Día Mundial da Seguridade e da Saúde no Traballo: A pandemia da COVID-19 e o teletraballo
Atopámonos neste 28 de Abril, Día Mundial da Seguridade e da Saúde no Traballo, aínda nunha situación de pandemia derivada da COVID-19 e baixo un estado de alarma decretado no conxunto do Estado español. O ano pasado por estas datas xa denunciabamos como nesta pandemia se estaba a evidenciar a concepción que as empresas teñen da seguridade e saúde no traballo, como un gasto de produción máis que un verdadeiro interese pola saúde das persoas traballadoras.Tamén poñiamos énfase en como nas decisións dos gobernos central e autonómico pesaron máis os intereses económicos que a saúde das persoas. Este comportamento das empresas ás que só importan os beneficios e dos poderes políticos claramente ao servizo dos intereses económicos, mantívose durante todo este período e continúa aínda no presente.
A día de hoxe, logo de máis dun ano do comezo da pandemia, os protocolos de actuación en materia preventiva seguen sen actualizarse nin adaptarse en moitos sectores ás realidades laborais derivadas da existencia dun importantísimo risco de contaxio para a saúde consecuencia da persistencia e expansión da pandemia da COVID-19. Nesta situación foi inxente o traballo que a nosa central sindical desenvolveu para que, dende as distintas administracións públicas, e as empresas privadas dos distintos sectores, fosen quen de adoptar as medidas precisas para unha protección real da saúde das persoas traballadoras fronte ao grave risco que supón o contaxio por COVID-19. Aínda estamos nesa loita, pois a resistencia a empregar recursos para o coidado da saúde do persoal traballador por parte da administración pública e da empresa privada é moi forte.
Amais da falta de protocolos axeitados e recursos para dotar aos mesmos, outra realidade que trouxo a pandemia foi o propio tratamento que se lle deu e está a dar á COVID-19 como enfermidade profesional. A súa consideración como tal segue a estar moi lonxe de axeitarse á realidade en sectores nos que esta cuestión non debería ter discusión. Unha vez máis o concepto economicista da saúde das persoas traballadoras, deriva nunha resistencia ao recoñecemento do contaxio por COVID-19 como unha enfermidade profesional fóra de toda lóxica médica e laboral.
A concepción sindical de que a saúde laboral e a prevención de riscos no traballo é unha parte fundamental da acción sindical orientada a mellorar as condicións de traballo e a protección da saúde das persoas traballadoras, fai necesario analizar os procesos do capitalismo que esta pandemia ten acelerado dende un punto de vista da loita de clases.
Procesos estes de deterioración das condicións de traballo que na práctica veñen a supor un menoscabo da saúde dos traballadores e traballadoras. O forte impulso do teletraballo, cos potencialmente graves riscos que implica para a saúde das persoas tornouse sen dúbida nun elemento central moi preocupante:
En efecto, a pandemia mundial de coronavirus –unha manifestación particular do desastre ecolóxico mundial actualmente en curso- puxo a teletraballar a millóns de seres humanos. Este proceso de artificialización sen precedentes na historia do traballo alienado, non debe nin pode ser tomado como unha medida excepcional e pasaxeira que prontamente será abandonada unha vez que se retorne á “normalidade”. En primeiro lugar, porque esa normalidade xamais volverá -xa se perfila en todos os Estados do mundo occidental o neoloxismo “nova normalidade” como a referencia por excelencia á militarización da sociedade e ao traballo a distancia-, e, en segundo lugar, porque a xeneralización do teletraballo xa era un proceso que viña desenvolvéndose progresivamente dende hai polo menos unha década, e que neste período de pandemia recibiu un importante empuxón debido ao contexto de crise mundial. O teletraballo como modalidade laboral non ten nada de anormal ou extraordinario, senón que dende vai xa algún tempo vén sendo parte dunha tendencia histórica inmanente á produción capitalista: a substitución do traballo vivo, directo e presencial, polo traballo realizado por maquinaria, automatismos e/ou robots; unha tendencia histórica do capital que converte o traballo humano nun elemento cada vez menos determinante na produción material á beira do desenvolvemento da ciencia e da tecnoloxía.
Na implantación do teletraballo vemos unha agudización de todas as características propias da produción mercantil que atacan frontalmente a saúde das persoas traballadoras en canto son concibidas como puro elemento xerador de valor:
Por unha banda redúcense a valor os produtos da actividade humana, e a actividade humana mesma, por outra, foméntase o traballo privado, desvinculado da comunidade e realizado, por tanto, sen ter como obxectivo a satisfacción de necesidades humanas senón a produción de valor.
Este camiño que transita o capitalismo, e que pretende converter os seres humanos en simples cousas, e porén humaniza as mercadorías, atopa o seu esplendor nunha sociedade na que un número crecente de actividades poden realizarse “a distancia”.
No teletraballo, o principio inhumano do sometemento da vida social real á lóxica despótica do valor, alcanza un novo grao de degradación da vida humana pois fortalece a atomización e separación dos individuos propios da división capitalista do traballo.
