Educación consuma o peche e traslado de ensinanzas de varios centros docentes
A CIG-Ensino denuncia que, desoíndo o clamor contra os recortes e sen atender as demandas de familias, profesorado e concellos, a consellaría de Educación publicou o Decreto que impón o peche do CEIP Emilio NavasQüés e o traslado de varios CPI.
A Consellaría de Educación tiña a decisión tomada desde o primeiro momento e, de feito, o Decreto que impón o peche ou traslado de ensinanzas de varios centros leva data do 22 de xuño. A mesma data na que o goberno da Xunta comunicou os peches telefonicamente ou coa presenza a última hora de responsábeis da Xefaturas Territoriais. “O carácter autoritario da Consellaría queda de novo en primeiro plano, cunha incapacidade para negociar e chegar a acordos”, denuncia o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello.
O Decreto publicado hoxe, martes 4 de xullo, no DOG implica o peche do CEIP Emilio Navasqüés de Cruceiro de Roo en Outes, obrigando ao alumnado deste centro a desprazarse ao outro colexio do concello de Outes. Supón tamén a desaparición do CPI Monte Caxado como tal, coa integración do alumnado da ESO no IES Moncho Valcarcel e do de infantil e primaria no CEIP A Magdalena. E finalmente leva á supresión da oferta educativa da ESO en dous centros, no CPI de Ribadavia e no CPI da Ribeira no Porriño.
A situación do profesorado afectado
No Decreto, a Consellaría non define en que situación vai quedar o profesorado afectado e limítase a unha referencia xeral ao Decreto 140/2006 polo que se regula a perda de destino do persoal docente, adiando a aplicación desta normativa a un desenvolvemento posterior do Decreto, que terá que pasar pola Mesa Sectorial.
Segundo información da propia Consellaría, esa Mesa convocarase antes de finais de mes de xullo, nunhas datas que para a CIG-Ensino son totalmente inapropiadas. “Situámonos nunha negociación que se vai limitar a aplicar os efectos dos recortes no profesorado”, denuncia Bermello, para quen “o lóxico e normal é que a Consellaría tivese negociado previamente coa representación do profesorado e do resto da comunidade educativa o futuro dos centros docentes que agora se ven empurrados a un peche ou traslado de ensinanzas impostos unilateralmente pola Consellaría”.
A CIG-Ensino entende que “nos atopamos cun novo exemplo de mala xestión e de desprezo cara o profesorado afectado, xa que este non sabe se vai ter que trasladarse aos centros que acollan o alumnado dos centros que pechan ou perden ensinanzas ou terá que pedir destino provisional para o curso que ven noutro centro docente”.
Porén, para Bermello o máis relevante é a decisión da Consellaría de “actuar de costas á comunidade educativa” e de incidir “nunha política de recortes de aulas e profesorado, envolvendo as súas actuacións en contra do ensino público en eufemismos como “reorganización de centros” ou “optimización de recursos” nas que xa ninguén cre”.
Por iso, a CIG-Ensino alerta novamente contra a política de redución de postos de traballo no ensino público que se evidencia coa publicación deste Decreto mais que tamén toma corpo novamente neste accidentado final de curso coas supresións e desprazamentos que a Inspección educativa está a comunicar desde finais de xuño.