Educación elimina 84 unidades educativas e 133 postos de traballo no ensino público
A CIG-Ensino realizou un estudo de urxencia sobre o catálogo publicado o venres no DOG pola Consellaría. Os datos que resultan deste estudo son que a Consellaría suprime 13 escolas unitarias; 5 unidades e postos de traballo nos Centros Rurais Agrupados; 66 unidades e 115 postos de traballo en Centros de Educación Infantil e Primaria, que se corresponde con 30 unidades de Educación Infantil e 36 de Educación Primaria.
A CIG-Ensino sinala que dos 133 postos suprimidos, 10 son de departamentos de orientación, o que significa que 10 centros perden os seus Orientadores/as a tempo completo. Ademais suprímense tamén 16 postos de Orientadores/as compartidos/as. É dicir, 26 centros empeoran a súa dotación para atender as necesidades educativas específicas. A isto engade a supresión doutros 9 postos de Pedagoxía Terapéutica e Audición e linguaxe.
Estas cifras súmanse ás de anos anteriores resultando que, en cinco anos, a Consellaría de Educación leva suprimidas 59 escolas e 398 unidades. Todo isto mentres se manteñen ou incrementan os orzamentos destinados á privada.
Ante isto, a CIG-Ensino conclúe que a consellaría segue adiante coa política de desmantelamento do ensino público, “antepoñendo os criterios economicistas á calidade da educación”. Un desmantelamento que “incide especialmente na atención ás necesidade educativas específicas e que vai redundar na masificación das aulas debido ao incremento das rateos e a imposibilidade de realizar desdobres”, denuncia.
Asegura ademais que a consellaría segue sen atender as demandas e necesidades dos centros, e sen potenciar a orientación, un elemento básico para incidir na redución do fracaso escolar.