Economía e política a comezos do ano 2021

Julio C. Gambina - 21 Xan 2021

A desigualdade crecente adía toda visión optimista sobre obxectivos socioeconómicos establecidos e sinala a urxencia dunha conflitividade social na demanda de dereitos socioeconómicos deliberadamente restrinxidos en case medio século de reaccionarias reformas no nome da liberdade de mercado

 Non hai que agardar grandes mudanzas na economía mundial do 2021 respecto do acontecido o pasado ano e mesmo, dos inmediatos anteriores, aínda cando pesa e moito o impacto da Covid9 en 2020, o que agravou o proceso recesivo, ou de desaceleración, verificábel desde a gran crise de 2007/09, ou se se quere desde o 2001 estadounidense.

 Naquela oportunidade todo se resolveu con maior emisión e débeda pública, o que se repetiu aos poucos anos e volveu potenciarse e estenderse no presente, cunha débeda que chega ao 110% do PIB estadounidense. Ao lado dos usos monetarios despregouse a ofensiva militarista para soster a dominación estadounidense e “ordenar” o sistema capitalista en función da lóxica de acumulación dos seus capitais de orixe. Unha “orde” que con Trump empezou a mudar en “desorde”, unha “?norma” que non poderán superar os demócratas na nova xestión gobernamental. Os EUA non poden frear os cambios que operan na orde mundial capitalista e só poden tentar demorar a súa perda de peso relativo, coas formas específicas de Biden ou de Trump. Este non é un tolo alleado, senón expresión das dificultades da economía capitalista estadounidense.

 Son décadas, entre 2001 e 2021, de baixo crecemento e acumulación de serios problemas na situación mundial do capitalismo. A festa dos 90, ruptura da bipolaridade entre socialismo e capitalismo, do século XX atopou os seus límites materiais na valorización dos capitais, coa urxencia de novos territorios para a acumulación, especialmente China, que se hai 40 anos apenas existía na ponderación da produción mundial, hoxe disputa a primacía cos EUA. Cara ao 2001, cos EUA en crise, China recentemente iniciaba a súa estratexia de proxección internacional no marco da liberalización empurrada polos EUA desde a restauración conservadora de Reagan en 1980. Os EUA aceleraron entón a intervención estatal desde as políticas monetarias sustentadas desde o Tesouro e a Reserva Federal, cando China e a súa política de modernización avantaxaba con anos de planificación estatal e investimentos científicos, técnicos e tecnolóxicos que agora fan visíbel unha tendencia á ofensiva no control da innovación e a produción mundial. É un proceso que atinxe de xeito acelerado á internacionalización da moeda chinesa en desmedro da hexemonía do dólar establecida desde 1944/45.

 Por iso, ao pensar os problemas do capitalismo contemporáneo, recoñecemos, por unha banda, a mingua do poderío relativo dos EUA, que inaugura nova administración desde xaneiro e con expectativas de cambios na regulación financeira e a reanimación da economía baixo a xestión Biden-Yellen. Algúns imaxinan, coma se iso fose posíbel, unha nova rolda de políticas keynesianas, con importante intervención estatal nas pautas macroeconómicas, obviando que o problema transcende a esfera da macroeconomía e se asenta na falsidade da liberalización do mundo empresario, ou da microeconomía, tal como lles gusta aos profesores de manuais explicar o funcionamento da economía. A macro baixo dominio do Estado, a micro baixo as decisións do capital privado. Unha ilusión hai un século e moito máis na actualidade. Por iso tamén insistimos en que o outro fenómeno na economía mundial é a urxencia de China, que medrou de xeito destacado neste lapso, para competir na actualidade non só a primacía económica no ámbito global, senón a potencia dun novo ciclo de dominación mundial.

