Ecocidio, imperialismo e a liberación de Palestina
Entender a destrución ecolóxica que está a suceder como parte do xenocidio perpetrado por Israel achega luz sobre a intersección fundamental entre as crises climática e ecolóxica e a loita pola liberación palestina. Non pode haber xustiza climática no mundo sen a liberación de Palestina, do mesmo xeito que a loita pola liberdade de Palestina está vinculada coa supervivencia da terra e a humanidade
A primeira vista, podería parecer fóra de lugar ou incluso inapropiado escribir sobre cuestións climáticas e ecolóxicas no medio do actual xenocidio en Gaza. Non obstante, o que está a suceder en Gaza non é só un xenocidio, senón tamén un ecocidio —ou o que algúns describiron como holocidio: a aniquilación deliberada de todo un tecido social e ecolóxico—. En Gaza hai máis de 40 millóns de toneladas de cascallos e material perigoso, gran parte dos cales conteñen restos humanos. A primeiros de 2024, unha gran parte das terras agrícolas de Gaza xa fora destruída; as hortas, os invernadoiros e os cultivos vitais foron destruídos polos incesantes bombardeos. Os oliveirais e as explotacións agrícolas quedaron reducidos a un monte de terra, mentres que as municións e toxinas contaminan o solo e a auga subterránea. Así mesmo, a auga de mar de Gaza está contaminada con augas residuais e refugallos debido a que Israel destruíu e cortou o abastecemento de electricidade das plantas de tratamento.
Entender a destrución ecolóxica que está a suceder como parte do xenocidio perpetrado por Israel achega luz sobre a intersección fundamental entre as crises climática e ecolóxica e a loita pola liberación palestina. Non pode haber xustiza climática no mundo sen a liberación de Palestina, do mesmo xeito que a loita pola liberdade de Palestina está vinculada coa supervivencia da terra e a humanidade. A seguir, realízase un seguimento do profundo entrelazamento entre a devastación ecolóxica provocada por Israel e a súa violencia colonial de asentamentos en Palestina, que acadou o seu punto máximo no actual xenocidio. Iso demostra que o dano ambiental foi, desde un comezo, unha característica central da dominación colonial sionista, que foi utilizada como arma de control e exclusión. A partir de aí, a análise pasa a terreos chave: as vulnerabilidades climáticas desproporcionadas impostas aos palestinos, o lavado verde e a econormalización israelís para ocultar a ocupación e o apartheid, o actual ecocidio en Gaza e o lugar que ocupa Israel na orde capitalista mundial dos combustíbeis fósiles. A análise remata centrándose na resistencia dos palestinos mediante prácticas arraigadas na terra, a cultura e os coidados —e non só rexeita a dominación, senón que ofrece unha visión da xustiza ambiental que se basea na liberación—.
Orientalismo ambiental
Durante moito tempo, Israel referiuse a Palestina antes de 1948 como un deserto ermo e estéril, unha imaxe que contrasta co oasis florecente supostamente creado trae o estabelecemento do Estado de Israel. Esta narrativa ambiental racista presenta a poboación autóctona de Palestina como salvaxes ecolóxicos que non coidaban, ou incluso destruían, a terra na cal viviran durante milenios. Este discurso ambiental non é novo nin único do colonialismo israelí. A xeógrafa Diana K. Davis utiliza a expresión «orientalismo ambiental» para describir o modo no que os imaxinarios angloeuropeos do século XIX adoitaban presentar o medio ambiente do mundo árabe como «dalgún xeito degradado», o que implicaba a necesidade dunha intervención para melloralo, restauralo, normalizalo e reparalo[1].
A ideoloxía sionista da redención da terra exemplifícase mediante a narrativa creada en torno ao proxecto de forestación do Fondo Nacional Xudeu, unha organización paraestatal israelí. Mediante a forestación, o Fondo intentou borrar os restos físicos e simbólicos de 86 pobos palestinos destruídos durante a Nakba[2]. Coa escusa da conservación, o Fondo Nacional Xudeu utilizou a plantación de árbores para ocultar as realidades do desprazamento colonial masivo, a limpeza étnica, a destrución de medios ambientes e o espolio, mentres creaba unha nova paisaxe para substituír a paisaxe autóctona.
Ghada Sasa realiza unha excelente descrición desas prácticas ecocoloniais como colonialismo verde: a apropiación de Israel do ambientalismo para eliminar os palestinos nativos e usurpar os seus recursos. A autora describe o modo no que Israel utiliza terminoloxía conservacionista (parques nacionais, bosques e reservas naturais) para: 1) xustificar o acaparamento de terra; 2) impedir o regreso de refuxiados palestinos; 3) deshistorizar, xudeizar e europeizar Palestina, borrando a súa identidade e reprimindo a resistencia á opresión israelí; e 4) lavar a súa imaxe de apartheid[3].
