Día Mundial pola Prevención do Suicidio: en Galiza houbo 324 mortes por esta causa en 2017, case unha diaria
Coincidindo co Día Mundial pola Prevención do Suicidio, o Movemento Galego de Saúde Mental convoca para este luns, día 10 de setembro, ás 20:00 horas, na Praza de Parterías un acto que ten como obxectivo “informar, sensibilizar, confrontar o estigma, recordar e reivindicar compromiso, en especial dos gobernos, coa prevención” do suicidio. Salienta que en 2017 se produciron 324 sucidios, case un por día.
En Galiza, a morte por suicidio é “un problema de saúde pública de primeira orde” e ha ser unha “prioridade multisectorial”. Estas son, segundo lembra o Movemento galego de Saúde Mental, as palabras da Consellería de Sanidade cando o ano pasado deu a coñecer publicamente o Plan de Prevención do Suicidio para Galiza, que durante anos lle viñan reclamando, para así dar cumprimento ás decisións adoptadas na 66ª Asamblea Mundial da Saúde de 2013 e ás orientacións da OMS.
“Plan de papel”
Porén, denuncian que se trata dun “plan de papel” porque, malia levar case un ano aprobado, a taxa de mortandade en Galiza por suicidio situouse en 2017 en case 12 persoas (11,9) cada 100.000 habitantes, practicamente unha ao día. Aseguran que o plan “naceu, e así continua, sen compromisos de execución, sen responsables da súa materialización, sen dotacións económicas nin profesionais, sen prazos, sen concrecións de actuación” e que este foi un ano sen accións significativas de prevención “como para que merezan tal nome,” continuándose tan só coas escasas actuacións que xa se viñan desenvolvendo na actividade ordinaria do SERGAS.
Mortes en espazos sanitarios
O MGSM salienta que neste período mesmo tiveron que denunciar en dúas ocasións as mortes de persoas por esta causa en espazos sanitarios, constatando que “nin nestes lugares se implantaran programas e protocolos de prevención”.
Consideran pois que “é desesperante a desidia dos responsables da saúde da nosa comunidade. É indignante a utilización política e propagandística que fixeron do que debera ser un plan de protección da saúde e da vida”.
Por iso chaman a seguir exixindo o cumprimento das obrigas que a Xunta ten coa prevención. E tamén “a asumir todas e todos nós o compromiso coa mesma: confrontando o estigma, dando visibilidade a unha causa de morte con efectos tan graves, apoiando a quen se atopa en condición máis vulnerable, construíndo unha sociedade máis xusta e solidaria”.
Por iso convocan para hoxe un acto simbólico de “Badaladas pola prevención do suicidio” que dará comezo ás 20:00 horas na Praza de Praterías, en Santiago, coincindindo con outras accións que se realizarán en todo o mundo con motivo do Día Mundial de Prevención do Suicidio. “Ha de ser un día de sentimento por mortes evitables, denuncia da pasividade dos gobernantes e reivindicación de medios, accións e compromisos”.