Ecoloxismo da clase traballadora e xustiza climática

Lorenzo Feltrin/Emanuele Leonardi - 19 Abr 2024

A suba dos prezos dos alimentos e da enerxía durante o 2022 –que xerou unha vaga de mobilizacións e revoltas de masas en múltiples países (Perú, Ecuador, Panamá, Sri Lanka, Serra Leoa, etc.)– confirmou que ningunha transición ecolóxica será posíbel sen unha redistribución da riqueza a escala mundial

 O 9 de xullo de 2021, Melrose Industries anunciou o peche da súa fábrica GKN Driveline (ex FIAT) de eixos para automóbiles en Campi di Bisenzio (Florencia), así como o despedimento dos seus traballadores e traballadoras (máis de 400). Mentres que en moitos casos deste tipo as e os traballadores e os sindicatos se conforman con negociar maiores indemnizacións por despedimento, o Colectivo da Fábrica GKN ocupou as instalacións e iniciou unha longa loita contra o desmantelamento da empresa. Con todo, o que fai realmente único o conflito de GKN Florencia é a estratexia adoptada polos traballadores e traballadoras, que selaron unha alianza co movemento pola xustiza climática redactando un plan de reconversión para un transporte público sostíbel e exixindo que se adoptase. A devandita estratexia xerou un ciclo de amplas mobilizacións –que sacaron repetidamente a decenas de miles de persoas á rúa–, de xeito que o conflito segue aberto e a fábrica permanece ocupada a día de hoxe. En decembro de 2022, a Fundación Feltrinelli de Milán sacou un número especial dos seus Quaderni, no que publicou o “Plan para un Centro Público de Mobilidade Sostíbel” redactado polo Colectivo da Fábrica GKN e o seu grupo de investigación solidaria. Este artigo –sobre o fracaso da transición ecolóxica desde arriba e a necesidade dunha converxencia entre as loitas no centro de traballo e as loitas comunitarias para avanzar cara a unha transición desde abaixo– publicouse orixinalmente en italiano como posfacio ao Plan.

O fracaso da transición ecolóxica desde arriba

 Desde as grandes folgas climáticas de 2019, e máis aínda tras o recoñecemento das raíces medioambientais da pandemia da covid-19, a transición ecolóxica parece estar en todas as partes. Mentres que a Unión Europea a converteu na pedra angular da súa estratexia de recuperación, o Goberno de Draghi mesmo estabeleceu un novo ministerio orientado a ela. Con todo, abonda cun rápido repaso histórico para frear todo entusiasmo. En efecto, polo menos desde 1992 –ano da soada Cimeira da Terra de Río de Janeiro– e baixo a tutela das Nacións Unidas, os países implicados lexislan segundo unha estratexia que podemos definir como de transición ecolóxica desde arriba. A idea forte que a sustenta é tan simple como disruptiva: non é certo, como se pensaba antes, que a preservación do medio ambiente e o crecemento económico se exclúan mutuamente. Ao contrario, a economía verde ben entendida é capaz de ser consciente do límite ecolóxico, que pasa de ser un atranco ao desenvolvemento capitalista a converterse no fundamento dun novo ciclo de acumulación.

 Centrando a nosa atención na gobernanza climática, a tradución desa idea central é a seguinte: aínda que o quecemento global representa un fracaso do mercado, derivado do feito de que non se teñen en conta as denominadas externalidades negativas, a única forma de abordalo é estabelecendo novos mercados para pór prezo –e intercambiar– distintos tipos de produtos básicos da natureza; por exemplo, a capacidade dos bosques para absorber CO2. Non se trata de viaxes desatinadas nun reino platónico de teoría abstracta: estes mecanismos flexíbeis para a mercantilización do clima, estabelecidos polo Protocolo de Kioto en 1997 e relanzados polo Acordo de París de 2015, seguen sendo a principal ferramenta de política económica despregada pola Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático.