Con todo, a xeneralización do teletraballo asalariado é unha necesidade concreta para a realización da valorización do capital na nosa época: é unha consecuencia necesaria da revolución científica e tecnolóxica incesante do modo de produción especificamente capitalista e, por tanto, do carácter cada vez máis científico que toma a produción en xeral. Soamente dende esta perspectiva, en canto a que reforza aínda máis a competencia e somete a humanidade proletarizada a condicións de supervivencia aínda máis duras, é que o teletraballo se converte nunha ferramenta da dominación de clase. Noutras palabras, o teletraballo non é, senón, o corolario necesario da lóxica propia do traballo asalariado na época da organización cibernética da produción capitalista, provocando o illamento e estrañamento dos propios seres humanos entre si.
Nunha primeira instancia, o teletraballo é vendido como unha vantaxe para as persoas traballadoras, pois permite traballar “dende o fogar” en proximidade coa familia e/ou os seres queridos, pero a realidade dista moito de ser tan obsequiosa cos traballadores/as. En efecto, o teletraballo produce marabillas e enormes vantaxes organizativas para os ricos, pero miseria para os teletraballadores/as. Produce eficiencia na produción, pero tamén produce ansiedade, fatiga e tensión nas persoas teletraballadoras. Tal como Marx constataba hai xa máis de 150 anos: “o traballo asalariado substitúe o traballo por máquinas, pero bota unha parte dos traballadores a un traballo bárbaro e converte en máquinas á outra parte. Produce espírito, pero orixina estupidez e cretinismo no traballador”. É xustamente esa a realidade de quen teletraballa, o formar parte dun metabolismo orgánico disperso que se realiza ás costas, de forma anónima, á súa vida: traballa a distancia, e perdeu o contacto físico co obxecto do seu traballo. Non soamente se allea o produto do seu traballo, senón que a súa actividade mesma adquire un carácter virtual.
O teletraballo non permite o escape, a distracción -ou máis ben esta só existe como un momento dentro do teletraballo-, posto que está incrustado dentro do tempo vital das persoas traballadoras. Estas ao atoparse confinadas, ao traballar nas casas, perderon a capacidade de administrar a súa propia vida, porque deben cargar co peso de reproducirse como persoas teletraballadoras, ao mesmo tempo que o teletraballo se volve unha xornada de traballo cada vez máis difusa que supera con fartura os límites do traballo presencial. Non coñece límites ou, máis ben, os seus límites son o escaso descanso que permite e a dispoñibilidade da conexión. Tal como xa sucedía co traballo asalariado no seu formato “presencial”, a actividade de quen teletraballa pertence a outros, é a perda de si mesmo.
Hai, ademais, unha distorsión do tempo como resultado da prolongación efectiva da xornada laboral, posto que xa nin o día, a noite ou o cansazo son barreiras para a realización do traballo asalariado. Hai aquí unha continuidade e unha ruptura coa organización do traballo capitalista propia de épocas anteriores da produción. Por unha banda, hai unha continuidade na medida en que a tendencia de facer a noite día, ou máis ben a tendencia do capital de facer produtivas as 24 horas do día terrestre, é unha realidade dende que se constitúe o traballo fabril.
O capítulo VII d’O Capital é abundante en exemplos acerca das miserias do traballo asalariado na época en que se introduce masivamente a maquinaria na industria, e da explotación infantil intensiva e prolongada que era propia deste momento histórico da produción capitalista. No entanto, a medida que o modo de produción capitalista subsume cada vez máis esferas da vida social, subxugando a ciencia e a tecnoloxía como poderosos poderes sociais ao servizo da valorización do capital, vemos unha progresión na deshumanización do traballo asalariado, en canto a que os límites da xornada laboral e os tempos produtivos se estenden efectivamente co desenvolvemento acelerado da industria e do desenvolvemento de novas fontes de enerxía.
Con todo, neste século XXI que ve o comezo da xeneralización do teletraballo, a vivenda proletaria realiza efectivamente o pesadelo urbanístico de ser unha “máquina para habitar”, posto que agora un exército crecente de persoas teletraballadoras teñen na propia casa unha máquina que absorbe o seu traballo, que estende a xornada laboral até os límites biolóxicos e con frecuencia os traspasa e que, en suma, se constituíu como un instrumento para a succión do plustraballo.
No teletraballo, a persoa traballadora limítase a producir para subsistir, o que xa era esencialmente o traballo asalariado, pero engádeselle a particularidade de que xamais abandona o seu posto de traballo. Así, dunha forma completamente nova, o sistema de camas quentes é revivido -ou máis ben esténdese- en pleno século XXI por obra do teletraballo que pode ser realizado dende a propia cama ou mentres se toma o almorzo.
Non hai alternativa a esta realidade máis que a loita sindical e a loita política transformadora que implique un cambio radical de sistema que remate coa explotación da clase traballadora, pois neste sistema a saúde das persoas traballadoras sempre terá unha consideración económica dentro do sistema produtivo.