Dixitalización. Un salto adiante social?

Manuel Mera - 15 Feb 2021

O beneficio social dos avances técnicos depende de quen os controle, ou sexa, ao servizo de que clase e de que potencia ou países van estar. Non foi porque preferira o atraso que o movemento obreiro queimou e esnaquizou empresas que incorporaban a maquinaria no século XIX, senón porque substituía a man de obra e reducía os salarios

 Sen dúbida, a aceleración da crise do capitalismo que está a causar a pandemia da covid-19, así como a desfeita ecolóxica, a menos que o evitemos vaise resolver cunha maior centralización e concentración da riqueza e do poder. Unha das hipóteses sería a dun mundo globalizado dividido en bloques, como última alternativa para os Estados Unidos manter a hexemonía imperialista. Con menos opcións de partida, mais non se pode descartar como alternativa, tamén se podería abrir un escenario onde se impoña o multilateralismo, a democracia e a diversidade. Todo dependerá das consecuencias da confrontación entre potencias e do medre da crises internas, das protestas sociais e institucións deslixitimadas,por mor do crecemento da desigualdade social e a precariedade.

 Para que se poida consolidar un escenario no que prime a xustiza social, igualdade, solidariedade e respecto polas soberanías nacionais, é fundamental que as clases populares recobren en cada país, e a nivel mundial, a iniciativa, militancia, complicidade social e capacidade de mobilización, disputando a hexemonía no eido das ideas e o poder institucional. Ou sexa, cómpre contar con suxeitos políticos e sociais rupturistas e transformadores.

 Agora ben, en principio nada fai pensar que os avances científico-técnicos permitan construír un mundo máis xusto e democrático. Por exemplo, todo reflicte que tanto a economía verde como a dixitalización, que son unha evolución necesaria, poden ser utilizadas perversamente para aumentar a concentración e centralización do poder e da riqueza, se estes avances están controlados polas grandes potencias e corporacións. E isto é o que está a acontecer a esta altura.

 Pensemos no comercio de proximidade substituído durante a pandemia polas vendas on-line, coa quebra das pequenas e medianas empresas relacionadas coa contorna, e na expansión das plataformas telemáticas (moi centralizadas e internacionalizadas) ligadas a un exército de riders, ou sexa, de persoas traballando en precario con mínimas relacións entre elas. Esta tendencia no comercio xa existía, daquela o éxito de Amazon, porén a pandemia deulle un pulo definitivo, e a volta á “normalidade” non vai eliminar esta tendencia. Ademais a preponderancia do capital dixital esténdese á comunicación, cultura e banca, controlando a superestrutura. Tamén da actividade primaria e transformadora no futuro? Seica Amazon só paga unha media dun 7% de impostos no mundo. Unha situación de privilexio, como a do resto das tecnolóxicas e outras corporacións.

 Unha consideración sobre o teletraballo. Hai quen dá por feito que no futuro a maioría das persoas van traballar a distancia, dende as súas casas. Resulta obvio que a cantidade que o farán será maior que nunca antes. Porén, a maior parte do esforzo laboral seguirá sendo físico: no agro e na pesca, na minería, na construción, no transporte, comercio e hostalería, limpeza, sanidade, centros de dependencia, deporte, espectáculos... Mesmo hai tarefas como o telemarketing, con cadros de persoal moi grandes, onde o esforzo tamén é esencialmente físico. Así mesmo , para alén de situacións moi especificas, traballar na casa implica un maior illamento, e polo tanto menor capacidade reivindicativa... e a realización dun maior esforzo laboral?

 O beneficio social dos avances técnicos depende de quen os controle, ou sexa, ao servizo de que clase e de que potencia ou países van estar. Non foi porque preferira o atraso que o movemento obreiro queimou e esnaquizou empresas que incorporaban a maquinaria no século XIX, senón porque substituía a man de obra e reducía os salarios. Tampouco eran gratuítas as rebelións campesiñas en Inglaterra que se opuñan ao mercado libre, que convertía a Arxentina na granxa británica para reducir o custo dos alimentos substituíndo a produción e o campesiño autóctono, e así rebaixar o salario esencial da clase obreira británica para maximizar as taxas de lucro.

 Para evitar que o avance científico técnico estea ao servizo do gran capital e das potencias, que destrúen emprego e aumentan a explotación, son necesarias medidas alternativas inmediatas. Por exemplo: rematar cos falsos autónomos regulando as condicións de traballo dos riders como asalariados/as que son e o teletraballo; e por outro lado, urxe a intervención directa dos gobernos con axudas que eviten os peches destes comercios por mor da pandemia, e con proxectos público-privados que constrúan soportes dixitais alternativos (avanzados, cunha grande oferta e entrega rápida) como espazo virtual da oferta asociada coa pequena e mediana empresa, así como eliminar as reformas laborais, a lei mordaza e o artigo 315.3 do CP, que son cadeas que limitan os dereitos sindicais e agrilloan a protesta social. A reconstrución implica recuperar certas actividades porén outras non son sostíbeis, e apostar por elas sería reproducir os escenarios de expansión de novos virus e da desfeita da natureza, porén tamén un mundo ao servizo do capital, da cobiza. Trátase de construír un sistema económico e social sustentábel, xusto, con plena soberanía nacional e popular.

 Para avanzar nesta folla de ruta transformadora é vital gañar protagonismo na rúa e institucións, porén esencialmente conquistar a hexemonía na loita das ideas, na complicidade social. Isto é fundamental, porque a conciencia colectiva mantense nos momentos de avance e de retroceso, e acumula experiencia para a disputa e a construción de poder popular. Daquela que sexa fundamental non só divulgar a convocatoria de mobilizacións e folgas, senón ademais, despois da súa realización socializar a participación e mensaxes, así como a análise do feito, dos comportamentos sindicais e políticos e da resposta social, para completar o proceso e darlle continuidade evitando ter que volver sempre ao mesmo punto da partida.

 Evidentemente ,tamén hai que tomar medidas a medio e longo prazo para construír unha economía autocentrada e sustentábel, onde os sectores e empresas estratéxicas sexan públicas (sanidade, educación, coidados de dependencia, enerxía, auga, telecomunicacións...), garantir un reparto xusto do traballo e da riqueza (salarios dignos, contratos fixos, redución da xornada, servizos públicos eficientes, fiscalidade progresiva...), respecto pola diversidade e igualdade de trato. Onde exista un equilibrio cos ecosistemas, eliminando o amoreamento urbano, a deforestación, a mobilidade estrema de persoas e mercadorías (turismo de masas, globalismo da dependencia). Lembrando que  a consolidación destes avances están ligados a rachar coa dependencia política e co carácter subalterno na cadea de valor.

 

[Vigo, 14 de febreiro de 2021]

https://obloguedemera.wordpress.com/