Economía: Hai que cambiar de modelo? A que outro?

Miren Etxezarreta - 10 Ago 2020

Malia a pesada retórica sobre o cambio de modelo, todos os esforzos concretos se centran en volver á situación anterior. Poderíase dicir que todas as chamadas a esta mudanza se limitan a pretender unha economía máis eficiente e produtiva, mais dentro das orientacións esenciais dos esforzos realizados desde a crise de 2008

 Desde que se iniciou a pandemia, a bastante sectores da opinión pública, en particular entre os creadores de opinión, intensificáronse os comentarios e as recomendacións sobre a necesidade de cambiar de modelo económico. Xa se comentaba antes tamén, pero non era, como agora, unha expresión xeneralizada. Semella que as consecuencias do coronavirus levaron a percibir que o que durante décadas nos venderon como a fórmula ideal para a organización económica -o mercado sen control entre axentes privados- non só é un sistema inxusto e pouco eficaz, senón que se mostrou totalmente incapaz de resolver os complicados conflitos que xerou un grave e inesperado aspecto sanitario. Mesmo os organismos que máis insistían en sinalar as limitacións do ámbito público (ilustres académicos liberais, a UE, o FMI, a OCDE, as asociacións de empresarios e moitas máis) pasaron a esixir que os Estados sexan os axentes máis activos para resolver o problema. En contraste coas esixencias de austeridade da anterior crise financeira o eslogan é agora que o Estado interveña enerxicamente na vida económica e 'gastar, gastar, gastar' diñeiro público tentando resolver o problema sanitario e o económico que aquel xerou. Os gobernos convertéronse nos axentes activos principais para manter a vida económica.

 Conxuntamente coa necesidade de intervención pública intensifica a idea 'que hai que cambiar de modelo económico'. Faise moita referencia a que hai que innovar, mellorar a tecnoloxía, dixitalizar a economía, tomar en serio a ecoloxía e a sostibilidade, investir máis en I+D, etc. Sinálase tamén que hai que mellorar o sistema sanitario e anovar o sistema educativo, e, ás veces, só ás veces, menciónase a necesidade de atender as crecentes necesidades sociais e frear a desigualdade.

 Porén, malia a pesada retórica sobre o cambio de modelo, todos os esforzos concretos se centran en volver á situación anterior. Poderíase dicir que todas as chamadas a esta mudanza se limitan a pretender unha economía máis eficiente e produtiva, mais dentro das orientacións esenciais dos esforzos realizados desde a crise do 2008: unha economía máis e máis integrada na economía global, coas exportacións como elemento chave do crecemento, con máis capacidade de competir ferozmente con países similares nunha economía global sobredimensionada no contexto dunha nova crise mundial que xa se debuxaba antes da Covid-19, cando a globalización xa estaba en cuestión. Unha economía arrastrada desde fóra[1]. Unha reestruturación, racionalización e mellora dos sectores máis capaces e competitivos da economía do país especialmente naqueles sectores nos que se conseguiu algunha vantaxe competitiva. Para os máis humanistas engadía que se debería considerar tamén a situación dos grupos humanos máis vulnerábeis ('non se debería deixar a ninguén atrás').

 Supón procurar mellorar algún das súas vertentes, mais o modelo segue sendo o mesmo: Xunto a un limitado sector de vangarda de empresas exportadoras, facemos cada vez máis atractivo o turismo, sostido polo sol, praia e baixos prezos, negociamos porque a industria da automoción (toda dependendo de empresas globais) vexan atractivo o espazo económico de produción por unha demanda de exportación, melloramos un sector agropecuario, intensamente 'industrializado', competitivo polo clima e os baixos salarios, que produza moito e barato para alimentar Europa e o mundo e, no interior, mantemos unha industria da construción máis baseada en infraestructuras e gran obra pública que nunhas vivendas e urbanismo adecuados. Todo iso facilitado por uns salarios e unhas condicións laborais máis baixas que as dos nosos competidores, que dan lugar a unha situación social e laboral moi precaria, incapaz de fornecer emprego e salarios dignos a unha poboación con crecentes niveis de escolarización e ansias de consumismo.

 Aínda que se tivese un destacado éxito no intento, aínda que se conseguise facelo integrando os últimos avances dixitalizadores (5.0), cos nosos escolares, traballadores e empresarios familiarizados totalmente cuns sistema dixitalizados, con atención destacada á sostibilidade, aumentando considerabelmente o gasto en investigación, racionalizar adecuadamente os investimentos, etc., etc., no mellor dos casos sería unha mellora cuantitativa pero non un cambio de sistema, como se repite. Aínda que é moi difícil de conseguir, non se trata de negalo, podería mellorar nalgunha medida a situación da economía española, pero non podería ir moi lonxe.

 Non é unha tarefa sinxela porque ademais do noso atraso histórico -non deberiamos esquecer que até hai cincuenta anos eramos un país pobre do sur de Europa-, todos os países do mundo están intentando facer o mesmo nunha turbulenta economía mundial capitalista con exceso de produción. Até onde poderemos chegar? Seica non queda máis remedio que intentalo, claro, porque pola contra a nosa situación se degradaría aínda máis. Pero resulta ben problemático que se consiga dar o profundo paso adiante económico e social que a poboación deste país necesita.