 Desde o principio, a promesa desta transición ecolóxica –aplicada ao quecemento global– foi ambiciosa e explícita: a man invisíbel do mercado sería capaz de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e, ao mesmo tempo, garantir altas taxas de beneficio. Sen dúbida, un cuarto de século é un lapso de tempo suficiente para avaliar a eficacia dunha política pública, máis aínda no caso da crise ecolóxica, pois a urxencia de tomar medidas decisivas respecto diso é evidente. A pregunta entón é: diminuíron as emisións?

Gráfico 1. Emisións anuais de CO2

Fonte: Global Carbon Project[1]

 Este gráfico vale máis que un millón de palabras: non, as emisións non diminuíron.

 Vertéronse ríos de tinta para debater as razóns de tal fracaso. Velaquí algunhas hipóteses: excesiva xenerosidade na asignación das cotas, información errónea, corrupción omnipresente, erros de deseño, deficiencias normativas. Con todo, o resultado –que é o máis importante– está meridianamente claro: situar o mercado como eixo da política económica e climática non conduce a unha diminución das emisións, senón a novos aumentos. Un fracaso total. Sendo conscientes diso, podemos proceder a formular a cuestión da converxencia entre as loitas nos centros de traballo e a xustiza climática na actualidade[2].

A raíz obreira da ecoloxía política

 Antes de entrarmos no miolo da cuestión, cómpre facermos dúas advertencias. A primeira refírese ao feito de que a transición ecolóxica desde arriba suxire unha compatibilidade –máis aínda: unha afinidade electiva– entre a protección do medio ambiente e o crecemento económico, a condición de relegar, marxinándoo, o movemento obreiro e a súa función social de loita contra as desigualdades; ou, o que é peor, cualificándoo de actor refractario ao cambio en nome da protección de empregos ecoloxicamente insostíbeis. O suxeito da economía verde é o propio empresario: audaz, ilustrado, intelixente. De feito, a súa capacidade innovadora nace da indiferenza ante os atrancos que supoñen os corpos intermedios (os sindicatos, en primeiro lugar) e a lentitude burocrática do procedemento institucional, en particular das prácticas democráticas. Isto xera unha tendencia –segunda advertencia– a supor que a defensa das condicións de traballo e do ecoloxismo están irremediabelmente enfrontadas. A idea subxacente é que a chantaxe laboral –ou a saúde ou o salario– é fundamental para o destino da industria.

 Esta narrativa recibiu certa lexitimación historiográfica que, aínda que non sexa completamente falsa, é certamente parcial e dista moito de ser inocente. Datar a primeira politización xeneralizada sobre a cuestión ambiental no período comprendido entre finais dos anos setenta e principios do oitenta –é dicir, despois do gran ciclo de loitas da fase fordista– é, de feito, unha interiorización implícita da derrota do chamado Longo 1968, unha extraordinaria tempada de mobilizacións que apuntara que a democracia económica era unha condición necesaria para combater a degradación medioambiental no centro de traballo, incluída a contaminación do aire, o solo e a auga, eliminándoa nalgúns casos por completo.

 Para evitar malentendidos, aclaremos que é innegábel que tal derrota se produciu. Con todo, é lexítimo cuestionar a súa suposta inevitabilidade. Ademais, a constante deterioración das bases materiais da reprodución da biosfera fai que sexa extremadamente urxente contemplar esa viraxe histórica desde unha nova perspectiva. De feito, a marxinación do movemento obreiro non veu acompañada da erradicación da nocividade industrial. A pesar de décadas de negociacións sobre o clima, nos últimos trinta anos a cantidade de emisións de gases de efecto invernadoiro superou o total producido entre o século XVIII e 1990. Para abrir o espazo a (re)vincular o movemento ecoloxista e o obreiro é necesario liberarse do fetiche dunha complicidade entre o capital e o medio ambiente. En poucas palabras, o que necesitamos é iso, e exemplifícao perfectamente o Plan para un Centro Público de Mobilidade Sostíbel.