A apropiación de recursos por parte de Israel esténdese tamén á auga de Palestina. Pouco despois da creación do Estado de Israel en 1948, o Fondo Nacional Xudeu desecou o lago Hula e os seus húmidos arrabaldes no norte histórico de Palestina[4], afirmando que era necesario para ampliar a terra agrícola. Non obstante, o proxecto non só non logrou ampliar a terra agrícola «produtiva» para os colonos xudeus europeos acabados de chegar, senón que ademais provocou un dano ambiental considerábel, xa que destruíu especies de fauna e flora vitais[5] e degradou seriamente a calidade da auga procedente do mar de Galilea (lago de Tiberíades), cambiando o fluxo do río Xordán augas abaixo[6]. No mesmo período, Mekorot, a empresa nacional de auga israelí, comezou a desviar a auga do río Xordán para que chegase aos colonos israelís das zonas costeiras e ás cidades e asentamentos xudeus no deserto de Naqab (Negev)[7]. Tras a ocupación israelí de Cisxordania e a Franxa de Gaza en 1967, Israel intensificou o saqueo de auga do río Xordán. Na actualidade, o Xordán —especialmente a parte baixa do río— quedou reducido a pouco máis que un regato contaminado cheo de terra e augas residuais[8].
Os ataques de Israel ao medio ambiente palestino, a través da forestación ou o desecamento dos recursos hídricos, demostran que a actitude cara ao medio ambiente forma parte do proxecto máis amplo de colonialismo de asentamentos. O colonialismo de asentamentos é unha forma de dominación que perturba violentamente as relacións das persoas co seu medio ambiente, ao «socavar estratexicamente a continuidade colectiva das comunidades nativas no territorio»[9]. Dende este punto de vista, o colonialismo de asentamentos é supremacía ecolóxica: elimina os atributos das relacións que son importantes para os pobos nativos, mentres impón ecoloxías coloniais no seu lugar. Como observa Kyle Whyte, «as poboacións de colonos están creando as súas propias ecoloxías a partir das ecoloxías das poboacións autóctonas, o cal adoita implicar que os colonos introducen materiais e especies adicionais»[10]. Neste sentido, Shourideh Molavi sostén, de xeito similar, que a violencia colonial é «ante todo violencia ecolóxica», un intento de eliminar un ecosistema e substituílo por outro. Eyal Weizman coincide, ao argumentar que «o medio ambiente é un dos medios mediante os cales se leva a cabo o racismo colonial, se acapara terra, se sitian as liñas fortificadas e se perpetúa a violencia»[11]. Weizman observa que en Palestina: «A Nakba tamén ten unha dimensión ambiental menos coñecida, a transformación absoluta do medio ambiente, o clima, o solo e a perda do clima, a vexetación e o ceo nativos. A Nakba é un proceso de cambio climático imposto colonialmente»[12].
A crise climática en Palestina
É precisamente no contexto da transformación israelí do medio ambiente de Palestina que os palestinos son cada vez máis vulnerábeis aos efectos da crise climática mundial. A finais deste século, as precipitacións anuais en Palestina poderían diminuír en até un 30 por cento, en comparación co período entre 1961 e 1990[13]. O Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) prevé que as temperaturas aumentarán entre 2,2 e 5,1°C, o que podería dar lugar a cambios climáticos catastróficos, incluída unha maior desertificación[14]. A agricultura, que é a pedra angular da economía palestina, verase seriamente afectada. A diminución das tempadas de sementeira e as crecentes necesidades hídricas aumentarán os prezos dos alimentos, e iso ameazará a seguridade alimentaria.
A vulnerabilidade climática dos palestinos debería entenderse no contexto brutal dun século de colonialismo, ocupación, apartheid, espolio, desprazamento, opresión sistemática e xenocidio. Como describiu Zena Agha, debido á súa historia, existen —e seguirán existindo—enormes asimetrías entre o modo no que o cambio climático afecta a Israel e o modo no que afecta os Territorios Palestinos Ocupados[15]. É por iso polo que, mentres que a ocupación israelí impide que os palestinos accedan a recursos e desenvolvan infraestrutura e estratexias para adaptarse ao cambio climático, Israel é un dos países da rexión menos vulnerábeis ao clima e máis preparados para combater o cambio climático. Iso débese a que acaparou, saqueou e controlou a maioría dos recursos de Palestina, desde a terra até a auga e a enerxía, e desenvolveu, nas costas dos traballadores palestinos, e co apoio activo de potencias imperialistas, tecnoloxía capaz de mitigar algúns dos impactos do cambio climático. É dicir, que a capacidade de adaptación ao cambio climático en Palestina e Israel está profundamente estratificada, estruturada en torno á raza, a relixión, a condición xurídica e as xerarquías de ocupación colonial. Isto adoita denominarse apartheid climático ou ecoapartheid[16].
