Educación incapaz de actualizar sexenios do profesorado con servizos por vacacións non gozadas
Na mesa sectorial celebrada o martes 22 de xaneiro e que continuará o xoves 31 a CIG-Ensino cualificou de “inxustificábel” a demora na xustificación dos servizos prestados por vacacións non gozadas. A Consellaría di non ser quen de facer de oficio a actualización dos sexenios do profesorado con servizos prestados por vacacións non gozadas e o sindicato quere “un compromiso de que se vai facer efectivo canto antes, tanto para quen terá que participar nas oposicións como para o resto do profesorado”.
A Consellaría de Educación indicou que ten previsto actualizar o sistema informático para, a partir do 1 de marzo, ser quen de contabilizar como servizos prestados o tempo das vacacións non gozadas sempre e cando non haxa continuidade nos contratos.
Una vez feito isto actualizaría de oficio a todo o profesorado os seus trienios. O que non vai poder facer de oficio é actualizar os sexenios, co cal será o profesorado galego o que unha vez que teña actualizado os seus trienios teña que solicitar a actualización dos sexenios.
A CIG-Ensino lembra que para acadar un sexenio hai que ter traballados seis anos e xustificar 100 horas de formación e só se acada cando se cumpren ambos requisitos. "Se non fora quen de ter actualizada a aplicación faría igual que o ano pasado, é dicir, enviaría a todo o persoal opositor con servizos prestados por vacacións non gozadas unha proposta de actualización que sería válida para o baremo das oposicións", explica.
Para comprobar o cálculo hai que saber que cada mes de servizos prestados dá lugar a 2,5 días de vacacións sempre e cando a cotización deses días non coincida cun novo contrato.