 Neste contexto, reinterpretar os conflitos ao redor da nocividade que tiveron lugar entre os anos sesenta e setenta permite demostrar que a cuestión ecolóxica se politizou amplamente grazas ao movemento obreiro, non a pesar del. Foi por mor de conflitos duros e innovadores, como os das unidades de pintura de FIAT ou as plantas químicas de Montedison, que a cuestión dun medio ambiente san –primeiro na fábrica e despois no territorio que a rodea– deixou de ser un tecnicismo para se converter na aposta política das loitas sindicais e do movemento social.

 Podemos utilizar a evocadora fórmula ecoloxismo da clase traballadora para designar a constitución dun saber partidario centrado no centro de traballo. Este converteuse así nun tipo peculiar de ecosistema na medida en que a clase obreira o converteu no seu hábitat natural, acabando por coñecelo mellor que ninguén. Non é casualidade que os conflitos contra a nocividade industrial fosen os primeiros en criticar ferozmente a chamada monetarización da saúde, é dicir, a idea de que os aumentos salariais e as primas podían compensar a exposición a substancias tóxicas –ás veces mortais– e outras formas de riscos laborais. Foi ao redor da imposibilidade de indemnizar os danos á saúde como figuras chave daquelas batallas –entre outras, Ivar Oddone en Turín e Augusto Finzi en Porto Marghera– centraron as campañas militantes duradeiras, cuxo rastro é doadamente recoñecíbel na reforma sanitaria de 1978 que estabeleceu o servizo nacional de saúde de Italia.

 Hai que engadir dous elementos importantes. O primeiro, que as loitas contra a nocividade industrial non terían un impacto tan disruptivo sen a súa conexión con mobilizacións máis amplas que afirmaban a importancia da reprodución social grazas ao desenvolvemento do pensamento feminista. O segundo, que o movemento obreiro non conseguiu alcanzar unha estratexia unificada: máis ben xurdiu unha tensión entre a perspectiva dunha redención do traballo asalariado –apoiada, por exemplo, por Bruno Trentin, que naquela época era o secretario xeral da Federazione Impiegati Operai Metallurgici (FIOM), o maior sindicato metalúrxico– e a dunha liberación do traballo asalariado, abrazada polas organizacións obreiristas como Potere Operaio primeiro e Autonomia Operaia despois.

 Cremos razoábel supor que a incapacidade de conciliar estas dúas opcións ao redor da reivindicación común dunha redución da xornada laboral (sen recortes salariais) foi un elemento significativo na derrota dese ciclo de loitas. En lugar dun poder da clase obreira sobre a composición cualitativa da produción, o que se produciu foi a violenta reacción do capital: fragmentación do traballo, redución do Estado do benestar, financeirización acelerada, así como –desde o punto de vista ambiental– a transición ecolóxica desde arriba que acabamos de esbozar. Con todo, a medida que se manifesta o fracaso da devandita estratexia, reábrese o xogo. O recordo das loitas de hai medio século adquire hoxe unha relevancia anovada e a cuestión da converxencia entre os conflitos laborais e as mobilizacións climáticas e ambientais revélase como extremadamente actual.

Converxer para se erguer, en e contra a crise ecolóxica

 A derrota do Longo 1968 levounos a un mundo de desindustrialización nociva, concepto que designa a desindustrialización do emprego en zonas onde seguen funcionando industrias significativamente nocivas. Segundo as estimacións recentemente actualizadas da OIT, a porcentaxe mundial de emprego no sector manufactureiro diminuíu lenta pero constantemente, pasando do 15,6 % en 1991 ao 13,6 % en 2021. Durante o mesmo período, as emisións de carbono xeradas por combustíbeis fósiles –que inclúen as dos dispositivos producidos pola industria, pero utilizados en todos os demais sectores e polos consumidores finais– aumentaron de 23 000 a 36 000 millóns de toneladas anuais (como mostra o Gráfico 1). Ademais, segundo Climate Analysis Indicators Tool, entre 1991 e 2018, as emisións xeradas directamente pola industria pasaron de 4 400 a 7 600 millóns de toneladas. En resumo, a lóxica do beneficio traduciuse tanto na perda (relativa) de postos de traballo nas fábricas, coa precarización do emprego que adoita seguir a isto, como na profundación da devastación ambiental.

