Diana Rodríguez Regueira, nova secretaria comarcal da CIG de Pontevedra

Chamou a seguir avanzando na autoorganización da clase traballadora e nunha práctica sindical coherente cos principios que vertebran a central
Pontevedra - 14 Xun 2025

Diana Rodríguez Regueira foi elixida nova secretaria comarcal por unanimidade con 132 votos a favor en substitución de Marcos Conde Farto pola IX Asemblea da CIG de Pontevedra celebrada este sábado no Pazo da Cultura. A candidatura de consenso para a Executiva Comarcal obtivo 130 apoios e 2 votos nulos; e a lista de representantes da bisbarra no Consello Confederal sumou 132 votos a favor, ningún en contra e ningún nulo.

Composición da nova Executiva Comarcal
  1. Diana Rodríguez Regueira.

  2. Aitor Maquieira Rodríguez.

  3. Francisco J. Dapena Varela.

  4. Soedade Fernández Silva.

  5. Marta Ferreiro Fernández.

  6. Ana Caneda Villanueva.

  7. José Blanco Pichel.

As primeiras palabras de Diana Rodríguez como nova secretaria comarcal da CIG-Pontevedra foron para agradecer a labor dos seus predecesores no cargo e para sinalar que tanto ela como a nova Executiva teñen por diante “unha gran responsabilidade”: seguir a traballar “na mesma liña de compromiso e de loita”.

Fixo fincapé na necesidade de continuar avanzando na autoorganización da clase traballadora e nunha práctica sindical coherente cos principios e obxectivos que vertebran a CIG, como son o nacionalismo, o feminismo e a defensa do idioma propio de Galiza. E chamou a continuar na loita contra a privatización dos servizos públicos, ao tempo que reclamou da Xunta un programa de vivenda que free a especulación e garanta o acceso da cidadanía a este dereito.

Ao mesmo tempo alertou sobre o actual aumento da precariedade e do empobrecemento como consecuencia do empeoramento progresivo das condicións laborais (desregulación da xornada de traballo e perda de poder adquisitivo), até o punto de que “ter un emprego non garante as mínimas condicións para vivir dignamente”. Unha situación que se agravou coa última reforma laboral, que disparou os contrato fixos descontinuos e a tempo parcial, afectando maiormente ás mulleres e á mocidade.

Fronte todo isto contrapuxo a conflitividade laboral e a mobilización social “que son o sinal de identidade” do sindicalismo que representa a CIG. “Demostrámolo en todos os conflitos e loitas nos que participamos na nosa comarca, como o convenio do comercio de alimentación, residencias de maiores privadas, SAF, sector do metal e do comercio do metal, conserva, elaborados do mar, oficinas e despachos, limpeza de edificios e locais e limpeza hospitalaria, ambulancias, atención á diversidade, atención a menores, educación infantil, construción, etc”.

De aí a importancia de afondar na organización para poder avanzar e abrir mesas negociadoras para fortalecer o modelo de relacións laborais galego e rachar co modelo de centralismo “monopolista e excluínte” de UGT e CCOO. “Reclamamos o dereito a negociar as condicións de traballo no noso país, esiximos un SMI de 1320,04 euros (o 60% do salario medio do Estado) e unha xornada de 35 horas, así como impedir que as Mutuas xestionen as continxencias comúns, que non é máis que apostar pola privatización do servizo público de saúde”.

No plano internacional censurou a actual escalada militarista e belicista e apelou á necesidade de “non pechar os ollos” fronte á ocupación de Gaza e ao xenocidio do pobo palestino. “Seguiremos denunciando que o imperialismo e o colonialismo están detrás deste xenocidio consentido e televisado”, sinalou.

Vixencia do modelo combativo que representa a central

A defensa do Informe de Xestión da anterior Executiva Comarcal correu a cargo de Marcos Conde. No documento, que foi aprobado por 132 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención, faise fincapé en que o traballo sindical e social desenvolvido pola CIG nos últimos catro anos estivo marcado polos efectos “devastadores” xerados polas políticas a favor do capital e contrarias aos intereses das persoas traballadoras. E por unha situación mundial que fixo que “tiveramos que levantar a bandeira do antibelicismo, en posturas que son claramente opostas ás favorecidas polo capital”. Tamén se incide na aposta pola soberanía dos pobos á hora de decidir o futuro. “Unha etapa marcada polos conflitos de Ucraína ou Gaza, resultado do afán imperialista que sofren os pobos”.

