Día do Persoal Docente: "reclamamos liberdade no exercicio da profesión e a recuperación de dereitos"
O sometemento a tests antipedagóxicos como os informe PISA e as reválidas da LOMCE son dous exemplos da intencionalidade do neoliberalismo de controlar a actividade docente e o desenvolvemento curricular. No ensino universitario, esta lóxica materialízase na precariedade laboral, con contratos a tempo parcial e baixas retribucións, e en obstaculizar a carreira docente con sistemas de acreditación xerarquizantes e discrecionais, como o que se está a negociar coa ANECA.
Facéndose eco da campaña da Internacional da Educación, da que a CIG-Ensino forma parte, o sindicato maioritario no ensino público en Galiza amosa a súa preocupación pola perda de liberdade á que se ve sometida unha parte importante do persoal docente en moitos países. Unha perda de autonomía e de capacidade de intervención na toma de decisións sobre as políticas educativas e o propio exercicio da docencia que implica non só un empeoramento das condicións de traballo do profesorado senón tamén un empeoramento da calidade educativa e da formación do alumnado.
A presión política, condicionada polos intereses do poder económico, supón unha carreira de obstáculos para o profesorado e o alumnado"
Dificilmente poderemos como docentes proporcionarlle ao estudantado unha educación de calidade e un fortalecemento das propias sociedades nas que desempeñamos o noso traballo se non contamos con liberdades profesionais, laborais e académicas. Hoxe en día, constatamos como a presión política, condicionada polos intereses do poder económico, supón unha carreira de obstáculos tanto para o profesorado como para o alumnado.
As reválidas da LOMCE, adiadas temporalmente mentres a demoledora lei impulsada polo PP segue viva, así como a relevancia que os gobernos conservadores de Madrid e de Galiza lle dan a controis tendenciosos e claramente antipedagóxicos como o informe PISA son bo exemplo de como o neoliberalismo pretende controlar o ensino público, reducindo a autonomía e a liberdade de cátedra do profesorado e condicionando todo o desenvolvemento curricular.
Un profesorado valorado, con acceso a unha formación inicial e continua de alta calidade, con salarios xustos e capacidade de participar democraticamente na xestión da actividade académica dos seus centros de traballo é un profesorado empoderado. Un empoderamento que é a mellor defensa fronte a aqueles gobernos e multinacionais que prefiren ternos baixo control.
En Galiza, os recortes de dereitos tamén laminan a profesión docente.
Un profesorado que desde o ano 2010 perdeu entre 31.227€ e 53.138€, en función do corpo de pertenza e a antigüidade, é un colectivo castigado por gobernos que desprezan o profesorado e a función pública en xeral.
Un profesorado que ve como empeoran as súas condicións de traballo curso tras curso, aumentando as horas de docencia directa, incrementando as ratios, disparando a inestabilidade laboral, sobrecargándose de tarefas burocráticas até límites inauditos, é un profesorado desvalorizado.
Precisamos medidas urxentes que leven a recuperar os dereitos roubados polo PP, comezando pola derrogación inmediata da LOMCE e a negociación dunha Lei Galega da Educación"
Por iso, é fundamental que o empoderamento que a Internacional da Educación reclama a nivel mundial neste 5 de outubro, tome corpo no noso país con medidas urxentes que leven a recuperar os dereitos roubados polo PP nestes últimos anos, comezando pola derrogación inmediata da LOMCE e a negociación dunha Lei Galega da Educación, nun marco mínimo de recoñecemento do carácter plurinacional do Estado, así como a negociación de avances importantes no desempeño da nosa función docente.
A precariedade na educación superior
O Día Mundial do Persoal Docente deste ano celebra igualmente o 20º aniversario da Recomendación da UNESCO relativa á condición do persoal docente nas ensinanzas superiores, nun momento no que a inestabilidade e a precariedade laboral teñen convertido ás Universidades nun campo de experimentación do neoliberalismos máis atroz.
No caso galego son claramente preocupantes as cifras de persoal docente e investigador con contratos a tempo parcial, con retribucións moi baixas e sen posibilidade de afrontar unha carreira profesional merecente de tal nome, mentres desde o Ministerio se fixan medidas conducentes á obstaculizar esa carreira, usando o sistema de acreditación en fase de negociación coa ANECA como un elemento xerarquizante con altos niveis de discrecionalidade.
Galiza, a 5 de outubro de 2017