Día das Letras Galegas: manifestación nacional e foliada pola lingua o 17 de maio en Compostela

Nacional - 06 Mai 2025

A Plataforma Queremos Galego, da que fai parte da CIG, convoca manifestación para o 17 de Maio, que concluirá cunha foliada pola lingua na Praza do Obradoiro de Santiago. A mobilización pretende ser unha homenaxe masiva á lingua e a cultura popular que se mantivo viva na voz das cantareiras resistindo a todos os intentos de apagala.

Queremos Galego fai un chamamento ás agrupacións, asociacións e colectivos da música galega a participaren na grande foliada pola lingua e anima a todas as persoas que se sumen á manifestación a traeren as súas pandeiretas. Deste xeito, a música de Lingua vital xa! tomará de novo as rúas de Compostela para amosar, cantando e bailando, a forza do pobo galego e da súa lingua, fronte aos enganos e mentiras da Xunta para manter a súa exclusión do galego e avanzar no desmantelamento da súa oficialidade. 

A marcha a pé arrincará da Alameda ás 12:00 horas

De cara a esta grande mobilización, Queremos Galego vén desenvolvendo plenarios por toda Galiza con dous obxectivos: difundir a convocatoria de manifestación nacional e foliada pola lingua e comezar un proceso social amplo, plural e participativo para facer o que a Xunta non ten disposición de facer: avaliar o cumprimento do PXNLG e dos acordos nacionais e internacionais a favor do galego, detectar os obstáculos que impediron o seu cumprimento e concretar como se deben aplicar as medidas estabelecidas nestes acordos unánimes para garantir a súa eficacia. Este proceso, chamado Lingua vital, será presentado na praza do Obradoiro o 17 de maio.

Entidades excluídas

Queremos Galego denuncia que, no canto de aplicar os acordos xa tomados como o PXNLG, a Carta Europea ou a Declaración Universal dos dereitos lingüísticos, avaliar o seu cumprimento e acordar un calendario para que se faga efectivo, “a Xunta optou por excluír as entidades representativas dos diferentes sectores sociais, desertar das súas obrigas e cargárllelas a uns supostos expertos, mentres en paralelo continúa a lexislar contra o galego”.

Por iso, a plataforma cidadá considera que é evidente que estes acordos non se están a  respectar, que as medidas que indicaban non se aplican e que neste tempo se chegou a lexislar en contra deles. O resultado deste desleixo é a aceleración da tendencia negativa no uso do galego e unha porcentaxe de incapacidade para falalo inédita na historia de Galiza.

Fronte a esta actitude da Xunta e do PP a sociedade galega dará unha contundente resposta, saíndo ás rúas de novo no Día das Letras Galegas, na manifestación e foliada que unirá a reivindicación do noso dereito a vivir en galego e as cantareiras que recolleron a nosa historia, a nosa tradición, a nosa idiosincrasia, nun repertorio que nos legaron a través dun percorrido de séculos e no que nos recoñecemos, non só porque fale da nosa realidade pasada e presente, senón tamén porque o cantan en galego, unha lingua que falamos hoxe para que os nosos fillos e as nosas fillas poidan falala no futuro.