Día de Acción Global por un aborto legal: os dereitos das mulleres que sofren un no 2º trimestre seguen en cuestión
Margarida Corral, que acudiu en calidade de citada pola Fiscalía para ratificar a denuncia presentada pola Plataforma e a MMM, explicaba que o encontro co Fiscal prodúcese a consecuencia do escrito que presentou o pasado 25 de maio o colectivo por mor da deficitaria atención nos abortos euxenésicos do segundo trimestre.
Neste senso, lembrou que o pasado ano a Plataforma remitiu un escrito á Xerencia da área sanitaria da Coruña denunciando a inexistencia de protocolos e a situación que estaban vivir as mulleres que tiñan que interromper o seu embarazado por causas euxenésicas. "A pesar das nosas denuncias, as autoridades sanitarias non fixeron nada para mudar os protocolos e a atención seguiu sendo deficitaria", afirmou Corral.
O colectivo decidiu entón trasladar a denuncia ao Fiscal Superior de Xustiza de Galiza, pero ao existiren casos de varias provincias, este estimou oportuno derivar a denuncia ás Fiscalías provinciais.
Falta de actuación das autoridades sanitarias
Na comparecencia que se produciu hoxe na Fiscalía, a representante insistiu no feito de que até agora as autoridades sanitarias non só non teñen corrixido as carencias na atención sanitaria, senón que, segundo a información da que dispoñen, agora as mulleres que se atopan nesta circunstancia son directamente derivadas á unha clínica de Madrid.
Unha medida que desde a Plataforma entenden se pode deber á alarma social xerada e a que o propio persoal sanitario "é consciente deses déficits e decide non actuar na rede sanitaria pública, derivando os abortos do segundo trimestre á clínica que o Sergas ten conveniada".
Así mesmo, os colectivos matizaron que, aínda que recibiron ducias de queixas de mulleres que sufriron esta situación, na área da Coruña só dúas decidiron dar o paso de denunciar o seu caso. A Fiscalía informou que procederá a tomarlles declaración e a partir de aí avaliará se procede iniciar un proceso penal.
Grave discriminación
Durante a concentración diante do edificio da Audiencia, subliñaron que as mulleres que teñen que abortar no segundo trimestre do embarazo sofren unha grave discriminación. Estes abortos terapéuticos entran dentro dos supostos recollidos na actual lexislación, e na maioría dos casos son embarazos desexados, subliñou. Polo que as mulleres sofren dobremente: por unha banda enfrontarse á decisión de interromper o embarazo e doutra as consecuencias psicolóxicas e físicas dunha atención deficitaria.
"Non teñen dereito a recibir anestesia epidural, non teñen dereito a unha asistencia sanitaria adecuada con persoal formal para a materia e nin sequera se lles garante que vaian ter o expulsivo asistido nun paritorio; dereitos que si teñen as mulleres que paren un feto vivo", denunciou. "Derivándoas a Madrid están a vulnerar o seu dereito a seren atendidas dentro da rede sanitaria pública galega, no marco dunha lexislación que, aínda sendo insuficiente, é a que existe, e ademais provócaselle un prexuízo económico polo traslado".
Seguir na loita polos dereitos das mulleres
Por iso aseveraron que "nun día como hoxe, no que conmemoramos o Día de Acción Global por un aborto legal, seguro e gratuíto consideramos que a nosa denuncia non só está vixente, senón que tamén é urxente pórlle solución".
Neste senso, dende a Plataforma e MMM reiteran que “as mulleres seguiremos loitando mentres non sexamos quen de acadar o dereito a decidir sobre os nosos corpos. Esiximos a quen ten a responsabilidade de garantir os dereitos á cidadanía, tanto os civís, como os culturais, os sexuais e os reprodutivos, que o faga, non que os restrinxa”.
Estes dereitos, subliñan, están recollidos, como dereitos humanos fundamentais nos Tratados Internacionais desde os anos 90, acordos que foron subscritos polo goberno do Estado español e, polo tanto, son de obrigado cumprimento para o Goberno galego.