Un dos aspectos nos que esta cuestión se pon máis claramente de manifesto é o acceso á auga. A diferenza dos países veciños, non hai escaseza de auga entre o río Xordán e o mar Mediterráneo. Non obstante, os palestinos sofren unha crise hídrica crónica en Cisxordania e Gaza, como consecuencia da supremacía xudía imposta pola ocupación e a infraestrutura hídrica do apartheid. Desde que ocupou Cisxordania en 1967, Israel monopolizou os recursos hídricos, un poder formalizado nos Acordos de Oslo II de 1995, que outorgaron a Israel máis de arredor do 80 por cento da auga de Cisxordania. Mentres que Israel mellorou a súa tecnoloxía hídrica e ampliou o acceso a través da Liña Verde, o acceso á auga dos palestinos diminuíu debido ao apartheid, o roubo de terras e o espolio. Iso inclúe o control de Israel sobre as fontes de auga, as estritas cotas de abastecemento impostas aos palestinos, a denegación de permisos de construción (como cavar pozos) e a reiterada destrución de infraestrutura hídrica palestina. Como consecuencia diso, a poboación xudía israelí entre o río Xordán e o mar Mediterráneo vive cos luxos da desalinización e a abundancia, mentres que os palestinos afrontan unha escaseza de auga crónica que empeorará co cambio climático. A desigualdade é sorprendente: o uso de auga diario en Israel foi de 247 litros per capita en 2020 —o que triplica ben os 82,4 litros dispoñíbeis para os palestinos en Cisxordania—[17].
En Cisxordania, os 600.000 colonos israelís ilegais utilizan seis veces máis auga que os 3 millóns de palestinos que viven alí. Ademais, os asentamentos israelís ilegais consomen ata 700 litros de auga per capita ao día, o que inclúe usos luxosos como piscinas e rego de céspede, mentres que algunhas comunidades palestinas —desconectadas da rede hídrica— sobreviven con apenas 26 litros de auga por persoa, similar á media que se consome en zonas de desastre e moi por debaixo da cantidade de auga suficiente para cubrir as necesidades persoais e domésticas, é dicir, entre 50 e 100 litros de auga por persoa por día, segundo as recomendacións das Nacións Unidas e a OMS[18].
En 2015, só o 50,9 por cento dos fogares de Cisxordania tiñan acceso diario á auga, mentres que en 2020, B’Tselem estimou que só o 36 por cento dos palestinos en Cisxordania contaban con acceso fiábel á auga durante todo o ano, mentres que o 47 por cento recibía auga menos de 10 días ao mes.
En Gaza, a situación é aínda peor. Incluso antes do xenocidio actual, só o 30 por cento dos fogares tiña acceso diario á auga, unha cifra que diminuíu drasticamente durante os ataques israelís[19]. Israel non só bloquea o ingreso de suficiente auga limpa a Gaza, senón que ademais impide a construción ou reparación de infraestrutura mediante a prohibición de materiais esenciais. O resultado é catastrófico: antes do xenocidio, entre o 90 e o 95 por cento da auga de Gaza non era segura para o consumo ou o rego[20]. A auga contaminada provocaba máis do 26 por cento das enfermidades e era a principal causa de mortalidade infantil, responsábel de máis do 12 por cento das mortes de nenos no territorio[21]. En febreiro de 2025, mentres a violencia do xenocidio continuaba e a fame empeoraba, Oxfam calculou que o volume de auga dispoñíbel en Gaza era de 5,7 litros por persoa por día.
Neste contexto de acceso restrinxido á auga, os efectos do cambio climático na dispoñibilidade da auga terán resultados mortais, especialmente en Gaza.
Econormalización e ecolavado na era das enerxías renovábeis
Neste contexto en que os palestinos afrontan unha crise hídrica, ambiental e climática cada vez máis intensa, Israel preséntase como un defensor das tecnoloxías verdes, a desalinización e os proxectos de enerxía renovábel nos territorios ocupados de Palestina e noutras partes. Utiliza a súa imaxe ecolóxica para xustificar a súa política colonial e de espolio, facendo ecolavado do seu réxime de apartheid e de asentamentos de colonos, e encubrindo os seus crimes de guerra contra o pobo palestino ao facerse pasar por un país ecolóxico e avanzado nun Oriente Medio árido e recesivo. Esta imaxe vese reforzada polos Acordos de Abraham que Israel asinou cos Emiratos Árabes Unidos, Bahrein, Marrocos e Sudán en 2020, e mediante acordos para implementar conxuntamente proxectos ambientais relacionados coa enerxía renovábel, o agronegocio e a auga. Esta é unha forma de econormalización: utilizar o «ambientalismo» para o ecolavado ou para normalizar a opresión israelí e as inxustizas ambientais que este xera na rexión árabe e alén desta[22].
A normalización das relacións entre Marrocos e Israel en decembro de 2020 ocorreu mediante un acordo entre dúas potencias ocupantes, facilitado polo líder imperial (Estados Unidos baixo o Goberno de Trump), mediante o cal Israel e os Estados Unidos tamén recoñeceron a soberanía de Marrocos respecto do Sáhara Occidental. Desde aquela, os investimentos e os acordos israelís en Marrocos aumentaron, especialmente nos sectores do agronegocio e a enerxía renovábel.
