Educación aproveita o verán para pechar centros e recortar unidades e postos de traballo
A venres 12 de agosto, en pleno verán, recuperando os peores modos do goberno do Partido Popular, a consellaría de Educación volve recortar unidades e postos de traballo.
Logo dun estudo rápido realizado pola CIG-Ensino sobre a ORDE do 26 de xullo de 2022 pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes desta consellería nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial, publicada hoxe, venres, 12 de agosto, atopámonos con que a Consellaría suprime:
- 33 unidades en educación infantil e 26 en educación primaria, un total de 59 unidades.
Estas 59 unidades menos fan que nos atopemos con case 100 docentes menos no sistema educativo galego nos niveis de Infantil e Primaria.
A estas cifras engádense os recortes xa denunciados o 20 de xullo.
A consellaría segue adiante coa política de desmantelamento do ensino público, antepoñendo os criterios economicistas á calidade da educación. Un desmantelamento que incide especialmente na atención ás necesidade educativas específicas e que vai redundar na masificación das aulas debido ao incremento das rateos e a imposibilidade de realizar desdobres.
Volve perder a Consellaría unha grande oportunidade para comezar cunha baixada das ratios que permitiría ao profesorado aumentar a calidade do ensino. Desde a CIG-Ensino seguirán a reclamar da consellaría que aproveite a baixada da poboación en idade escolar para rebaixar as ratios e reducir o horario lectivo do profesorado a 18 horas en secundaria e 21 horas en primaria, e non como unha posibilidade de aforrar cartos.