sindical maioritaria no ensino público, tivo coñecemento desta modificación unha vez publicada a convocatoria no DOG, o 17 de abril, posto que o cambio de criterio nin sequera aparecía incluído no borrador da orde que se tratou na Mesa Sectorial do 2 de marzo.
Para poder formar parte da lista de profesorado interino e substituto, sen aprobar a primeira proba da oposición a Consellaría de Educación esixía estar en posesión dunha titulación concordante. Agora, ao aplicarse os mesmos criterios que para o ensino privado, será suficiente -en función da especialidade á que se opte- ter cursado a titulación dunha rama de coñecemento -non necesariamente concordante- e, ou ben un número de créditos determinados, ou experiencia en centros privados, en función do ano no que a persoa se habilitase.
As habilitacións no ensino privado están reguladas polo Real Decreto 860/2010 do 2 de xullo e na Orde de 3 de xuño de 2011 e os requisitos son menos restritivos que o eran até o de agora na pública.
A CIG-Ensino esixe a retirada desta modificación que non foi negociada e introducida unilateralmente pola Consellaría.