O 8 de novembro de 2022, durante a 27ª Conferencia das Nacións Unidas sobre o cambio climático celebrada en Sharm El Sheikh, Xordania e Israel asinaron un memorando de entendemento a instancias dos Emiratos Árabes Unidos para continuar un estudo de viabilidade de dous proxectos interconectados —Prosperity Blue e Prosperity Green— que, xuntos, conforman o proxecto Prosperity. En virtude do acordo, Xordania comprará 200 millóns de metros cúbicos de auga ao ano dunha planta desalinizadora israelí na costa do mar Mediterráneo (Prosperity Blue). Esta planta obterá enerxía dunha central solar de 600 megavatios situada en Xordania (Prosperity Green), que será construída por Masdar, unha empresa emiratí de enerxía renovábel. A retórica benevolente detrás de Prosperity Blue oculta o saqueo de auga palestina e árabe que Israel vén cometendo desde hai decenios (que se describiu anteriormente), e axuda a ese país a denegar a súa responsabilidade da escaseza de auga na rexión, mentres se presenta como un defensor do medio ambiente e unha potencia hídrica. Mekorot, un actor principal na desalinización en Israel, posiciónase como un líder mundial —en parte grazas ao ecolavado israelí—. Os beneficios que xera a empresa financian as súas propias operacións e a práctica do Goberno israelí do apartheid hídrico contra os palestinos.
En agosto de 2022, Xordania sumouse a Marrocos, os Emiratos Árabes Unidos, Arabia Saudita, Exipto, Bahrein e Omán en asinar outro memorando de entendemento con outras dúas empresas de enerxía israelís, Enlight Green Energy (ENLT) e NewMed Energy, para levar a cabo proxectos de enerxía renovábel na rexión, entre eles proxectos de enerxía solar, eólica e almacenamento de enerxía. Estas iniciativas reforzan a imaxe de Israel como centro de innovación en enerxía renovábel e, á vez, permítenlle profundar o seu proxecto de colonia de asentamentos e ampliar a súa influencia xeopolítica na rexión. O obxectivo é integrar a Israel nas esferas enerxética e económica da rexión árabe desde unha posición dominante —creando novas dependencias que fortalecen a axenda de normalización e presentan a Israel como un socio indispensábel—. A medida que as crises ecolóxica e climática empeoran, os países que dependen da enerxía, a auga ou a tecnoloxía israelí poderían considerar a loita palestina como menos importante que asegurar o seu propio acceso aos recursos.
A participación de empresas do golfo, como a empresa saudí ACWA Power e a emiratí Masdar nestes emprendementos coloniais revela unha característica estrutural clave da rexión árabe. No canto de ver á rexión como un todo non diferenciado, é fundamental recoñecer as súas xerarquías e desigualdades internas. O golfo [Pérsico] funciona como unha forza semiperiférica —ou incluso sub imperialista—. Non só é unha rexión máis rica que os seus veciños, senón que tamén participa na captación e o desvío da plusvalía a nivel rexional, reproducindo a dinámica de extracción, marxinación e acumulación mediante o espolio entre o centro e a periferia.
Guerra ambiental e ecocidio en Gaza
Os crimes horrendos que Israel está cometendo en Gaza, tanto contra a súa poboación como contra o seu medio ambiente, son unha intensificación dunha guerra que comezou hai moito tempo e que Shourideh C. Molavi describiu no seu libro Environmental Warfare in Gaza. Ao rexeitar a noción de medio ambiente como un pano de fondo pasivo do conflito, Molavi demostra o modo no que as prácticas israelís de colonia de asentamentos utilizan elementos do medio ambiente como unha ferramenta activa da guerra militar na Franxa de Gaza e os arredores[23]. Nesta guerra, a destrución total das zonas residenciais de Gaza vai da man da destrución dos espazos agrícolas.
A violencia ecolóxica de Israel en Gaza adopta a forma de destrución da terra, imposición de restricións ao cultivo aos produtores palestinos —incluídos límites aos tipos e a altura dos cultivos— e a erradicación case total de oliveirais e plantacións de cítricos tradicionais do territorio. Ademais das incursións e masacres periódicos de Israel, as topadoras israelís cruzan a Gaza frecuentemente para arrancar cultivos e destruír invernadoiros. Deste xeito, como documenta o grupo Forensic Architecture, Israel expandiu sistematicamente a súa zona de exclusión militar ou «zona de amortecemento» ao longo da fronteira leste de Gaza.
Desde 2014, este proceso inclúe a guerra química. Israel despregou periodicamente avións fumigadores que espallan herbicidas tóxicos e matan plantas en terras agrícolas palestinas, centos de metros dentro da fronteira de Gaza[24]. Entre 2014 e 2018, o Ministerio de Agricultura palestino estimou que os herbicidas danaron máis de 13 quilómetros cadrados de terra agrícola en Gaza.[25] Os efectos destes químicos non se limitan aos cultivos: Al-Mezan, unha ONG de dereitos humanos palestina, advertiu que o gando que consume plantas afectadas polos químicos pode danar os seres humanos a través da cadea alimentaria[26].
Mesmo antes de que comezara o xenocidio actual, estas prácticas destruíran grandes extensións de terra cultivábel, deixando os produtores gazatís sen medios de subsistencia e outorgando ás forzas armadas israelís maior visibilidade para detectar brancos remotos e lanzar ataques mortais[27]. O resultado é que, a diferenza dos quilómetros de cultivos en campos irrigados (amorodos, melóns, herbas e repolos) dos asentamentos israelís adxacentes a Gaza, as terras palestinas en Gaza parecen infértiles —sen vida, non por causas naturais, senón intencionalmente—. No canto de «facer que o deserto floreza», os colonos levan a cabo un proceso de desertificación, transformando a terra agrícola outrora fértil e activa nunha zona desértica e queimada sen vexetación.
