Economía colaborativa ou ruptura dos dereitos laborais

Vicente Mora González - 21 Xun 2017

É sabido que o capitalismo aspira a dominar e rendibilizar todos os ámbitos da nosa vida, por suposto tamén o noso lecer. Agora sabemos que o mellor xeito de se apropiar do noso tempo libre é transformándoo en traballo, por suposto a cambio dunha remuneración low cost

A chamada “economía colaborativa” veu para ficar. Baixo unha atractiva e enganosa denominación parece instaurarse un suposto novo modo de relación produtiva e laboral, que nos liberará por fin das ataduras e escravitudes do paradigma clásico do traballo asalariado. Xa non queremos ser obreiros e ter un contrato de traballo cunha xornada e un xefe como os nosos devanceiros. Lemos nas páxinas web destas plataformas como se aveciña un paraíso laboral baixo unha envoltura idílica: “Traballa como freelance con total liberdade. Ti escolles cando te conectas e que pedidos aceptas”; “Ofrécete a forma máis divertida de traballar e compartir o teu tempo con outras persoas”; “A flexibilidade do servizo que ofrecemos permite ter máis liberdade e facilidade para xerar ingresos durante o seu tempo de lecer”.

 Trátase de servizos cada vez máis diversos: transporte de persoas e mercadorías, tarefas de limpeza en domicilios, coidados de persoas dependentes… Axiña pode estenderse a calquera servizo a empresas e particulares, deixando atrás tamén o vello modelo de subcontratación de servizos, pois básease nos avances acelerados nas tecnoloxías da sociedade da información, que, a través dun smartphone, converte en inmediata a satisfacción de calquera demanda.

 Mais cal é a realidade das persoas que traballan nestas plataformas? O “colaborador” destas, por exemplo o que vemos sucar as nosas rúas sobre unha bicicleta, portando ás súas costas unha gran caixa con alimentos, subscribiu coa empresa o compromiso de atender, en principio de forma voluntaria, as demandas dos clientes, percibindo a cambio unha tarifa por servizo realizado. Para iso, debe inscribirse na web da plataforma e comprometerse a poñer a disposición un vehículo propio (bici, moto ou coche), un móbil, darse de alta como autónomo en Facenda e Seguridade Social, ingresar trimestralmente o IVE e responsabilizarse do pagamento das cotas a Seguridade Social como traballador por conta propia. Case nada. A voluntariedade e flexibilidade horaria que se predica queda en dúbida, desde o momento en que as plataformas comezan a establecer penalizacións (que por suposto non se inclúen nas suxestivas paginas web) en caso dun número determinado de rexeitamentos a atender os servizos, até chegar á expulsión do “colaborador”. Obviamente, este réxime de adscrición individual fai imposíbel o exercicio dos dereitos sindicais e a negociación colectiva, reducindo á nada calquera poder de presión para mellorar as condicións de traballo ou retributivas. Por suposto a “plataforma” non se responsabiliza da seguridade e saúde do traballador.

 Pagar as cotas a Seguridade Social como autónomo supón un esforzo para o “colaborador” (267 euros ao mes, aínda que nos primeiros 18 meses se reduza a unha cantidade entre 50 e 187 euros, debido ás medidas aprobadas polo Goberno en 2013). Ao que debe engadirse quizais pagar unha xestoría para tramitar o IVE, e desde logo manter a punto o vehículo, etc. En moitos casos, unha vez finalizada a tarifa plana da cota á Seguridade Social, resulta dificilmente sostíbel, agás que se traballen moitas horas e quizais para varias plataformas, poñendo en risco a saúde e desde logo suprimindo o tempo de lecer que supostamente se enche con estas “colaboracións?”.

 Parecería que estas ofertas van dirixidas a canalizar os desexos de persoas que non saben a que dedicar o seu lecer, tempo libre e coche ou bicicleta. Nada máis fóra da realidade. Unha cousa é poñer a disposición un ben infrautilizado e outra que ese ben sexa o tempo dunha persoa. Non é o lecer o que unha persoa pon á venda senón un traballo, medíbel en tempo e prezo. E faise para obter medios de subsistencia, o que só pode lograr traballando día e noite. É sabido que o capitalismo aspira a dominar e rendibilizar todos os ámbitos da nosa vida, por suposto tamén o noso lecer. Agora sabemos que o mellor xeito de se apropiar do noso tempo libre é transformándoo en traballo, por suposto a cambio dunha remuneración low cost.

 O traballo por conta allea ten unha definición ben precisa no Estatuto dos Traballadores. É traballador aquel que “voluntariamente preste os seus servizos retribuídos por conta allea e dentro do ámbito de organización e dirección doutra persoa, física ou xurídica, denominada empregador ou empresario”. Os Tribunais dixeron que o que define a un traballador non é dispoñer un horario máis ou menos flexíbel, mesmo non telo, nin tampouco é a autonomía na execución deste. O que xuridicamente converte unha prestación de servizo en laboral é, ademais da súa natureza persoal, voluntaria e retribuída (non gratuíta), a concurrencia de dous elementos, que adoitan estar interconectados entre si. O primeiro é a “alleidade” de froitos e riscos. É dicir, a apropiación por un terceiro do resultado do traballo efectuado polo empregado. O segundo é a “dependencia”, é dicir, traballar baixo o ámbito de organización e dirección do empresario, en definitiva que o que traballa estea controlado por aquel para o que traballa.

 O traballo para plataformas da chamada “economía colaborativa” encobre falsos autónomos e é outra forma de precarización extrema do mercado de traballo. A resposta sindical e institucional, a través da Inspección de Traballo, é escasa, en parte porque de momento non se denuncian estas situacións. Pero tamén debe saberse que nin o Ministerio de Emprego e Social nin as autoridades laborais das comunidades autónomas programaron campañas específicas para atallar estas irregularidades. A que esperan? Espero que non se trate de gañar tempo para, tras crearse unha “burbulla”, legalizar estas situacións, incrementando o abuso e a precarización laboral.

 

 

[Artigo tirado do sitio web Público, do 18 de xuño de 2017]