 Poderiamos preguntarnos se non sería máis factíbel conseguir unha mellora substancial, real e permanente se de verdade se cambiase o sistema económico. Non me referirei a un abandono do capitalismo, porque dada a composición social da nosa sociedade actual isto non sería realista, senón moito máis modestamente, de cambiar de sistema alterando drasticamente o eixe do crecemento. Transformando a economía en lugar dun territorio que pretende crecer, desenvolverse e xerar benestar para o seu encaixe exterior (a súa capacidade de competir no mundo), facelo por un sistema centrado en proporcionar benestar á súa poboación partindo de bos empregos. Xerando bos empregos para todos, impulsar unha demanda interna que fomentaría a actividade económica, os ingresos e beneficios, que se autoalimenta facendo do emprego o núcleo central da dinámica do país e o benestar da poboación.

 O sistema non actuaría arrastrado pola procura de beneficios privados senón que estaría baseado nas necesidades da poboación e a vontade de cubrilas, que daría lugar ás ocupacións necesarias que proporcionarían a actividade económica, os ingresos e, tamén, os beneficios para as empresas (quizais non tantos como agora, pero si os suficientes para a reprodución ampliada constante da economía) . Brevemente poderiamos chamalo como sistema autocentrado, é dicir, partindo e centrado nas necesidades e desexos da súa xente, na súa calidade de vida, no benestar da poboación que constituiría o motor da actividade económica. Actualmente preténdese que a competitividade global e os beneficios que proporciona, actúen desde fóra como motor que arrastre a vida social, mentres que o sistema autocentrado consiste nun motor que desde o interior irradie forza a toda a economía baseándose na súa propia dinámica. No canto de intentar recuperar o turismo de calquera xeito como estamos observando estes días, trataríase de xerar emprego cualificado en educación, sanidade, servizos sociais, unha agricultura de calidade, unhas industrias punteiras, unha administración eficiente e áxil, unhas infraestruturas dedicadas ao benestar (por exemplo, os transportes de proximidade) e moitas outras. Actividades que por si mesmas manterían e expandirían a actividade económica pola súa propia dinámica, e non dependentes da competitividade externa.

 A economía dependería da súa propia fortaleza, situando a xeración de boa ocupación no centro dos seus proxectos. Os recursos existentes non deberían dedicarse a subvencionar empregos precarios en bares e hoteis senón que deberían cubrir as múltiples necesidades existentes como mestres e profesores, sanitarios das diversas especializaciades, técnicos cualificados en avanzadas tecnoloxías para as empresas produtivas, experimentados administrativos para as empresas e a administración pública e privada, investigadores de alto nivel, asistencia social con plena formación... que, ademais, xerarían suficientes empregos para unha poboación menos cualificada. Empregos decentes con salarios dignos que impulsarían a demanda e a actividade económica, cunha poboación satisfeita do seu traballo, o emprego do que non dependería das variacións das políticas de países afastados. Agora que se acepta que os gobernos establezan políticas de abundante gasto é un bo momento para iniciar este proceso. E seguramente non é máis caro que os cuantiosos fondos que se están gastando para paliar os desastres que xera o modelo actual.

 Non se trataría dun sistema pechado ou autárquico. En absoluto. O sector exterior sería o derivado dunha potente economía interna. Senón dun sistema socialmente planificado e regulado que cambia o puntal da súa dinámica de crecemento do beneficio privado ao benestar social. Que mesmo permitiría a existencia do beneficio privado, aínda que dentro de unas certas liñas de actuación. Que requiriría un sistema público moi activo e orientador (non se está esixindo agora iso mesmo do sector público?), cunha crecente participación da cidadanía organizada, que necesitaría unhas regulacións das súas relacións externas baseadas en amplas negociacións con outros países e empresas, que esixiría un potente cambio de mentalidade no seu estrato empresarial e directivo, probabelmente tamén na súa poboación traballadora... Mais podería facerse. Necesitamos que se faga, é verdade que se necesita un cambio de sistema, senón queremos vivir cada vez en sociedades con contradicións e dificultades maiores. Mais cómpre saber cara a onde avanzar.

 Hai xa grupos alternativos que propugnan a economía centrada na vida, que non queren unha sociedade tan consumista que necesite crecer e consumir sen pausa, horrorosamente desigual, que está esnaquizando o planeta. Queren unha economía que xere unha dinámica que permita o benestar e o desenvolvemento persoal de toda a poboación. Por que non atender as súas ideas no canto de se favorecer sempre nos intereses duns empresarios e uns dirixentes sociais o interese primordial é o seu beneficio, apoiados nunha visión da economía considerada xa en multitude de ámbitos como obsoleta e arcaica?

 É unha quimera? Podería ser, pero visto o resultado da organización económica na que vivimos, por que non intentalo? Probabelmente é máis realista que esperar unha mellora das nosas condicións de vida, do noso benestar, do noso pleno desenvolvemento como seres humanos, deste sistema capitalista global no que vivimos.

 

[Artigo tirado do sitio web Público, do 7 de agosto de 2020]