É nesta reconfiguración brutal e colonial da paisaxe biopolítica de Gaza (e a da histórica Palestina, en sentido máis amplio) en que tivo lugar o ataque de Hamás o 7 de outubro. Desde aquela, os crimes israelís en Gaza entraron no ámbito do ecocidio. Aínda non se documentou a totalidade do dano causado en Gaza, e as estatísticas quedan rapidamente obsoletas, a medida que Israel continúa o xenocidio. Non obstante, a continuación preséntanse algúns datos.
Como demostrou o grupo con sede en Londres Forensic Architecture mediante o uso de imaxes vía satélite, desde outubro de 2023, as forzas israelís perpetraron ataques sistemáticos contra hortas e invernadoiros nun acto de ecocidio deliberado que exacerba a catastrófica fame en Gaza e é parte dun patrón máis amplo de privar aos palestinos de recursos para a súa supervivencia[28]. A marzo de 2024, arredor do 40 por cento da terra en Gaza utilizada anteriormente para a produción de alimentos fora destruída, mentres que arredor dun terzo dos invernadoiros de Gaza foran demolidos, o cal representa un 90 por cento no norte de Gaza e un 40 por cento arredor da cidade de Jan Yunis, no sur[29]. Ademais, análises de imaxes vía satélite obtidas por The Guardian en marzo de 2024, demostran que case a metade da cuberta forestal e terra agrícola de Gaza fora destruída, entre outras cousas mediante o uso ilegal de fósforo branco. Como describe o artigo de The Guardian, os oliveiais e as explotacións agrícolas quedaron reducidas a terra compactada; as municións e toxinas contaminaron o solo e a auga subterránea; e o aire está contaminado con fume e materia particulada[30]. É moi probábel que a situación empeorase drasticamente nos meses posteriores á publicación destes informes.
Un dos elementos máis letais do ecocidio de Israel en Gaza é a destrución do fornecemento de auga do territorio. Mesmo antes de que comezase o xenocidio, arredor do 95 por cento dos recursos hídricos do único acuífero de Gaza estaban contaminados e non eran seguros para o consumo humano ou o rego. Isto foi consecuencia do bloqueo inhumano e os ataques constantes, que obstaculizaron a creación e reparación de instalacións de auga e plantas desalinizadoras. Non obstante, desde outubro de 2023 houbo unha ruptura e destrución total das instalacións e infraestrutura de auga en Gaza, o que provocou o colapso dos abastecementos de auga potábel e da xestión do saneamento. Iso deu lugar a altos niveis de deshidratación e enfermidades (como a febre tifoide).
Ademais da destrución directa provocada polos ataques militares, a falta de combustíbel deixou a poboación de Gaza sen outra solución que talar bosques para queimalos e utilizalos para cociñar ou quentarse, o que contribúe á deforestación que xa está a ter lugar no territorio. Ao mesmo tempo, até o solo que queda é ameazado polos bombardeos e as demolicións israelís. Segundo o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), os fortes bombardeos de áreas poboadas contaminan o solo e a auga subterránea a longo prazo, tanto a través das propias municións, como debido a que os cascallos dos edificios liberan materiais perigosos (como amianto, substancias químicas industriais e combustíbeis) no aire, o solo e a auga subterránea[31]. A xullo de 2024, o PNUMA estimara que os bombardeos xeraran 40 millóns de toneladas de refugallos e materiais perigosos, e que gran parte dos cascallos contiña restos humanos. A limpeza dos cascallos provocados pola guerra en Gaza levará 15 anos e podería custar máis de 600 millóns de dólares[32].
O ecocidio cometido por Israel esténdese ao mar de Gaza, que está repleto de refugallos e augas residuais. Cando Israel cortou o abastecemento de combustíbel a Gaza a partir do 7 de outubro de 2023, os consecuentes cortes de electricidade implicaron que a auga residual non se puidese bombear ás plantas de tratamento de auga, polo que 100.000 metros cúbicos de auga residual ían parar a diario ao mar Mediterráneo. Ademais da destrución da infraestrutura sanitaria, os ataques a hospitais e traballadores da saúde, e as severas restricións ao ingreso de subministracións médicas, esta situación foi un caldo de cultivo para a aparición de enfermidades infecciosas, como o cólera, e o rexurdimento de enfermidades anteriormente erradicadas e prevíbeis mediante vacinación, como a polio[33].
Por mor de toda a destrución descrita anteriormente, moitos observadores e expertos afirman que o asalto aos ecosistemas converteu Gaza nunha zona inhabitábel.
Palestina contra o imperialismo estadounidense e o capitalismo de combustíbeis fósiles
Na cimeira sobre o clima (COP28), celebrada en Dubai en decembro de 2023, o presidente de Colombia, Gustavo Petro, declarou: «O xenocidio e a barbarie desatada sobre o pobo palestino é o que lle espera ao éxodo dos pobos do sur desatado pola crise climática… O que vemos en Gaza é o ensaio do futuro»[34]. Como deixa claro a declaración de Petro, o xenocidio en Gaza é unha advertencia do que ocorrerá se non nos organizamos e resistimos. O imperio e as súas clases dominantes están dispostos a sacrificar a millóns —persoas negras, de cor e da clase traballadora branca por igual— para manter a acumulación e o dominio do capital. O seu rexeitamento a comprometerse a adoptar medidas polo clima durante a COP29 celebrada en Bakú (Acerbaixán), mentres seguen financiando o xenocidio en Gaza, son un exemplo diso, ao igual que o apartheid das vacinas durante a pandemia da COVID-19.
