Dez verdades sobre as pensións para acabar dunha vez coas mentiras

Nacional - 12 Xan 2023

As pensións públicas levan anos sendo obxecto de duros ataques polo interese do capital de facer negocio, amedrentando a poboación para que a súa capacidade de aforro se dirixa aos fondos privados de pensións. O Goberno español ultima agora a segunda parte da reforma exixida por Bruxelas para poder acceder ás axudas de reconstrución, que suporá, entre outras cuestións, incrementar até os 30 anos o período para o cálculo da pensión e un recorte das contías futuras.

Esta reforma contén aspectos que supoñen un duro ataque aos dereitos da clase traballadora, empeorando mesmo a reforma do ano 2011 contra da que a CIG en solitario convocou unha folga xeral. Ante o medo a contestación popular, o Goberno de PSOE-UP, como antes xa fixera o do PP, apóiase máis unha vez no diálogo social, en CCOO e UGT, para perpetrar este roubo ás clases populares.

Ampliar aos 30 anos o período de cálculo suporá un novo recorte das contías de entre un 6%-8%

Por iso, para clarificar as consecuencias desta reforma, a CIG vén de lanzar a campaña "as 10 verdades sobre as pensións, para acabar xa coas mentiras".

Recortar as contías

Ampliar aos 30 anos o período de cálculo das pensións suporá un novo recorte das contías de entre un 6%-8%. Aprobar máis reformas mantendo todas as anteriores, especialmente a de 2011, está a causar unha caída progresiva das pensións do 25%, por causa do impacto que ten a ampliación da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos e o aumento do período de cálculo do 15 aos 25 anos.

Ademais, a reforma de xullo de 2021 desliga a suba das pensións do IPC real interanual acumulado, creando un novo indicador, o chamado IPC medio, que non garante o poder adquisitivo dos salarios.

A isto hai que sumar que o Goberno aprobou a prórroga da xubilación parcial por contrato relevo só para a industria manufactureira e nunhas condicións discriminatorias e de difícil acceso, polo que non se garante o acceso á xubilación parcial aos 61 anos ao conxunto da clase traballadora.  Aprobar máis reformas que endurecen as condicións para a xubilación e obrigan a prolongar a vida laboral contribúe a unha maior emigración e a termos máis paro xuvenil.

Privatizar o sistema

Outras das medidas que comprometen o sistema público e solidario de pensións son os chamados Plans de emprego de pensións, que consisten na promoción a través da negociación colectiva de plans privados de pensións no ámbito de cada sector, cuxa xestión correrá a cargo de compañías financeiras e aseguradoras. Súmanse así aos plans privados individuais xa existentes desde hai anos.

A defensa do sistema público de pensións é un dereito irrenunciábel que debemos manter a toda custa

Camíñase a un desmantelamento e privatización do actual sistema público de pensións, para convertelo nun sistema asistencial e de beneficencia. Estes plans empobrecerán máis os salarios (e as pensións futuras) porque se fan con base no salario das persoas traballadoras, mentres as empresas terán suculentas desgravacións fiscais, causando todo iso unha redución dos ingresos da caixa da Seguridade Social e de impostos, coa agravante de que, ao ser privado, maior é o risco para as persoas traballadoras.

Conquista social

A Seguridade Social é unha conquista histórica da clase traballadora e a defensa do sistema público de pensións é un dereito irrenunciábel que debemos manter a toda custa. Por iso, a CIG continuará mobilizándose para exixir a derrogación íntegra das reformas laborais e das contrarreformas das pensións, nomeadamente as de 2011 e 2013.

Cómpre recuperar a xubilación aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter 35 anos cotizados; que o cálculo da base reguladora se faga segundo as bases de cotización actualizadas a data de reporte da pensión co IPC de todo o tempo transcorrido, dun período de 10 anos elixido pola persoa beneficiaria; e que as pensións se actualicen de acordo ao IPC interanual acumulado.

Tamén suprimir o factor de sustentabilidade ou calquera outro que o substitúa, como o actual Mecanismo de Equidade Interxeracional, que supoña unha baixada xeneralizada nas pensións do futuro; e fixar por lei a pensión mínima igual ao SMI (que debe estar situado nos 1.197€, é dicir, o 60% do salario medio como recomenda a Carta Social Europea).