 Ambos os fenómenos da traxectoria dos EUA e de China nestas décadas, máis aló da guerra comercial e monetaria entrambos os países, actualizan a axenda de discusión sobre a produción e circulación de bens e servizos, tanto como as alianzas internacionais, algo verificado no recente acordo comercial entre China e a Unión Europea, agora minguada coa saída británica polo Brexit, que induce novos problemas á dinámica da circulación capitalista europea e global. Da orde emerxente do 45 do século pasado á desorde contemporánea pódense observar os movementos dunha complexa estratexia de renovación do capitalismo mundial. Sostivemos que as crises mundiais anovan as formas de expresión dos mecanismos esenciais da explotación da forza de traballo e os mecanismos extraeconómicos de apropiación da riqueza socialmente xerada, exacerbando no presente o papel da renda, do solo, petroleira, mineira, financeira, etc. A produción capitalista resignificouse en cada crise mundial, contra 1870, 1930, 1971 e claramente neste presente continuo entre 2001 e 2021.

 O tema é grave, por iso, aqueles que imaxinaron un rebote rápido da economía mundial deberán esperar, segundo afirman as distintas valoracións sobre o presente ano dos organismos internacionais e outros ámbitos de estudo sobre a conxuntura da economía mundial. Máis aló dos prognósticos, ninguén aventura hoxe unha rápida recuperación, cun horizonte incerto sobre os impactos económicos e sociais, mesmo de temas estratéxicos como o cambio climático, os cambios regresivos en cuestión de emprego e a crecente desigualdade na apropiación do ingreso e a riqueza[1]. Di o BM: “Espérase que a economía mundial se expanda un 4 % en 2021, supoñendo que a distribución inicial das vacinas contra a Covid19 (coronavirus) se amplíe ao longo do ano”. Supoñendo, di o informe, un vocábulo que non outorga seguridade e anima o que denominamos “incerteza”. Continúa o organismo: “Para superar os impactos da pandemia e contrarrestar os factores adversos que afectan aos investimentos, é necesario dar un gran impulso á mellora da contorna empresarial, aumentar a flexibilidade do mercado laboral e de produtos, e reforzar a transparencia e a gobernanza”. Lemos a énfase na micro, a lograr con flexibilidade laboral, ou sexa, todo á ganancia e en contra dos ingresos salariais e as súas condicións de traballo e de vida. Nada novo na reconversión capitalista para se relanzar despois da crise en curso. Nin sequera a aparición de vacinas no presente resolven no curto prazo a inmunidade sanitaria da poboación, facendo máis complexa a recuperación plena da capacidade instalada da produción mundial. A desigualdade crecente adía toda visión optimista sobre obxectivos socioeconómicos establecidos e sinala a urxencia dunha conflitividade social na demanda de dereitos socioeconómicos deliberadamente restrinxidos en case medio século de reaccionarias reformas no nome da liberdade de mercado.

 Unha liberdade cuestionada pola inmensa intervención estatal no rescate da economía, proceso enfatizado nos países de maior desenvolvemento capitalista, aínda baixo distintos gobernos, tanto nos EUA, como en Europa ou Xapón, tamén China (obvio). A intervención do Estado resulta esencial para explicar que a situación non sexa máis grave do que a realidade mostra con dramáticos datos que afectan a millóns de persoas desfavorecidas, non só por razóns sanitarias, caso da Covid19, senón pola marxinación social, o desemprego, a pobreza e a indixencia. A intervención estatal non se discute, senón, en favor de que sectores socioeconómicos e para atender cales demandas. O eixe central da actuación do Estado capitalista está no restablecemento da lóxica da ganancia, polo que crece a preocupación sociopolítica do pensamento crítico por atender as demandas sociais e económicas da maioría da poboación marxinada da mercantilización crecente da vida cotiá.