 As temperaturas sen precedentes, as secas, as malas colleitas, o desxeo dos glaciares e as mortes causadas por condicións meteorolóxicas extremas que presenciamos en 2022 son a enésima confirmación de que a situación é dramática. Estamos na crise ecolóxica, non só como vítimas dos impactos da devastación ambiental distribuídos de forma moi desigual en función da clase, a raza e o xénero a escala global. Estamos en crise porque, na nosa sociedade, a subsistencia da clase traballadora depende do traballo capitalista e, polo tanto, a maioría da xente depende do crecemento infinito da produción de mercadorías. Neste sentido, a chantaxe laboral non concirne só ás instalacións produtivas altamente nocivas, é máis ben unha propiedade intrínseca e transversal do capitalismo que aparece con niveis variábeis de intensidade en diferentes contextos.

 Para formular a cuestión de como fortalecer un ecoloxismo desde abaixo, parécenos útil actualizar o método de análise da composición de clase seguindo tres liñas: 1) unha concepción ampliada da clase obreira, definida pola obriga de vender a súa forza de traballo; 2) unha concepción do traballo que inclúa tanto a produción como a reprodución; 3) unha concepción dos intereses da clase obreira que abranga tanto o lugar de traballo como a comunidade (ou o territorio).

 En primeiro lugar, consideramos parte da clase obreira a todas aquelas persoas que –desposuídas da propiedade e o control de importantes magnitudes de medios de produción– viven baixo a pulsión de vender a súa forza de traballo, tanto para a produción de mercadorías como para a reprodución de forza de traballo adicional, independentemente de que atopen ou non compradores estábeis. Aínda que esta conceptualización exclúe a clase media, na que o capital delega algunhas responsabilidades na xestión da sociedade, no entanto, é máis ampla que as estreitas visións dominantes; o suficientemente ampla como para incluír a xente desempregada, as e os traballadores reprodutivos, informais e os intelectuais subordinados e os traballadores e traballadoras autónomas dependentes.

 En segundo lugar, seguindo o feminismo da reprodución social, definimos como traballo capitalista todas aquelas actividades –asalariadas e non asalariadas, directamente produtivas e reprodutivas– explícita ou invisiblemente subordinadas á acumulación de capital, independentemente do sector económico. De feito, as persoas desposuídas traballan na fabricación de mercadorías (traballo directamente produtivo) ou na fabricación non directamente mercantilizada e no mantemento dunha man de obra empregábel para o capital (traballo reprodutivo). A distinción entre traballo directamente produtivo e reprodutivo non vén determinada por diferentes tipos de actividades concretas, senón pola fronteira da desmercantilización[3].

 En terceiro lugar, consideramos que os intereses da clase obreira están relacionados tanto co centro de traballo como coa comunidade ou o territorio. A distinción entre o centro de traballo e a comunidade –do mesmo xeito que entre produción e reprodución– non se basea en espazos físicos diferentes, senón nas relacións sociais: o lugar de traballo é o ámbito das e os traballadores como produtores ou reprodutores, mentres que a comunidade é a esfera das e dos traballadores como reproducidos[4]. Con frecuencia, os intereses da clase traballadora concíbense como centrados na fábrica (seguridade laboral, salarios altos, saúde e seguridade, etc.). Sen dúbida, a redistribución da riqueza a través de salarios máis altos por menos horas axudaría a superar o dilema entre emprego e medio ambiente ao reducir, en primeiro lugar, a necesidade de postos de traballo. Pero, en calquera caso, os traballadores e traballadoras non desaparecen cando abandonan o seu posto de traballo. Ao contrario, volven aos seus barrios, respiran o aire fóra das fábricas e oficinas, gozan do seu tempo libre relacionándose coa ecoloxía que os rodea. Así pois, os intereses da clase traballadora non só teñen que ver cos dereitos laborais, senón tamén coas condicións das súas comunidades (prezos ao consumo, servizos de benestar, contornas saudábeis, etc.).

