Duras perspectivas sociais e do emprego en 2023
Por mor da actual conxuntura de desaceleración, moitos traballadores veranse obrigados a aceptar empregos de peor calidade, con frecuencia insuficientemente remunerados, e, en ocasións, sen contar coas horas de traballo necesarias
É probábel que a actual desaceleración económica mundial obrigue a máis traballadores a aceptar empregos de menor calidade, mal pagos e carentes de seguridade laboral e protección social, acentuando así as desigualdades exacerbadas pola crise da COVID-19, sinala un novo informe da Organización Internacional do Traballo (OIT).
No informe Perspectivas sociais e do emprego no mundo: Tendencias 2023 prevese así mesmo que o emprego a escala mundial rexistre unicamente un aumento do un por cento en 2023, menos da metade do aumento rexistrado en 2022 e que o desemprego aumente levemente en 2023, nuns tres millóns, até alcanzar 208 millóns de desempregados (valor equiparable a unha taxa de desemprego mundial do 5,8 por cento).
Ese moderado aumento previsto obedece en gran medida á escasa oferta de traballo nos países de altos ingresos. Iso invertería a tendencia á baixa do desemprego mundial rexistrada de 2020 a 2022. En consecuencia, seguirá habendo 16 millóns de persoas desempregadas máis que no período de referencia previo á crise (valor con respecto a 2019).
No informe tamén se sinala que, ademais do desemprego, «a calidade do emprego segue constituíndo unha das principais inquietudes», e que «o traballo decente é primordial para facilitar a xustiza social». A crise da COVID-19 minguou os avances logrados ao longo dun decenio para diminuír a pobreza. A pesar da leve recuperación rexistrada en 2021, cómpre esperar que a complexa situación actual para atopar emprego de mellor calidade se vexa agravada, segundo se desprende dos resultados do estudo.
Por mor da actual conxuntura de desaceleración, moitos traballadores veranse obrigados a aceptar empregos de peor calidade, con frecuencia insuficientemente remunerados, e, en ocasións, sen contar coas horas de traballo necesarias. Doutra banda, ante o aumento dos prezos a un ritmo máis rápido que os ingresos nominais por traballo, a crise asociada ao custo da vida podería aumentar o número de persoas en situación de pobreza.
Isto súmase á ampla caída de ingresos rexistrada durante a crise de COVID-19, que en moitos países afectou en maior medida aos grupos de baixos ingresos.
Lonxe, moi lonxe quedan as vellas promesas do traballo decente: a oportunidade de acceder a un emprego produtivo que xere un ingreso xusto, a seguridade no lugar do traballo e a protección social para todos, ademais de brindar mellores perspectivas de desenvolvemento persoal e integración social, liberdade para que os traballadores expresen as súas opinións, se organicen e participen nas decisións que afectan as súas vidas, e a igualdade de oportunidades.
No informe tamén se pon de manifesto unha nova metodoloxía para determinar exhaustivamente as necesidades non satisfeitas en materia de emprego, o déficit mundial de emprego, que abrangue tanto as persoas desempregadas como as que desexan traballar pero que non buscan emprego activamente, xa sexa por falta de motivación, ou por ter que cumprir outras obrigas, en particular responsabilidades asistenciais.
O déficit mundial de emprego rexistrado en 2022 foi de 473 millóns de persoas, ao redor de 33 millóns de persoas máis que en 2019.
A estanflación pon en risco a produtividade
O empeoramento da situación do mercado de traballo obedece principalmente a novas tensións xeopolíticas e ao conflito de Ucraína, así como á dispar recuperación tras a pandemia e ás frecuentes interrupcións das cadeas de abastecemento a escala mundial. Todo iso deu lugar a unha situación de estanflación, que conxuga simultaneamente unha inflación elevada e un crecemento económico insuficiente, por primeira vez desde o decenio de 1970.
A situación das mulleres e da xente nova no mercado de traballo é particularmente adversa. A escala mundial, a taxa de participación das mulleres na forza de traballo alcanzou o 47,4 por cento en 2022, fronte ao 72,3 por cento dos homes. Esa diferenza de 24,9 puntos porcentuais leva que por cada home economicamente inactivo haxa dúas mulleres na mesma situación.
A xente nova (de 15 a 24 anos) debe afrontar graves dificultades para atopar e manter un emprego digno. A súa taxa de desemprego é tres veces superior á dos adultos. Máis dun de cada cinco mozos/mozas (o 23,5 por cento) non traballa, non estuda, nin participa nalgún programa de formación (mocidade “nin-nin”).
«A necesidade de fomentar o traballo decente e a xustiza social é clara e perentoria», sinalou Gilbert F. Houngbo, Director Xeral da OIT. «A superación de todos eses retos require que colaboremos para facilitar o estabelecemento dun novo contrato social a escala mundial». Engadiu que a OIT avogará por unha coalición mundial que promova a xustiza social co fin de lograr o apoio necesario para ese efecto, formular as políticas pertinentes e sentar as bases do futuro do traballo.
«O menor ritmo de aumento do emprego a escala mundial significa que as perdas ocasionadas durante a crise da COVID-19 probabelmente non se compensen antes de 2025», dixo Richard Samans, Director do Departamento de Investigacións da OIT e coordinador do informe. «O menor ritmo de aumento da produtividade constitúe así mesmo unha gran inquietude, posto que a produtividade é esencial para afrontar crises mutuamente relacionadas en canto a poder adquisitivo, sustentabilidade ecolóxica e benestar humano».
Variacións substanciais do traballo a escala rexional
Prevese que en África e nos estados árabes se rexistre en 2023 un aumento do emprego do tres por cento, como mínimo. Con todo, tendo en conta do aumento da súa poboación en idade de traballar, cómpre esperar que en ambas as rexións as taxas de desemprego só diminúan levemente (do 7,4 ao 7,3 por cento en África, e do 8,5 ao 8,2 por cento nos estados árabes).
En Asia e o Pacífico, así como en América Latina e o Caribe, prevese que o aumento anual do emprego se sitúe en torno ao un por cento. En América setentrional, o aumento do emprego será moi leve ou inexistente en 2023, e producirase un lixeiro aumento do desemprego, segundo o citado informe.
Europa e Asia Central vense particularmente afectadas polos efectos económicos do conflito en Ucraína. Porén, aínda que se prevé que o emprego diminúa en 2023, é de agardar que a taxa de desemprego na rexión só aumente levemente, tendo en conta o insuficiente aumento da poboación en idade de traballar.
[Artigo tirado do sitio web Estrategia, do 25 de febreiro de 2023]