Educación inicia o curso con falta de profesorado en Infantil e Primaria e sen chamamentos en Secundaria
Dende a CIG-Ensino denuncian que a Consellaría de Educación comezou o curso con falta de profesorado en diversos centros de Infantil e Primaria, mentres que en Secundaria aínda non comezaron os chamamentos. Ao mesmo tempo, critican que haxa responsábeis políticos “que pretendan descargar sobre o profesorado substituto a ineficacia da propia Administración, amosando un preocupante descoñecemento do funcionamento das listaxes de substitución”.
Dende a federación de Ensino lembran que xa denunciaron nos órganos oficiais de representación, nos que a CIG é o sindicato maioritario, os novos recortes de profesorado aplicados pola Consellaría de Educación neste curso.
Se varios días despois do comezo do curso hai vacantes ou substitucións sen cubrir é unicamente responsabilidade da administración educativa
“A política de enfraquecemento e restrición de recursos do ensino público producen un curso máis, novos agrupamentos ou supresións de unidades do mesmo ou distinto nivel e postos docentes, incumprimentos dos catálogos en numerosos casos, recortes de profesorado titor e especialista, reducións asociadas de membros de equipos directivos, nomeamentos para simultanear varios centros e con afíns, non substitucións de profesorado para a organización previa do curso e mesmo para comezar as clases, excesos sobre a ratio de alumnado/profesor/a, etc”.
Ao tempo, critican que a Consellaría non actúe coa axilidade que se require no inicio de curso e comezase os chamamentos para Infantil e Primaria só dous días antes do inicio do curso, como xa denunciaran dende a CIG-Ensino. “Esta mesma situación prodúcese en Secundaria, cando a unhas horas do inicio oficial do curso aínda non se iniciaron os chamamentos para substitución nin para algunhas prazas vacantes colgadas despois da adxudicación definitiva”.
Declaracións do Xefe Territorial
Así mesmo, dende a CIG-Ensino rexeitan e lamentan profundamente “as erradas declaracións do Xefe Territorial de Pontevedra sobre a falta de substitucións que se está a producir”. Neste sentido, lembran que os chamamentos ao profesorado substituto son telefónicos, en horario de mañá e tarde “nas datas inmediatamente anteriores e posteriores ao inicio do curso académico, mentres non estean cubertas todas as substitucións (DOG 12/08/19), polo que non pode ocorrer que unha substitución fique sen realizarse, pois sempre hai docentes en situación de desemprego para asumila”.
Por outra parte, o censuran que o Xefe Territorial chegase a afirmar que a incorporación a algunhas substitucións se producía con atraso xa que o profesorado dispón de até tres días para se incorporar. “Esa afirmación denota un grave descoñecemento do responsábel político da Consellaría na provincia de Pontevedra xa que a toma de posesión se fai efectiva no día lectivo inmediatamente seguinte ao do nomeamento ou no inicio do curso (DOG 11/07/17)”. Polo tanto, queren deixar moi claro se varios días despois do comezo do curso hai vacantes ou substitucións sen cubrir “é única e exclusivamente responsabilidade da administración educativa”.