 A tripla expansión dos intereses da clase obreira, do traballo e da clase traballadora proposta aquí pretende superar as perspectivas que reforzan a chantaxe laboral. De feito, se o verdadeiro traballo é unicamente asalariado e industrial e, polo tanto, a verdadeira clase obreira é desproporcionadamente masculina (e branca, até hai pouco), e se os verdadeiros intereses da clase obreira consisten principalmente en manter o propio posto de traballo tal e como está, a saída está fóra do noso alcance. Este beco sen saída agrávase aínda máis se se considera que as mobilizacións comunitarias carecen de contido de clase, coma se os habitantes das comunidades afectadas por graves inxustizas ambientais, na súa maioría de clase traballadora, non tivesen que traballar para poder vivir. Pola contra, unha comprensión integradora de tales conceptos préstase máis facilmente á creación de coalicións entre traballadoras e traballadores situados de forma diferenciada dentro do sistema de xénero-raza-clase.

 Na teoría obreirista, a forma en que se organiza e estratifica a forza laboral no centro de traballo a través de procesos de produción, niveis tecnolóxicos, diferenzas salariais, cadeas de valor, etc., constitúe a composición técnica da clase, o seu lado obxectivo, por así dicilo. En cambio, a composición política da clase obreira está dada polo grao en que as e os traballadores como clase superan, ou non, as súas divisións para facer valer os seus intereses comúns fronte ao capital. Este é o lado subxectivo, composto polas formas de conciencia, loita e organización dos traballadores e traballadoras. Seth Wheeler e Jessica Thorne propuxeron utilmente actualizar este marco engadindo a composición social da clase traballadora, é dicir, as formas en que as e os traballadores se reproducen na comunidade, por exemplo, a través da familia, a vivenda, o benestar e os réximes de saúde. O lado obxectivo da composición de clase bifúrcase entón entre a composición técnica (relacionada co centro de traballo) e a composición social (relacionada coa comunidade).

 Desde esta perspectiva, é posíbel analizar como se segmenta a clase traballadora tamén en relación coa degradación ambiental. Por exemplo, as comunidades próximas ás industrias altamente contaminantes adoitan estar desproporcionadamente compostas polos segmentos máis desfavorecidos da clase traballadora, en moitos casos tamén racializados, e non necesariamente teñen un acceso xeneralizado aos postos de traballo nas fábricas. Para estes segmentos da clase traballadora, a transición ecolóxica local suporía un benvido descenso das taxas de cancro e outras enfermidades superiores á media. Con todo, para as que traballan en industrias contaminantes, a situación é diferente, aínda que non necesariamente irreconciliable. Para elas, as transicións ecolóxicas representan máis ben un risco de acabar en empregos máis precarios e peor pagos.

 O desafío de estar en contra da crise ecolóxica é, polo tanto, o de romper a chantaxe creando converxencias entre as loitas no lugar de traballo e as loitas comunitarias. Este paso dista moito de ser automático, xa que a clase traballadora está fragmentada ao longo dunha miríade de configuracións ocupacionais e residenciais, unha realidade obxectiva que con demasiada frecuencia alimenta as divisións entre o sindicalismo, como expresión dos intereses no centro de traballo, e o ecoloxismo desde abaixo, como expresión dos intereses comunitarios da clase traballadora. Trátase de esforzarse por recompor politicamente esas divisións construíndo plataformas reivindicativas que articulen as loitas no centro de traballo e na comunidade.

