Educación impide o dereito de folga do 80% do profesorado de infantil e do 60% de Primaria
O curso escolar arrincou en Galiza con mobilizacións e folga do profesorado e do persoal non docente. Unha convocatoria para a que a consellaría de Educación decretou uns servizos mínimos abusivos impedindo ao 80% do profesorado de Infantil, o 60% do de Primaria e o 100% do persoal non docente exercer este dereito fundamental que, porén, si exerceron as familias.
Diante desta situación o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, que participou na concentración convocada en Compostela, amosou con contundencia a súa indignación polo intento da consellaría de “vulnerar” o dereito a folga do profesorado e do persoal non docente cuns servizos mínimos que cualificou de “inauditos” no ensino público e que foron referendados nun auto do alto tribunal galego “redactado por alguén que se expresa nos mesmos termos que un tertuliano da caverna mediática”.
Fronte a esta estratexia salientou a dignidade do profesorado e das organizacións sindicais convocantes da folga. “Non estamos dispostas a ser cómplices da temeridade e da irresponsabilidade de que a día de hoxe haxa aulas con espazos físicos reducidísimos para o alumnado de infantil e de primaria, con ratios de 25 alumnos por aula, incumprindo todas e cada unha as indicacións que a nivel internacional pero tamén a nivel estatal asumiu a propia conselleira de Educación”.
Bermello denunciou ademais que a consellaría “quixo dar sensación de normalidade” neste inicio de curso pero “tanto os equipos directivos como o persoal docente levan dúas semanas intentando adaptar a contrarreloxo un protocolo infame que ademais xenera grandes diferenzas entre as distintas etapas educativas”.
Lembrou que desde o 22 de xuño, que foi cando acordaron co Ministerio un documento común no que se establecían ratios máximas de 15 alumnas en infantil e de 20 no resto de etapas “a Consellaría non moveu un dedo” por adaptarse a esta circunstancia, nin á distancia de metro e medio de seguridade que establecían todas as autoridades sanitarias.
Isto demostra, ao seu entender, que “non houbo vontade política e agora cando din que é tarde tamén minten, porque nunca é tarde para rectificar e mellorar as condicións de seguridade nos centros educativos. É máis, desde onte incluso se dá un paso atrás no que parecía que estaba consolidado, que era autorizar desdobres nas etapas de secundaria, bacharelato e FP, alí onde non se puidera gardar a distancia mínima de seguridade”, apuntou.
Sen plan de continxencia para o ensino semipresencial ou a distancia
Tal e como avanzou o propio conselleiro Román Rodríguez no Consello Escolar de Galiza o seu departamento vai elaborar un Plan de continxencia para o ensino semipresencial e a educación a distancia no caso de que non se poida cumprir esa distancia mínima ou que sexa necesario gardar corentena nun grupo.
Así mesmo, reduce a distancia a un metro naqueles centros nos que se poidan colocar mamparas entre posto e posto docente. “Isto é un retroceso auténtico con respecto ao que parecía que a Consellaría xa tiña asumido. Con todo é absolutamente rexeitábel que existan centros nos que se autoricen desdobres e outros non por non ter buscado solucións de espazos desde finais de xuño”.
Bermello apuntou tamén que está habendo incidencias nalgún centro como xa temos denunciado froito precisamente da intención da Consellaría de darlle normalidade a algo que é extraordinariamente anormal e referiuse ao caso do centro de Meis no que o equipo directivo está en corentena e hoxe tivo que abrir as súas portas igual sen os traballos de adaptación e os horarios feitos e ao que as familias decidiron non enviar o alumnado.