Dúas novas xornadas de folga no comercio de alimentación da provincia de Ourense

O sector reclama a equiparación coas condicións laborais do persoal da Coruña e Pontevedra
Ourense - 27 Mai 2025

As asembleas de persoas traballadoras do comercio de alimentación da provincia de Ourense decidiron hoxe convocar dúas novas xornadas de folga os vindeiros días 6 e 7 de xuño para reclamar un convenio digno que permita a equiparación coas condicións laborais das que goza o persoal do sector na Coruña e Pontevedra.

As centrais CIG, CCOO, UGT e USO acordaron promover a celebración das asembleas tras o fracaso da segunda mesa de negociación coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, na que a patronal achegou unha proposta “insultante” que non permite compensar a perda de poder adquisitivo. 

Os novos paros de 24 horas terán lugar o venres 6 e o sábado 7 de xuño

Xa que contempla unha oferta económica de 18.100 euros anuais en 2025, 18.800 en 2026, 19.500 en 2027 e 19.860 en 2028; cunha cláusula de revisión anual cun incremento do 2,5 % se o IPC de 2025 supera a suba que supoñen as táboas salariais dese ano. Para o resto dos anos utilizaríase o mesmo sistema de revisión salarial.

A proposta do empresariado contempla ademais só 3 fins de semana de calidade (1 cada catro meses) e o mantemento da categoría IV como categoría de entrada e promoción automática ao ano.

Diante disto, a os sindicatos anunciaron que non ían tolerar máis estas “faltas de respecto” ao persoal e lamentaron que despois da “histórica” xornada de folga do pasado día 16 a patronal siga “sen reflexionar”. Polo que optaron por organizar as asembleas, que hoxe decantáronse masivamente por convocar dúas novas xornadas de paros de 24 horas o venres 6 o sábado 7 de xuño.