Conclusións: o conflito en GKN e a transición ecolóxica desde abaixo

 A loita do Colectivo da Fábrica GKN é unha paso clave na construción dunha alternativa a unha transición ecolóxica desde arriba que –ao non cuestionar o sistema que produciu a crise– non ten moito que ofrecer en termos de sustentabilidade real. De feito, recuperando o fío vermello do ecoloxismo obreiro, o Colectivo realizou unha demostración práctica e militante de que a converxencia entre o centro de traballo e a comunidade territorial ao redor das consignas da xustiza climática é unha estratexia viábel. Na práctica, o seu enfoque innovador foi capaz de xerar amplas mobilizacións de masas, sacando repetidamente á rúa a decenas de miles de persoas e conseguindo alterar dese modo un plan de reestruturación que non atopou unha resistencia impactante en situacións similares noutros lugares. Como mostra claramente a declaración conxunta do Colectivo da Fábrica GKN e Fridays for Future para convocar as grandes manifestacións dos días 25 e 26 de marzo de 2022, este proceso vai máis aló do destino da propia fábrica: «Unha verdadeira transición climática, ecolóxica e social non pode prescindir da capacidade dunha sociedade para establecer formas de planificación integrais e sostíbeis. E esa planificación non se pode xerar a través de chantaxes e xerarquías laborais ou na opresión e represión das comunidades –como ocorre desde hai anos, por exemplo, no Val de Susa–, senón que debe provir dun espertar da democracia radical e participativa»[5].

 Tales palabras captan a dimensión sistémica da nosa difícil situación. En realidade, a mercantilización é unha cuña que separa a produción capitalista da reprodución da vida, subordinando a segunda á primeira. O beneficio non se basea unicamente no crecemento infinito, senón tamén na capacidade de producir cousas que a xente merque. Porén, as opcións de consumo do mercado son intrinsecamente individualistas e a curto prazo, mentres que a planificación democrática é colectiva e potencialmente previsora. O plan de reconversión elaborado polo Colectivo da Fábrica GKN e o seu grupo de investigación solidaria é un exemplo de como eses horizontes aparentemente afastados poden atopar, mesmo na desfavorábel conxuntura política actual, unha saída concreta: a nacionalización baixo control obreiro para a creación dun Centro Público de Mobilidade Sostíbel.

 Xunto coa dimensión cualitativa da desmercantilización, tamén debe abordarse o aspecto cuantitativo e distributivo relacionado cos niveis de ingresos e as horas de traballo: «Exiximos unha redución da xornada laboral sen recortes salariais para que as cotas de traballo se redistribúan equitativamente entre a poboación. É posíbel traballar menos se todo o mundo traballa, e é un dereito polo que todo traballador, de hoxe e de mañá, debe loitar[6]».

 En efecto, a suba dos prezos dos alimentos e da enerxía durante o 2022 –que xerou unha vaga de mobilizacións e revoltas de masas en múltiples países (Perú, Ecuador, Panamá, Sri Lanka, Serra Leoa, etc.)– confirmou que ningunha transición ecolóxica será posíbel sen unha redistribución da riqueza a escala mundial.

 Velaquí, pois, os elementos chave dunha transición ecolóxica desde abaixo: desmercantilización da produción, redución da xornada laboral, redistribución da riqueza. A converxencia entre as loitas no centro de traballo e as loitas comunitarias, da que o conflito de GKN é un exemplo, será un nodo crucial para as amplas mobilizacións necesarias para chegar a fin de mes e, ao mesmo tempo, ir máis aló do fin do mundo.

