Doentes amoreados en Urxencias colapsan o HULA ao mantérense as camas pechadas malia estar o hospital saturado
Segundo explica a CIG-Saúde en Urxencias amoréanse os/as doentes que non poden saír da Unidade pola ocupación que hai nos outros servizos. De feito, aseguran que na mañá deste martes permanecían nos boxes de atención urxente doentes xa vistos e que deberían ter sido remitidos a Observación, pero que non poden pasar a esa unidade porque está chea.
A este respecto CIG-Saúde de Lugo sinala que en Observación permanecen ingresados os doentes que chegan de urxencias e que non se poden ir de alta para as súas casas, ao non haber camas libres en hospitalización.
Afirma ademais que na UCI, que está chea, “probablemente haxa pacientes que poderían estar na planta, pero ao non haber camas libres, mantéñense nesta unidade e así todos os ingresos que deberían ir para aí son enviados para Reanimación e Despertar”.
Doentes mesturados
A isto engade que nas Unidades de Hospitalización permanecen mesturados/as doentes de múltiples especialidades que requiren coidados moi dispares, con necesidades e protocolos moi diferentes.
Ante isto, a CIG-Saúde denuncia novamente a gravidade de pechar un hospital. “Entendemos que a orde de non abrir camas é tallante, xa que habendo unha xefatura de garda, esta non é quen de facilitar a profesionais e doentes a atención necesaria, mantendo o estado de “colapso” hospitalario e a penosidade que isto supón para tódalas partes”.
Por iso reclama que se usen os recursos existentes para a correcta atención á poboación e que se lle faciliten ás/aos profesionais os instrumentos axeitados para poder manter a calidade asistencial na atención sanitaria que prestan.