Premisas para un horizonte alternativo

 O problema é continuar facendo aquilo cuxos resultados coñecemos e con regresivos resultados. Hai xa medio século que as políticas hexemónicas levan a un desmantelamento da seguridade social xestada no medio século precedente nos países capitalistas, que confrontaban desde 1930 coas condicións sociais da reorganización civilizatoria expresada polo socialismo existente desde a revolución rusa en 1917. O desarmamento dos dereitos sociais é un fenómeno exacerbado nas últimas tres décadas logo da ruptura da bipolaridade no sistema mundial. É unha tarefa inacabada neste comezo da terceira década do século XXI, cuxa tendencia se agudiza nos últimos anos, aínda con algunhas fiestras de esperanza, abertas a contramán, caso do cambio político operado na primeira década deste século en Nuestramérica. Un proceso que foi contrarrestado con forte intervención mediática e propagandística, sen menoscabar outras fontes tradicionais de intervención para reverter procesos cuestionadores da liberalización e mercantilización da cotidianeidade.

 A experiencia do cambio político debe ser discutida, moi especialmente no relativo ao cambio económico, á potencialidade de reformas nas relacións económico-sociais máis aló da intervención estatal, onde destaca a orientación cara a formas comunitarias e cooperativas de longa tradición na rexión e no mundo. É un tema que recolleu o novo constitucionalismo en Nuestramérica, moi especialmente nas reformas do 2009 en Bolivia e en Ecuador. Son referencias institucionais que requiren pasar a constituírse en política do Estado e da Sociedade, con gran participación social na toma de decisións para a discusión sobre o sentido da produción e a distribución, o que supón analizar os suxeitos económicos do cambio social e político. En rigor, supón discutir un marco referencial diferente para a situación actual da economía na rexión e no mundo. As análises da CEPAL insisten nas desvantaxes da rexión para a produción e o comercio mundial, incluso a escasa expectativa en ser receptores de investimento externo, salvo para profundar o saqueo sobre os bens comúns e unha maior explotación da forza de traballo.

 Un novo paradigma de produción se require para satisfacer as demandas sociais dos pobos na nosa rexión e no mundo. As experiencias recentes, da primeira década do século XXI deixaron un conxunto de institucións que constitúen programa para pensar en respostas creativas no noso tempo. Trátase dunha orientación cara a políticas soberanas en materia de alimentación, enerxía, ou finanzas. Neste último caso implica a posibilidade de desenvolver unha nova arquitectura financeira que poña freo á fuga de recursos xerados socialmente co esforzo do traballo dos nosos pobos. Cando en Davos se discute sobre o “reinicio” despois da crise, os pobos necesitan recrear o programa alternativo, en contra e máis aló do capitalismo.

 A crise leva a anovar ao capitalismo, pero tamén a desafiar a orde civilizatoria sustentada na explotación e o saqueo, que afecta aos seres humanos e á propia natureza. A Covid19 é expresión dese fenómeno, do modelo produtivo capitalista. Por iso é polo que se debe pensar e actuar criticamente, na procura dunha nova orde económica e social sustentada no coidado da natureza e a satisfacción das amplas necesidades sociais. A orde capitalista e as súas incertezas do presente só agoiran maiores miserias para os pobos do mundo e impoñen a necesaria construción doutra orde social Non se trata de resetear o capitalismo, senón que se require combatelo e despregar novas relacións socioeconómicas entre as persoas. Como sempre sostemos, non é só economía, senón política, dúas esferas da actividade humana indisociábeis.

_______________________________________________________________________________________

Nota:

[1] Pode lerse: a) FMI. Perspectivas da Economía Mundial, en: https://www.imf.org/es/Publications/WEO; b) Banco Mundial. “La economía mundial se expandirá en un 4 % en 2021”, en: https://www.bancomundial.org/es/news/press-release/2021/01/05/global-economy-to-expand-by-4-percent-in-2021-vaccine-deployment-and-investment-key-to-sustaining-the-recovery ; c) Foro económico Mundial. Riscos globais 2021: futuro fracturado, en: http://reports.weforum.org/global-risks-report-2021/global-risks-2021-fractured-future/

_______________________________________________________________________________________

 

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 21 de xaneiro de 2021]