Ducias de persoas claman nas sedes do PP contra o machismo nas institucións

Nas protestas, convocadas polo feminismo galego, denunciouse o comportamento do goberno galego tras a imputación do conselleiro do Mar
Nacional - 25 Xun 2025

Ducias de persoas concentráronse na tarde deste mércores nas sedes do PP nas sete cidades para denunciar o comportamento de todo o goberno galego tras coñecerse a imputación do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e demandar unhas institucións libres de machistas. A secretaría das Mulleres da CIG, como organización integrante da Marcha Mundial das Mulleres, participou activamente nestas protestas.

A seguir reproducimos o manifesto do feminismo galego lido no decurso das concentracións:

O feminismo galego denuncia o comportamento machista do goberno do PP na Xunta

Os colectivos e organizacións feministas asinantes deste manifesto, repudiamos o comportamento de todo o goberno do Partido Popular á fronte da Xunta de Galicia tras coñecer que o Conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, foi imputado por un delito de agresión sexual. 

En maio de 2024, as organizacións feministas galegas manifestabamos nun comunicado o noso rexeitamento á eliminación da Secretaría Xeral de Igualdade do organigrama do goberno da Xunta, denunciabamos que, a pesar das mostras de fortaleza do feminismo galego nos últimos tempos e do clamor social pola necesidade de políticas decididas cara á superación das discriminacións que historicamente se cometeron coas mulleres, non se albiscaban por parte do goberno da Xunta políticas encamiñadas a este fin.

Todo o contrario, rexeitabamos a separación da abordaxe da violencia de xénero e a igualdade en dous departamentos diferentes, a Dirección Xeral contra a Violencia de Xénero e a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, cando para nós a violencia e a desigualdade eran dúas caras da mesma moeda, manifestando que non se podían poñer en práctica medidas efectivas contra a violencia que non ataquen as desigualdades. Non concordabamos con poñer á fronte da Dirección Xeral contra a violencia a un home, aínda que tivese unha experiencia como xurista.

Un ano despois asistimos a un espectáculo mediático protagonizado por cargos de goberno da Xunta, aproveitando a súa situación de poder e control dos medios de comunicación, para apoiar pública e persoalmente a un conselleiro que foi imputado por un delito de agresión sexual contra unha muller.

Desde que se coñeceron os feitos, non houbo unha soa mensaxe pública por parte de ningún membro do goberno, nin do Presidente Alfonso Rueda; nin da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez; nin de Roberto Barba Alverdro, Director Xeral contra a Violencia de Xénero, manifestando tolerancia cero cos agresores sexuais, exixindo xustiza e reparación para a vítima. 

Todo o contrario, no canto de facelo, permitiron e alentaron que o conselleiro utilizase o cargo para convocar os medios de comunicación e puidese espallar impunemente a mensaxe de que foi obxecto dunha denuncia inxustificada e que defendería a súa inocencia sen que houbese nin a máis mínima réplica, saíndo da rolda de prensa entre aplausos e desexos de que se faga xustiza e poidan recuperalo para a vida pública (ou sexa opinando publicamente que estabamos ante unha denuncia falsa dunha muller).

O resto do goberno non emitiu nin unha soa declaración facendo mención á necesidade de denunciar as agresións, de condenar a violencia sexual, nin manifestando o apoio á denunciante, senón agradecendo o xesto da dimisión como algo honorable.

Lembramos as persoas que nos representan no Parlamento Galego, que foron elixidas como tales, que a violencia de xénero non é un asunto privado, senón un problema estrutural e social que require de posicionamentos sen fisuras e de actuacións firmes. Condenamos a actuación do goberno do PP e exiximos que se sitúen no único lugar posíbel: a carón e da man de quen sufre a violencia, e de fronte a quen realiza as agresións. 

Precisamente porque acreditamos en que as institucións teñen que dar exemplo, exiximos a inmediata dimisión das persoas que, desde as súas situacións de poder, avalaron e perpetraron a violencia: o Presidente, Alfonso Rueda, a Conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o Director Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba.

Asinan este manifesto: Marcha Mundial das Mulleres Galiza, Secretaría de Mulleres da CIG, Moradaura, Colectivo Feminista das Mariñas, INXURGA, Colectivo Feminista Deza-Tabeirós, Foro Feminista de Lugo, Secretaria da Muller STEG, Mulleres en Acción da Barbanza, Exeria Mulleres Cristiás Galegas, Arrolos de Teta, Observatorio da Mariña pola Igualdade, Asociación de Mulleres Area Loura do Val Miñor, Asociación Xornalistas Galegas, Resposta Feminista Vigo, AGAMME (Asociación Galega contra o Maltrato a Menores), Plataforma Feminista Galega, Colectivo Feminista da Gudiña, Azos Feministas, Asociación Feminista Polamiuda, Feminismo en pé, Unión de Muchachas, Mulheres Nacionalistas Galegas, O Soño de Lilith, Nós Mesmas, Xiara, Avante LGBT, Mulleres STEG.