Día da Patria Galega e eleccións xerais
A CIG, ante a celebración do Día da Patria Galega o vindeiro 25 de xullo e das eleccións xerais, dous días antes, quere poñer de manifesto a relevancia de ambas as datas, que chegan nunha situación de crise económica e social extrema, cun aumento imparábel da precariedade laboral e do empobrecemento.
Neste contexto, o avance dos populismos e da ultradereita evidencia que as forzas políticas autoproclamadas “progresistas” renunciaron a aplicar medidas que procuren a xustiza social.Por iso as eleccións do 23 de xullo teñen unha especial importancia para a clase traballadora galega, xa que do goberno e da correlación de forzas a que dean lugar, así como da representación que Galiza teña no Parlamento español, dependerá que paremos o avance da dereita e ultradereita españolista e se produzan as tan necesarias mudanzas nas políticas que veñen poñendo en marcha os sucesivos gobernos centrais co pretexto das diferentes crises.
Estas políticas, tan prexudiciais para a maioría social e para o país, foron perpetradas nesta última lexislatura por un goberno que formulou medidas que consolidaban e afondaban nas implantadas por gobernos precedentes (do PP ou do PSOE): reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva ou a lei mordaza, que supuxeron un importante retroceso na calidade de vida, nos dereitos laborais e sociais e nas liberdades públicas.
Nesta última lexislatura puidemos confirmar como o PSOE, xunto con forzas políticas supostamente de esquerdas baixo o paraugas de Unidas Podemos, non só non fixo unha política realmente social senón que apuntalou as reformas que o PP implantou durante a crise.
Malia as promesas de derrogación das reformas e doutras medidas de graves consecuencias para a clase traballadora, non tomaron nin unha soa decisión nese sentido, senón que as mantiveron vixentes e con moita propaganda puxeron en marcha outras que as consolidaron.
Por outra banda, a Xunta do PP tampouco asumiu o papel que lle corresponde como Goberno galego. Lonxe disto, coa chegada de Alfonso Rueda á Presidencia, logo da marcha de Feixó a Madrid, afondouse no seu papel de sucursal, de administración crítica en aparencia co Goberno central, mais só cun obxectivo electoralista.
Na realidade actúa con pasividade e poñéndose de perfil diante dos ataques a Galiza e á clase traballadora galega. Ao mesmo tempo é fiel peón ao servizo do capital e das grandes transnacionais, facilita o incremento das súas ganancias pola vía de recortar e privatizar os servizos públicos galegos e pon ao seu dispor os nosos recursos.
Na CIG loitamos a diario contra a precariedade e a pobreza laboral, a perda de poder adquisitivo da clase traballadora, o espolio enerxético e a depredación ou o desmantelamento do sector industrial porque sabemos que a mobilización e o conflito son o camiño para avanzar e conseguir dereitos.
Mais agora, neste proceso electoral, temos unha oportunidade única para transformar a realidade, e as forzas sociais e políticas soberanistas somos a chave para esta transformación. Co noso voto debemos apoiar forzas políticas propias, realmente galegas, nacionalistas e de esquerdas.
Precisamos representantes que defendan os intereses da clase traballadora galega, sen complexos de ningún tipo e sen submisións a Madrid. Só así poderemos asistir aos cambios lexislativos necesarios para podermos recuperar e conquistar dereitos e termos un futuro digno na nosa Terra.
De igual xeito, o 25 de Xullo, como todos os días do ano, reivindicamos os dereitos da patria galega e a necesidade de decidir nós o noso futuro e de autogobernarnos para poder vivir e traballar dignamente no noso país. Por iso a CIG chama a clase traballadora a participar nos actos que o nacionalismo convoca en Santiago nesa data.