Ducias de persoas amosan a súa solidariedade coas mulleres da flotilla Rumbo a Gaza
A CIG - como organización integrante da campaña galega Mulleres Rumbo a Gaza, coordinada por BDS Galiza, en colaboración coa Marcha Mundial das Mulleres e co apoio de diversos grupos- participou activamente nas protestas celebradas esta tarde na Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra. A Secretaria da Muller da CIG, Margarida Corral, denunciou a detención destas mulleres, a inacción da comunidade internacional fronte ao bloqueo e a vulneración sistemática dos dereitos do pobo palestino.
Ao tempo chamou a participar en todas as accións que se convoquen en solidariedade coas mulleres, "visibilizando a opresión á que estas mulleres se ven sometidas diariamente pola ocupación israelita, mais tamén polo patriarcado, de xeito moi relevante pola mirada occidental, que as reclúe no seu papel máis doméstico, negándolles todos os espazos públicos que de feito veñen ocupando".
A seguir reproducimos o comunicado ao que se deu lectura ao remate das concentracións, nas que tamén se solicitou a colaboración cidadá para esixir a liberación das mulleres retidas. Toda a información sobre como facelo pódese atopar neste enlace: https://wbg.freedomflotilla.org/sos-womens-boat-to-gaza
Comunicado de condena tras o asalto ao Zaytouna-Oliva en augas internacionais
A armada israelí volveu a actuar con total impunidade e contra toda legalidade internacional asaltando un barco civil que navegaba rumbo a Gaza en augas internacionais do Mar Mediterráneo. Nese veleiro ían trece mulleres de cinco continentes nunha acción non violenta de denuncia do ilegal e inhumano bloqueo israelí á Faixa de Gaza que se prolonga dende 2007.
Dende hai sete anos eses ataques, que constitúen actos de piratería en toda regra, asaltaron todos e cada uno dos barcos internacionais que tentaron romper o bloqueo marítimo do mar palestino de Gaza. Son accións civís pacíficas que protestan ante a pasividade da comunidade política internacional, cuxas supostas boas intencións diplomáticas para por fin á ocupación de Palestina prolóngase dende 1948. E son as mulleres e homes de todo o mundo quen manifestan que 68 anos de diplomacia internacional en van son demasiados anos, e a Palestina non se lle pode pedir outros 68 anos de resistencia.
Este ano foros mulleres de todo o mundo quen berraron a Gaza que non está soa na súa loita contra o bloqueo e tenderon fitas de solidariedade coas mulleres palestinas, resistentes a unha tripla opresión: á xerada pola ocupación israelí, á causada polo patriarcado, e á opresión xerada pola prexuizosa mirada occidental.
Durante a navegación polo Mediterráneo seguramente o barco de mulleres tería a poucas millas outros barcos de mulleres, homes, nenos e nenas que buscan refuxio lonxe das guerras de países en conflito. En Gaza, cando cada dous anos miles de bombas son lanzadas indiscriminadamente na zona máis densamente poboada do mundo, ninguén ten a posibilidade de fuxir por un mar bloqueado, nin por unha terra pechada por un muro, nin por un aire poboado por drons e avións de guerra.
Esta tarde a piratería israelí impuxo a forza por riba dos dereitos humanos e a legalidade internacional. Apropiase navalmente do Mar Mediterráneo asaltando e detendo en augas internacionais a trece mulleres que foron levadas secuestradas a Israel, lugar ata o que en ningún momento se dirixía o Zaytouna, cuxo destino era o porto de Gaza en Palestina.
• Denunciamos que Israel siga atacando barcos civís en augas internacionais.
• Denunciamos que un réxime racista e de apartheid continúe colonizando Palestina.
• Denunciamos que gobernos, como o do Estado español, nin protexan o dereito á libre navegación, nin condenen os ataques israelís a barcos civís, nin que levaran a cabo en 68 anos accións e políticas efectivas para por fin á ocupación e o bloqueo.
• Esiximos protección cara as pasaxeiras do Zaytouna-Oliva, levadas contra a súa vontade a centros de detención israelís, e a súa inmediata posta en liberdade.
As flotillas e outras acción directas seguirán producíndose e a sociedade civil seguirá chamando ao boicot ao apartheid israelí, como o fixo contra o sudafricano, ata que se poña fin á ocupación e ao bloqueo.
¡Viva Palestina Libre!