Ecuador: A fin de ciclo que non era
Ecuador puxo couto á viraxe á dereita en países con gobernos antineoliberais. O esgotamento prematuro dos gobernos de Macri e de Temer xera a posibilidade real de que a esquerda volva dirixir a Arxentina e a Brasil: neste último caso coa perspectiva concreta do retorno de Lula
O triunfo de Lenín Moreno, derrotando, por segunda vez consecutiva o maior banqueiro de Ecuador, Guillermo Lasso, acaba coa sorte da dereita latinoamericana e termina coa leria da “fin de ciclo de gobernos progresistas” no continente. O pobo ecuatoriano, aínda baixo unha sórdida campaña dos medios para intentar denigrar a Rafael Correa e o seu goberno, soubo distinguir que entre os dous camiños: o da continuidade das trasformacións realizadas polo goberno de Alianza País e o retorno neoliberal a mans dun banqueiro, escolleu a Revolución Cidadá como en mellor camiño para o país.
Cando, en segunda volta, quedan claras as opcións entre o modelo neoliberal e alternativas antineoliberais, o pobo non se erra e decide por aquelas. A exposición da masa de realizacións realizadas por Rafael Correa en 10 anos de goberno, en todos os plans, comparáronse coas promesas da dereita que, así como en Arxentina e en Brasil, se reducen a crueis restauracións neoliberais se chegan ao goberno… por eleccións ou por golpe.
Aínda que gañase Lasso, non habería nada que se puidese denominar “fin de ciclo”, porque se instauraría tamén en Ecuador o goberno dos bancos, do capital financeiro, da especulación financeira, restaurando de novo o anti neoliberalismo como oposición á dereita. Trataríase da restauración neoliberal, como ocorre hoxe en Arxentina e en Brasil. O que importa é que Ecuador seguirá o camiño aberto por Rafael Correa cando, hai 10 anos, anunciou que se puña fin á longa noite do neoliberalismo e se pasaba dunha época de cambio a un cambio de época.
Quedan atrás a derrota parlamentaria en Venezuela, a vitoria electoral da dereita en Arxentina, o revés de Evo Morales no referendo, o golpe contra Dilma en Brasil? Non, non abonda coa vitoria de Lenín Moreno para lle dar volta á contraofensiva da dereita latinoamericana. Os factores que levaron a reveses noutros países fixéronse presentes en Ecuador, pero non foron suficientes -por unha marxe estreita- para derrotar o goberno progresista.
Hai que facer o balance das tendencias que levaron a que as vitorias espectaculares de Rafael Correa en primeira volta se transformasen nunha vitoria por unha marxe estreita. Os balances non son simples, mestúranse cambios na conxuntura internacional, cambios na estratexia das dereitas latinoamericanas, así como erros dos mesmos gobernos. Facer desde unha vitoria e desde o goberno é unha vantaxe enorme, porque se está en condicións de corrixir os erros e facer as mudanzas poñéndoas en práctica.
A denominada fin de ciclo choca co empuxe dos gobernos de Macri e de Temer que se esgotaron rapidamente, recolocando o enfrontamento entre neoliberalismo e antineoliberalismo en novas condicións. Xa non se ten que comparar o que fixeron os gobernos progresistas co realizado polos gobernos neoliberais nos anos 90, senón a comparanza coa mesma realidade contemporánea, que permite aos que non se decartaron entender que as melloras que tiveron os países foron decisións políticas de gobernos progresistas que, unha vez substituídos, fan que perdan os dereitos conquistados.
En Ecuador volveu fica claro, neste caso de forma aínda máis nidia, como a alternativa aos gobernos posneoliberais está á dereita e non á esquerda. Máis que iso, a ultraesquerda, fronte a esa disxuntiva ou desaparece simplemente ou, peor, apoia a dereita, aínda que sexa o banqueiro máis rico do país. “Mellor un banqueiro que a continuidade da ditadura” proclamaron sectores do movemento indíxena aliñados co goberno dereitista de Lucio Gutiérrez, mesmo despois de que este fixese a súa viraxe pro EUA. Intelectuais que asinaron documentos de crítica ao goberno de Rafael Correa en plena campaña electoral, favorecendo a dereita, pretenden dar leccións á esquerda. Un candidato dunha esquerda supostamente alternativa a Alianza País, pronunciouse, na recta final, por Lasso.
Ecuador puxo couto á viraxe á dereita en países con gobernos antineoliberais. O esgotamento prematuro dos gobernos de Macri e de Temer xera a posibilidade real de que a esquerda volva dirixir a Arxentina e a Brasil: neste último caso coa perspectiva concreta do retorno de Lula. Calquera que triunfe nas eleccións presidenciais de México, verase obrigado a ollar cara a Latinoamérica, para resistir a ofensiva proteccionista do goberno de Trump, recompoñendo, de xeito aínda máis amplo, os procesos de integración latinoamericana.
A fin de ciclo non era fin de ciclo, era a fin da primeira vaga do ciclo antineoliberal, que xera agora as condicións dun segundo e definitivo ciclo de superación do neoliberalismo en América Latina.
[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 3 de abril de 2017]