Educación cede ante CIG-Ensino, mantén as licenzas de 3 días para enfermidades leves e revisará a proposta de vacacións
Para o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao “o mantemento do dereito a manter o permiso por ausencias por indisposición ou enfermidade leve superior a tres días cando se achegue a pertinente xustificación documental, é fundamental”. Entende que o recorte deste permiso “suporía condenar o profesorado a solicitar a baixa laboral coa conseguinte e importante diminución de salario por enfermar”. E así o denunciaban os carteis que portaban no exterior do edificio as delegadas e delegados concentrados.
A CIG-Ensino entende que o mantemento deste permiso repercute beneficiosamente na organización dos centros ao reducirse así o número de baixas laborais. Deste xeito, a negociación do borrador da orde que continuará o vindeiro 19 de xaneiro.
Oferta de Emprego insuficiente
Na Mesa Sectorial a consellaría deu conta da Oferta de Emprego para este ano. Un anuncio que criticou Louzao por considerar que a consellaría “converteu a mesa en que debe ser negociada a oferta de emprego nun acto propagandístico, impedindo unha negociación real da oferta, e impoñendo a súa proposta sen explicala e sen escoitar as demandas do profesorado e as necesidades do ensino.”
Para a CIG-Ensino a oferta presentada é completamente insuficiente pois nos últimos cinco anos soamente se ofertaron 993 prazas, mentres se xubilaron máis de 4.000 docentes, polo que se suprimiron máis de 3.000 prazas de profesores/as e se empeoraron exponencialmente as condicións de traballo do profesorado, co incremento da impartición de materias afíns e das itinerancias. Neste sentido reclamou que se eliminen as taxas de reposición e que se atendan as necesidades dos centros.
Considera que non se convocan todas as especialidades que se deberían de convocar e reclamou que se convocasen prazas, entre outras, das especialidades de galego e de portugués e da familia de téxtil, confección e pel.
Concurso de traslados
Na Mesa abordouse tamén a convocatoria do Concurso Xeral de traslados. A CIG-Ensino reclamou que se convoquen tamén os concursos específicos de Orientación e Educación Permanente de Adultos e exixiu a convocatoria de todas as vacantes existentes e todas as demandadas polos centros, de acordo cos seus cadros de persoal e necesidades.
Neste sentido a CIG-Ensino fixo fincapé en que deben ser negociadas en tempo e forma todas as vacantes que serán ofertadas e anunciou que, de non cumprirse este requisito, presentará recurso por incumprimento da obriga de negociación.
“Cómpre considerar que neste concurso poden participar uns 10.000 profesores e profesoras, especialmente pendentes da convocatoria despois de que o ano pasado o profesorado non puidese participar no concurso por mor da actuación errática da Consellaría”, indicou Louzao.
Reclamouse ademais que non se convoquen prazas plurilingües entendendo que “a impartición de materias en lingua estranxeira debe ser realizada de acordo cos efectivos existentes nos centros, sen introducir no concurso unha medida que é distorsionadora” sinalou Anxo Louzao.
Para a CIG-Ensino si se ten que exixir o coñecemento do noso idioma para todas as prazas porque non só as materias nomeadas no Decreto son susceptíbeis de ser impartidas en galego, ademais de que o galego é a lingua oficial da Administración e de comunicación dos centros. A este respecto a CIG-Ensino considerou que “nun concurso inzado de meritrocracia deberíase valorar o labor do profesorado que imparte as súas aulas en galego, pola súa contribución á normalización do noso idioma”.