Gaza pon tamén de manifesto o modo no que o complexo industrial-militar provoca a crise climática. De feito, o exército estadounidense é o maior emisor institucional de gases de efecto invernadoiro do mundo[35]. En canto á guerra xenocida en Gaza, en apenas dous meses, as emisións de Israel superaron as emisións de carbono anuais de máis de 20 dos países climaticamente máis vulnerábeis do mundo —en gran medida debido a emisións relacionadas cos voos militares e a fabricación de armas dos Estados Unidos—[36]. Os Estados Unidos non só están a facilitar o xenocidio, senón que están a contribuír activamente ao ecocidio en Palestina. Pero a conexión é aínda máis profunda. A loita pola liberación palestina é inseparábel da loita contra o capitalismo de combustibles fósiles e o imperialismo estadounidense. Palestina atópase no centro de Oriente Medio, unha rexión que segue a ser fundamental para a economía capitalista mundial, non só para o comercio e as finanzas, senón tamén por ser o centro do réxime de combustíbeis fósiles do mundo, dado que alí se produce arredor do 35 por cento do petróleo do mundo[37]. Entrementres, Israel está tentando converterse nun centro de enerxía a nivel rexional, especialmente mediante xacementos de gas no mar Mediterráneo, como Tamar e Leviatán, para os cales outorgou novas licenzas de exploración apenas semanas despois de comezar a súa guerra xenocida en Gaza.
O dominio dos Estados Unidos en Oriente Medio, coa influencia auxiliar no capitalismo mundial de combustíbeis fósiles, baséase en dous piares: Israel e as monarquías do golfo Pérsico. Israel —que, en palabras do ex Secretario de Estado de Estados Unidos, Alexander Haig, é «o maior portaavións estadounidense do mundo que non pode afundirse»— é a áncora do imperio, que axuda a controlar os recursos de combustíbeis fósiles, aporta vixilancia e armas de vangarda e intégrase na rexión a través de sectores como o agronegocio, a enerxía e a desalinización. Para promover o seu dominio, os Estados Unidos e os seus aliados esfórzanse para normalizar a función de Israel na rexión. Este proceso comezou cos Acordos de Camp David (1978) e o Tratado de Paz entre Xordania e Israel (1994), e continuou cos Acordos de Abraham en 2020 cos Emiratos Árabes Unidos, Bahrein, Sudán e Marrocos. Antes do 7 de outubro de 2023, a normalización das relacións entre os Emiratos Árabes Unidos e Israel era inminente, coa intermediación de Estados Unidos, mediante un acordo que eliminase a causa palestina. As accións palestinas de resistencia interromperon eses plans.
Todo iso demostra que a liberación palestina non é simplemente unha cuestión moral ou de dereitos humanos, senón que é un enfrontamento directo ao imperialismo estadounidense e o capitalismo de combustíbeis fósiles. Por este motivo, a liberación palestina debe ser o eixo central da loita ambiental e pola xustiza climática a nivel mundial. Iso inclúe oporse á normalización de Israel e apoiar o movemento de boicot, desinvestimentos e sancións (BDS), en particular en relación coa tecnoloxía verde e as enerxías renovábeis. Non haberá xustiza climática a menos que se desmantele a colonia de asentamentos sionista que é Israel e se derroque os réximes reaccionarios do golfo. Palestina está no centro da loita mundial contra o colonialismo, o imperialismo, o capitalismo de combustíbeis fósiles e a supremacía branca. É por iso que os movementos pola xustiza climática, os grupos antirracistas e os organizadores antiimperialistas deben apoiar a loita palestina —e defender o dereito dos palestinos a resistir por todos os medios necesarios—.
Resistencia e eco-sumud
A pesar da catástrofe omnipresente e implacábel que afrontan, os palestinos seguen resistindo e inspirándonos a diario co seu sumud (teimosía). Esta palabra ten múltiples significados. Manal Shqair defínea como un patrón de prácticas de resistencia e adaptación cotiás ás dificultades da vida baixo o réxime colonial israelí de asentamentos[38], e á vez refírese á perseveranza do pobo palestino de permanecer na súa terra e manter a súa identidade e cultura ante o espolio israelí e as narrativas que presentan aos colonos xudeus como os únicos habitantes lexítimos[39].
