Dúas sentenzas confirman a loita da CIG-Ensino contra o autoritarismo da Administración educativa
A CIG-Ensino acaba de gañar a segunda sentenza do ano 2019 que condena á Consellaría de Educación á devolución dos haberes descontados por un día de ausencia ao traballo, cos xuros e máis as costas do proceso, sen que caiba apelación.
As sentenzas dan a razón a dous profesores que non acudiron á clase ao día seguinte dunha actividade extraescolar da que regresaron co alumnado ás 2:45h da mañá, en cumprimento da programación do centro.
Ambas sentenzas cualifican a actuación da Administración de “temeraria” e contra o “sentido común”, a proporcionalidade, boa fe e racionalidade, “principios xerais do dereito que vencellan o actuar das Administracións Públicas”.
Ambas argumentan contra a actuación da Dirección e da Inspección e validan totalmente a defensa practicada pola CIG-Ensino, incluída a aplicación da directiva europea 2003/88/CE que estabelece un mínimo de 11 horas de descanso entre xornadas.
A CIG-Ensino, que agarda outras dúas sentenzas semellantes do mesmo centro e polo mesmo motivo, valora ditas actuacións no contexto dunha mal entendida autoridade fomentada pola LOMCE e transformada nalgúns casos en autoritarismo.
O sindicato amosa a súa satisfacción pola defensa realizada e as sentenzas obtidas, e lamenta que foran infrutuosas todas as xestións feitas para evitar a vía xudicial.