
Día da Clase Obreira Galega

A loita obreira de marzo en Ferrol, para alén da derrota inicial polo grao de represión, foi un precedente importante da folga de dúas semanas de 28.000 traballadores e traballadoras en setembro en Vigo
O dez de marzo de 1972 uns catro mil manifestantes, operarios do estaleiro de Bazán en Ferrol, dirixíronse á entrada da cidade, despois de atopar pechada a factoría por decisión patronal. A finalidade era sumar á protesta os traballadores da construción no barrio de Caranza, así como os obreiros de Astano que pensaban atravesar a ponte das Pías. No foi posíbel. Á altura das Casas Baratas sesenta “grises” (policía armada) cortáronlles o paso. Houbo disparos da policía, os manifestantes guindan pedras e recúan... máis disparos e caen mortos os obreiros Daniel Niebla e Amador Rey, e outros vinte e oito son feridos.
Os operarios do estaleiro ferrolán reivindicaban un convenio provincial, xa que se consideraban prexudicados polo de ámbito estatal no que estaban integrados. A súa esixencia na práctica coincidía coas consignas do nacionalismo galego (que agromaba na mocidade), aínda que naquel intre o PCE controlaba as Comisións Obreiras. Neste sindicato tamén estaban integrados/as activistas anarquistas e nacionalistas (ou galeguistas como se dicía daquela).
Para frear a protesta obreira declárase o estado de excepción na cidade. Bazán ficou pechada por dez días e despois sería militarizada. A represión sobre os operarios do estaleiro, e sobre aqueles traballadores e traballadoras que se solidarizaron, non se fixo esperar: segundo fontes policiais son detidas 169 persoas, 130 operarios serán sancionados coa perda de emprego, 45 son xulgados por asociación ilícita e unhas 200 persoas pasaron á clandestinidade. Cifras que outros informes aumentan a 160 despedidos/as na Bazán e outras cen persoas noutras empresas da bisbarra.
A solidariedade cos obreiros da Bazán en toda a Galiza foi inmediata, e amosou o grao de conciencia de clase, máxime tendo en conta o nivel de represión. Houbo paros nas empresas da comarca de Vigo, e manifestacións tamén na Coruña, Lugo, Ourense e Compostela, aínda que de menos intensidade. Nalgunhas cidades, especialmente en Compostela, uníronse ás protestas os estudantes. Os xornais do 17 de marzo sinalaban que se restablecera a “normalidade nas empresas de Vigo”. Mais as medidas excepcionais de represión manteríanse na comarca de Ferrol (tal como o comprobei persoalmente cando a mediados de 1973 traballei de electricista nunha auxiliar nos estaleiros de Bazán e Astano, e participei dalgunha reunión sindical clandestina).
Agora ben, a loita obreira de marzo en Ferrol, para alén da derrota inicial polo grao de represión, foi un precedente importante da folga de dúas semanas de 28.000 traballadores e traballadoras en setembro en Vigo. Ademais, ambas as protestas foron un símbolo que deu pulo a toda unha nova xeración de activistas que ligaron a cuestión de clase a unha Galiza soberana, e alentou a mobilización popular nas décadas seguintes a prol da democracia, dos dereitos nacionais e laborais.
Foi este o resultado porque as folgas de 1972 non foron un feito illado ou casual na historia do noso país. Houbo outros revulsivos anteriores. Como a loita contra os Trastámara no século XIII, as revoltas irmandiñas do século XV, a Revolución de 1846, o Banquete de Conxo en 1856, revolta republicana en Ourense en 1869, a insurrección de mariñeiros e obreiros no ano 1872 en Ferrol e na mesma cidade a longa folga en 1932 na Construtora Naval (ou sexa na Bazán)...
Neste intre no mundo, na Unión Europea, no Estado español, e tamén na Galiza, estamos a vivir momentos complexos e ateigados de contradicións, de desigualdade e precariedade. Unha conxuntura con perigos de conflito mundial, de usar o militarismo para preservar a explotación e opresión en favor dunha estrema concentración e centralización da riqueza e do poder... Para evitalo é determinante a mobilización social a prol da paz, do dereito á autodeterminación, da xustiza social da preservación do medio ambiente...
[Galiza, 6 de marzo de 2025]