_____________________________________________________________________________

* Esta achega realizouse co apoio da bolsa de investigación ECF-2020-004 do Leverhulme Trust.

https://projectpppr.org/populisms/working-class-environmentalism-and-climate-justice-the-challenge-of-convergence-todaynbsp#edn_4=

_____________________________________________________________________________

Notas:

[1] https://ourworldindata.org/co2-emis

[2] Por xustiza climática entendemos unha perspectiva que considera o quecemento global como un síntoma de desigualdade a escala planetaria. A devandita desigualdade pode adoptar dúas formas: entre o Norte e o Sur Global (é dicir, entre os países que teñen máis responsabilidades na creación do problema e os que están máis expostos ás súas consecuencias prexudiciais) e entre as clases sociais (as responsabilidades dos investimentos en combustíbeis fósiles, do mesmo xeito que os seus impactos, non se distribúen por igual tamén neste aspecto). As primeiras versións da xustiza climática –a finais dos anos 90– facían fincapé na primeira forma. Desde 2019, con todo, houbo máis intentos de articular ambas as formas nunha crítica internacional e social do “capitalismo fósil”.

[3] Por exemplo, os alimentos son necesarios para a reprodución da forza de traballo. Con todo, cultivar alimentos para unha empresa agrícola é directamente produtivo; cultivalos para o autoconsumo nun contexto capitalista é reprodutivo.

[4] Nalgúns casos, un espazo físico é á vez lugar de traballo e contorna comunitaria para as mesmas persoas. Por exemplo, o fogar é á vez un lugar de traballo para o traballo reprodutivo (ou tamén para o traballo produtivo, como no traballo a distancia) e unha contorna comunitaria. Noutros casos, un espazo físico é un lugar de traballo para uns e unha contorna comunitaria para outros. Por exemplo, un hospital é o lugar de traballo dos seus empregados e unha contorna comunitaria para os seus pacientes.

[5] Colectivo de Fábrica GKN e Fridays for Future, 2022, “25-26: Unha soa data”. Outro exemplo desta toma de conciencia atópase na declaración conxunta do Colectivo de Fábrica GKN e Fridays for Future, que chama á segunda dobre data de converxencia (a folga climática do 23 de setembro de 2022 e a manifestación nacional “Converxer para levantarse” do 22 de outubro de 2022 en Bolonia): “A seca, o desxeo dos glaciares seculares e as vagas de calor cada vez máis intensas son a dramática confirmación dos cambios procreados polo quecemento global. Loitamos constantemente por chegar a fin de mes, contra a precariedade, contra a externalización, contra a inflación e por un salario digno. Porén, a loita pola fin de mes non ten sentido se non a gañamos contra “a fin do mundo”. E é imposíbel conseguir que unha parte cada vez maior da poboación se implique na loita contra o fin do mundo se non a unimos á loita por chegar a fin de mes”.

[6] Ibídem.

_____________________________________________________________________________

Bibliografía:

Balestrini, Nanni, and Primo Moroni, 2021 [1988], The golden horde: Revolutionary Italy, 1960–1977, Kolkata: Seagull Books. 

Barca, Stefania, 2020, Forces of reproduction: Notes for a counter-hegemonic Anthropocene, Cambridge: Cambridge University Press. 

Barca, Stefania, and Emanuele Leonardi, 2018, “Working-class ecology and union politics: A conceptual topology”, Globalizations, 15(4), 487-503. 

Bell, Karen, 2021, “Working-class environmentalism in the UK: Organising for sustainability beyond the workplace”, in Nora Räthzel, Dimitris Stevis, and David Uzzell (eds), The Palgrave handbook of environmental labour studies (441-463), London: Palgrave. 

Benegiamo, Maura, and Emanuele Leonardi, 2021, “André Gorz’s Labour-based political ecology and its legacy for the XXI century”, in Nora Räthzel, Dimitris Stevis, and David Uzzell (eds), The Palgrave handbook of environmental labour studies (721-741), London: Palgrave. 