Shqair afonda no concepto de teimosía palestina mediante a introdución do concepto de eco-sumud, que se refire aos actos de teimosía diarios dos palestinos que implican formas de manter unha conexión profunda coa terra, arraigadas no medio ambiente. O concepto incorpora os coñecementos autóctonos, os valores culturais e as prácticas cotiás que utilizan os palestinos para resistir a interrupción violenta do seu vínculo coa terra. O eco-sumud baséase no entendemento de que as únicas respostas viábeis ás crise ecolóxica e climática son aquelas que apoian a procura de xustiza, soberanía e libre determinación do pobo palestino —para lograr ese resultado é necesario pór fin á ocupación e o réxime de apartheid e desmantelar a Israel como colonia de asentamentos—. Practicar o eco-sumud está intrinsecamente ligado a crer na posibilidade de derrotar o colonialismo de asentamentos israelí e afirma o desexo inquebrantábel dos colonizados de definir o seu propio destino.
Esta heroica resistencia palestina, expresada a través do eco-sumud e dun forte vínculo coa terra, é fonte de inspiración para os movementos progresistas do mundo enteiro que loitan pola xustiza no medio das diversas desfeitas que están a ocorrer. Non hai mellor forma de pechar este capítulo que citando as palabras do autor ecomarxista Andreas Malm, que traza un paralelismo conmovedor entre a resistencia palestina e o movemento polo clima:
«Que pode aprender o movemento polo clima da resistencia palestina? Que mesmo cando a catástrofe —xeneralizada, omnipresente e incesante— se consumou, seguimos resistindo. Aínda cando é demasiado tarde, cando todo se perdeu, cando a terra foi destruída, alzámonos dos cascallos e contraatacamos. Non nos detemos; non claudicamos; non nos damos por vencidos porque os palestinos non morren. Os palestinos nunca serán vencidos. Un exército forte é derrotado se non gaña, pero un exército débil que resiste resulta vitorioso se non perde. Espero que a guerra actual en Gaza chegue ao seu final coa resistencia intacta; esa sería unha vitoria. A continuación da resistencia palestina en si mesma será unha vitoria porque seguiremos loitando, sen importar as catástrofes que nos inflixan. Esta é unha fonte de inspiración para o movemento polo clima. Neste sentido, os palestinos non só loitan por si mesmos, loitan pola humanidade enteira —loitan pola idea de humanidade que resiste a catástrofe na forma que sexa e segue resistindo a pesar das forzas considerabelmente superiores ás que se enfrontan—. Coido que hai moitos motivos para se solidarizar coa resistencia palestina polo seu propio ben, mais tamén polo noso»[40].
Enfrontámonos a unha tarefa moi difícil, pero como Fanon nos exhortou unha vez, debemos, nunha relativa escuridade, descubrir a nosa misión, cumprila e non a traizoar[41].
_____________________________________________________________________________
Notas:
[1] Davis, D.K. (2011). «Imperialism, orientalism, and the environment in the Middle East: history, policy, power and practice». En: Davis and Edmund Burke (eds.), Environmental Imaginaries of the Middle East and North Africa. Athens, Ohio: Ohio University Press.
[2] Galai, Y. (2017). «Narratives of redemption: “The international meaning of afforestation in the Israeli Negev”», International Political Sociology 11, no. 3: 273-291. https://doi.org/10.1093/ips/olx008.
[3] Sasa, G. (2022). «Oppressive pines: Uprooting Israeli green colonialism and implanting Palestinian A’wna», Politics, 43(2), 219-235.
[4] «Rehabilitation of the Hula Valley», Water for Israel, KKL-JNF, https://www.kkl-jnf.org/organization-chief-scientist/water-for-israel/water_activity_hula_valley_rehabilitation/.
[5] Ibid.
[6] Zeitoun, M. e Dajani, M. (2019). «Israel is hoarding the Jordan River – it’s time to share it», The Conversation, 19 de decembro. https://tinyurl.com/53dad4tk.
[7] The Grassroots Palestinian Anti-Apartheid Wall Campaign (2025) «Weaponizing Water For Israel’s Genocide, Apartheid and Ethnic Cleansing». https://stopthewall.org/2025/03/22/weaponizing-water-for-israels-genocide-apartheid-and-ethnic-cleansing/.
[8] Amnistía Internacional (2017) «The Occupation of Water». https://tinyurl.com/3yedrnnd
[9] Molavi, S. C. (2024). Environmental Warfare in Gaza: Colonial Violence and New Landscapes of Resistance. London: Pluto
[10] Whyte, K. (2018). «Settler Colonialism, Ecology, and Environmental Injustice», Environment and Society, 9, 1 (September): 135
[11] Molavi, S. C. (2024). Op. cit
[12] Ibid.
[13] Tippmann, R. e Baroni, L (2017). «ClimaSouth Technical Paper N.2. The Economics of Climate Change in Palestine».
[14] Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) Programa de Asistencia ao Pobo Palestino (2010). Climate Change Adaptation Strategy and Programme of Action for the Palestinian Authority. https://fada.birzeit.edu/handle/20.500.11889/4319.
[15] Agha, Z. (2019, 26 de marzo). «Climate Change, the Occupation, and a Vulnerable Palestine», Al-Shabaka. https://al-shabaka.org/briefs/climate-change-the-occupation-and-a-vulnerable-palestine/
[16] Dajani, M. (2022, 30 de xaneiro). «Challenging Israel’s Climate Apartheid in Palestine», Al-Shabaka. https://al-shabaka.org/policy-memos/challenging-israels-climate-apartheid-in-palestine/
[17] B’Tselem (2023, maio). «Parched: Israel’s policy of water deprivation in the West Bank». https://www.btselem.org/publications/202305_parched
[18] Howard, G., Bartam, J., Williams, A., Overbo, A., Fuente, D., Geere, JA. (2020). Domestic water quantity, service level and health, second edition. Geneva: World Health Organization. Licence: CC BY-NC-SA 3.0 IGO.
