Educación confirma un “enchufe” na Escola de Restauración de Pontevedra tras a adxudicación definitiva dunha praza inexistente
A Consellaría de Educación vén de confirmar un “enchufe” denunciado pola CIG-Ensino na Escola Superior de Conservación e Restauración de Pontevedra tras adxudicar definitivamente no concurso xeral de traslados do profesorado unha especialidade e vacante que non existe no centro. O departamento autonómico xa comunicou o novo destino da actual directora do Museo Pedagóxico de Galiza (Mupega), emparentada coa secretaria xeral de Igualdade.
Segundo explican dende a federación de Ensino da CIG, que cualifican o sucedido de “enchufe clamoroso á vella usanza”, a especialidade e a vacante adxudicada non están creadas nin foron solicitadas pola escola nin pola inspección educativa e lembran que o centro, único en Galiza, nunca impartiu a especialidade de Conservación e Restauración do Documento Gráfico. “A Consellaría, no canto de crear este especialidade e ofertala, o que fixo foi inventar unha vacante dunha especialidade que, no entanto, se nega a crear no centro”, denuncian.
Consideran que, á luz dos feitos, todo indica que o departamento autonómico sacou a vacante de maneira irregular e co único obxecto de beneficiar a actual directora do Mupega -”un cargo de libre designación (a dedo)”- que ten o seu destino definitivo na Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Avilés. “É a primeira vez que se saca a concurso unha vacante dunha especialidade que non se imparte”, soteñen.
Así, salientan que a existencia desta praza só se coñece despois de ter rematado o prazo de participación non concurso xeral de traslados. Diante disto, pregúntanse como é posíbel que alguén solicite unha praza dunha especialidade que non existe. “Todo indica, segundo os datos cos que contamos, que se amañou esta vacante 'ad homine' para esta persoa que, por certo, está emparentada coa secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella”. Isto explicaría o feito de que a vacante fose só solicitada pola beneficiaria en todo o Estado español.
Entenden que se trata, por tanto, dun feito gravísimo e sinalan como responsábeis ao conselleiro de Educación e ao propio presidente da Xunta, “que non teñen impedimento en saltar a legalidade e actuar con nepotismo e corruptela para favorecer e enchufar a familiares do seu Goberno”.
Finalmente, explican que tanto a Escola de Restauración como a CIG-Ensino procuraron, mediante diferentes actuacións, que a Consellaría paralizase esta adxudicación, “mais non foron tidas en consideración”. En consecuencia, ante este “enchufe clamoroso”, a central, amais de presentar recurso á resolución definitiva do concurso xeral de traslados pola que se lle adxudica destino definitivo, vai presentar unha queixa perante a Valedora do Pobo, ao mesmo tempo que esixe unha urxente rectificación de Educación e do propio Feijóo “para paralizar esta falcatruada”.