Bologna, Sergio, 1991-92 [1987], “The theory and history of the mass worker in Italy”, Common sense, 11 (16-29) and 12 (52-78). 

Borghi, Vando, 2021, “Capitalismo delle infrastrutture e connettività: Proposte per una sociologia critica del mondo a domicilio”, Rassegna italiana di sociologia, 3, 671-699. 

Collettivo di Fabbrica GKN, 2022, Insorgiamo: Diario collettivo di una lotta operaia (e non solo), Rome: Alegre 

Dalla Costa, Mariarosa, 2019, Women and the subversion of the community: A Mariarosa Dalla Costa reader, Oakland (CA): PM Press. 

Davigo, Elena, 2017, Il movimento italiano per la tutela della salute negli ambienti di lavoro (1961-1978), PhD Thesis, University of Florence. 

Dyer-Witheford, Nick, 2018, “Struggles in the Planet Factory: Class composition and global warming”, in Jan Jagodzinski (eds), Interrogating the Anthropocene: Ecology, aesthetics, pedagogy, and the future in question (75-103), Berlin: Springer 

Feltrin, Lorenzo, 2022, “Situating class in workplace and community environmentalism: Working-class environmentalism and deindustrialisation in Porto Marghera, Venice”, The sociological review, 70(6), 1141-1162. 

Feltrin, Lorenzo, and Devi Sacchetto, 2021, “The work-technology nexus and working-class environmentalism: Workerism versus capitalist noxiousness in Italy’s Long 1968”, Theory and society, 50(5), 815-835. 

Feltrin, Lorenzo, Alice Mah, and David Brown, 2022, “Noxious deindustrialization: Experiences of precarity and pollution in Scotland’s petrochemical capital”, Environment and planning C, 40(4), 950-969. 

Fortunati, Leopoldina, 1996 [1981], The arcane of reproduction: Housework, prostitution, labor and capital, New York (NY): Autonomedia. 

Gabbriellini, Francesca, and Giacomo Gabbuti, 2022, “How striking auto workers showed Italy the way out of decline”, Jacobin mag, https://jacobin.com/2022/08/gkn-driveline-florence-factory-collective-strike

Hansen, Bue R., 2020, “The interest of breathing: Towards a theory of ecological interest formation”, Crisis & critique, 7(3), 108-137. 

Leonardi, Emanuele, 2019, “Bringing class analysis back in: Assessing the transformation of the value-nature nexus to strengthen the connection between Degrowth and Environmental Justice”, Ecological Economics, 156, 83-90. 

Oddone, Ivar, 1979, Psicologia dell’ambiente: Fabbrica e territorio, Turin: Giappichelli. 

Pellizzoni, Luigi, Emanuele Leonardi, and Viviana Asara (eds), 2022, Handbook of critical environmental politics, London: Edward Elgar. 

Ruzzenenti, Marino, 2020, “Le radici operaie dell’ambientalismo italiano”, Altronovecento, https://altronovecento.fondazionemicheletti.eu/dossier-1970-le-radici-operaie-dellambientalismo-italiano

Sacchetto, Devi, and Gianni Sbrogiò (eds), 2009, Quando il potere è operaio: Autonomia e soggettività politica a Porto Marghera, 1960–1980, Rome: Manifesto Libri. 

Salvetti, Dario, 2022, “Dalla coincidenza alla convergenza: Lotta operaia e giustizia climatica alla GKN”, Le parole e le cose, https://www.leparoleelecose.it/?p=43209. English version: https://projectpppr.org/populisms/emanuele-leonardi-amp-mimmo-perrotta-interview-dario-salvetti.  

Wheeler, Seth, and Jessica Thorne, 2018, “The workers’ inquiry and social composition”, Notes from below, https://notesfrombelow.org/article/workers-inquiry-and-social-composition

Zazzara, Gilda, 2009, Il Petrolchimico, Padua: Il Poligrafo. 

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 2 de abril de 2024]