[19] The Applied Research Institute – Jerusalén (ARIJ). (2012, junio). «Water resource allocations in the Occupied Palestinian Territory: Responding to Israeli claims». https://www.arij.org/wp-content/uploads/2014/01/water.pdf.
[20] Lazarou, E. (2016). «Water in the Israeli-Palestinian conflict», European Parliamentary Research Service. https://www.europarl.europa.eu/
[21] Kubovich, Y. (2018, 16 de outubro). «Polluted Water Leading Cause of Child Mortality in Gaza, Study Finds», Haaretz. https://www.haaretz.com/middle-east-news/palestinians/2018-10-16/ty-article-magazine/.premium/polluted-water-a-leading-cause-of-gazan-child-mortality-says-rand-corp-study/0000017f-e847-dc7e-adff-f8ef68c50000
[22] Esta sección baseouse en gran medida na análise de Manal Shqair. Para máis detalles, véxase: Shqair, M. (2023). «Arab–Israeli eco-normalisation: Greenwashing settler colonialism in Palestine and the Jawlan». En: Hamouchene, H. e Sandwell, K. (Eds) Desmantelar o colonialismo verde: enerxía e xustiza climática na rexión árabe. Londres: Pluto.
[23] Molavi, S. C. (2024). Op. cit.
[24] Forensic Architecture (2019, 19 de xullo). «Herbicidal warfare in Gaza». https://forensic-architecture.org/investigation/herbicidal-warfare-in-gaza
[25] Gisha (2019). «Closing In: Life and Death in Gaza’s Access Restricted Areas». https://features.gisha.org/closing-in/
[26] Al Mezan Center for Human Rights (2018). «Effects of Aerial Spraying on farmlands in the Gaza Strip». https://www.mezan.org/uploads/files/15186958401955.pdf
[27] Forensic Architecture (2024, 25 de outubro). «A Cartography of Genocide: Israel’s Conduct in Gaza Since October 2023». https://forensic-architecture.org/investigation/a-cartography-of-genocided.
[28] Ibid.
[29] Ibid.
[30] Ahmed, K., Gayle, D. and Mousa, A. (2024, 29 de marzo). «Ecocide in Gaza: does scale of environmental destruction amount to a war crime?» The Guardian. https://www.theguardian.com/environment/2024/mar/29/gaza-israel-palestinian-war-ecocide-environmental-destruction-pollution-rome-statute-war-crimes-aoe
[31] Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) (2021, 5 de novembro). Environmental Legacy of Explosive Weapons in Populated Areas». https://www.unep.org/news-and-stories/story/environmental-legacy-explosive-weapons-populated-areas
[32] Al Jazeera (2024, 15 de xullo). «Clearing Gaza rubble could take 15 years, UN agency says». https://www.aljazeera.com/news/2024/7/15/clearing-gaza-rubble-could-take-15-years-un-agency-says
[33] Ahmed, K et al. (2024). Op. Cit.
[34] Goberno de Colombia (2023, 1 de decembro). Presidente Petro: «El genocidio y la barbarie desataca sobre el pueblo palestino es lo que le espera al éxodo de los pueblos del sur desatados por la crisis climática». https://www.presidencia.gov.co/prensa/Paginas/President-Petro-The-unleash-of-genocide-and-barbarism-on-the-Palestinian-people-is-what-awaits-the-exodus-231201.aspx
[35] Mallinder, L. (2023, 12 de dicembro). «Elephant in the room: The US military’s devastating carbon footprint». Al Jazeera. https://www.aljazeera.com/news/2023/12/12/elephant-in-the-room-the-us-militarys-devastating-carbon-footprint
[36] Neimark, B., Bigger, P., Otu-Larbi, F. e Larbi, R. (2024). A Multitemporal Snapshot of Greenhouse Gas Emissions from the Israel-Gaza Conflict (5 de enero). Disponible en: SSRN: https://ssrn.com/abstract=4684768 or http://dx.doi.org/10.2139/ssrn.4684768
[37] BP (2022). BP Statistical Review of World Energy 2022, 71a edición. https://tinyurl.com/29kcuvb9.
[38] Shqair, M. (2023). Op. cit. e Johansson, A. e Vinthagen, S. Conceptualizing Everyday Resistance: A Transdisciplinary Approach (New York: Routledge, 2020): 149-152.
[39] Ibid.
[40] Esta cita tirouse dunha conferencia ditada por Andreas Malm na Universidade de Estocolmo o 7 de decembro de 2023: «On Palestinian and Other Resistance In Times of Catastrophe». https://youtu.be/tdQZTvNDwXs?si=gfP91jxq_-ZNIrUU
[41] Fanon, F. (1967). The Wretched of the Earth. Londres: Penguin Books.
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Jacobin Lat, do 22 de setembro de 2025]