Xa no contexto galego, critícase a “inacción” da Xunta, que non é máis que “correa de transmisión” de políticas estatais ao servizo do capital e focalizado na oposición ao Goberno do estado. “Sen preocuparase da situación agónica de sectores básicos para Galiza, tanto actividades económicas como sectores produtivos. E aceptando o papel colonial de Galiza, cun modelo que responde a unha planificación feita fóra do noso país”.

Fronte a isto, sinálase a vixencia do modelo combativo que representa a CIG. “Fixemos un chamamento ao conflito e á confrontación, porque é na negociación colectiva onde podemos recuperar dereitos, avanzar na recuperación do poder adquisitivo e rematar coa precariedade imposta. A confrontación o único camiño para logralo, fronte ao entreguismo do diálogo social”. De xeito que as distintas federacións dirixiron e catalizaron os numerosos conflitos laborais abertos neste período, combinando mobilizacións sectoriais con loitas concretas nas empresas.

Unha dinámica permitiu ademais impulsar accións sociais de “gran calado e repercusión” entre a clase traballadora e no conxunto da sociedade, como a defensa de Galiza, como pobo e nación, de forma propia a través de diversas campañas ou colaborando coas protagonizadas por Vía Galega; a denuncia do espolio, tanto o enerxético como de recursos e materias primas; a defensa da nosa lingua “como valor máximo da nosa cultura”; a extensión da loita feminista contra a pobreza, a violencia e a desigualdade; a defensa dos servizos públicos; ou a reivindicación dunhas pensións dignas e dun sistema público galego de atención ás persoas.

O documento tamén lle dedica unha parte importante a analizar a evolución da representatividade e da afiliación da central sindical, poñendo en valor o feito de que a CIG lograse por primeira vez a condición de primeira forza nas tres Unións Locais (Pontevedra, O Salnés e A Estrada-Deza). De igual, xeito a afiliación non deixou de medrar durante este período, atinxindo unha suba media no conxunto da comarca do 16.22%, o que supón 1175 persoas afiliadas máis.

Unha muller á fronte do sindicato na comarca por primeira vez

En representación da Executiva Confederal participou no acto Susana Méndez, que interveu para poñer en valor que unha muller tome as rendas da Unión Comarcal de Pontevedra por primeira vez. “A nova secretaria comarcal ten demostrado a súa capacidade de traballo, a súa militancia, e a súa forza de loitadora. E tamén a súa fonda convicción feminista para mudar as cousas desde o cerne, no camiño dese obxectivo dunha igualdade real para as mulleres”. Tamén se referiu ao intenso traballo realizado durante estes últimos anos pola Executiva Comarcal, e parabenizou o secretario comarcal saínte polo seu esforzo militante “e por ter guiado a bo porto esta nave”.

Ademais, salientou que o proceso servise para reafirmar o compromiso da CIG cun sindicalismo combativo, de defensa da clase traballadora galega, e que entende a emancipación de clase xunguida á emancipación nacional. “E así é. A CIG non estamos aquí para xestionar o que hai, senón para transformalo”.

Para o que é fundamental seguir afondando no modelo sindical de loita e confrontación social, “xa que non estamos para conciliar cos que nos explotan, senón para organizarnos e enfrontalos”. Porque o conflito é unha ferramenta imprescindible para avanzar en dereitos, para mudar a realidade, para construír un futuro máis xusto. “E a acción sindical, para nós, ten tamén unha dimensión política: queremos construír conciencia de clase e conciencia nacional”.

Representantes da comarca no Consello Confederal
  1. Diana Rodríguez Regueira.

  2. Anxo Lúa Areas.

  3. Antón Álvarez Meralho.

  4. Cecilia Tarela Barreiro.

  5. Aitor Maquieira Rodríguez.