Dez claves para entender o conflito entre Rusia e Ucraína
Se a verdade foi a primeira vítima desta guerra, a Unión Europea foi a primeira derrotada no conflito de Ucraína. A súa hipocrisía ficou ao descuberto. Abren as portas coa promesa de regularización aos migrantes ucraínos, brancos e de ollos azuis, mentres llelas pechan aos migrantes africanos ou de Medio Oriente
Tras a pandemia, o mundo muda ante os nosos ollos a gran velocidade. A guerra entre Rusia, por unha banda, e os Estados Unidos e a OTAN pola outra, con Ucraína como teatro de operacións, e expresada de xeito distorcido nos medios tradicionais, pero sobre todo, nas redes sociais, anuncia a consolidación dunha nova orde xeopolítica global.
Hoxe, a comunidade internacional (é dicir, a tríade conformada por Estados Unidos, a Unión Europea e Xapón) condena os bombardeos rusos como nunca antes condenou as “intervencións humanitarias” en Kosovo, Afganistán, Libia, Iemen, o Sahara ou Palestina. Ao mesmo tempo que seguimos en tempo real as mortes en Ucraína, prodúcense as mesmas mortes ou máis en Iraq, Iemen, Siria, Mali, Nixeria, República Democrática do Congo, Somalia ou Burkina Faso, asasinatos que, seica, por non compartiren a mesma cor de pel ou relixión, ao “mundo libre” parecen non importarlle.
Quizais tamén teña algo que ver o feito de que entre Rusia e Ucraína suman o 80% do comercio mundial de aceite de xirasol, e son o primeiro e terceiro exportador mundial de trigo, especialmente unha Rusia que é a primeira exportadora de gas e paladio, metal chave para a industria automobilística, ademais da segunda en petróleo, carbón ou potosa, un fertilizante fundamental para a agroindustria global.
E porén, o que está sucedendo era algo previsíbel desde que, tras a desintegración da Unión Soviética, Boris Ieltsin, quen non era precisamente un inimigo de Estados Unidos, predixo unha “paz fría” para Europa se continuaba a expansión cara ao leste da OTAN.
O paradoxal, ou non, é que a comentocracia que hoxe ataca a Rusia é a mesma que no seu momento defendeu a actuación dos Estados Unidos ante a “crise dos mísiles” en Cuba, ou xustificaba a invasión de Iraq pola existencia de armas de destrución masiva que nunca puideron ser atopadas. Máis recentemente, tampouco non lembro artigos de opinión de preocupación polos Dereitos Humanos cando Estados Unidos, que nunca asinou o Estado de Roma (precursor da Corte Penal Internacional), quixo sancionar a CPI por se atrever a investigar os crimes de guerra cometidos en Afganistán.
Este artigo non pretende xustificar ningunha invasión, pero si explicar por que acontecen as cousas que suceden nun mundo distorcido polos intereses mediáticos das elites políticas e económicas. Van, xa que logo, 10 claves para entender o conflito actual:
- A historia. Catro das principais cidades soviéticas que combateron, e derrotaron o exército nazi, están en Ucraína: Kiev, Sebastopol, Odesa e Kerch. Hoxe, Ucraína é o segundo país da ex Unión Soviética, tras Rusia, en poboación, e ocupa unha posición xeopolítica chave no Mar Negro. A poboación de orixe rusa é a minoría étnica máis grande de Ucraína e a diáspora máis grande fóra de Rusia, sendo maioría na península de Crimea e o Donbás (Donetsk e Lugansk), que representa por volta do 10% da poboación e o 20% do PIB de Ucraína.
- Recursos naturais e enerxía nuclear. Ucraína é a sétima potencia mundial nuclear con 15 reactores e 13GW de potencia e atravesan polo seu territorio 3 grandes gasodutos (Brotherhod, Soyuz e Yamal) que alimentan de gas a todo o leste de Europa. É importante sinalar que o 40% do gas que importa a Unión Europea é ruso, e que o Ministro de Economía alemán sinalou que poderían terminar coa dependencia alemá do carbón ruso a finais de 2022, e a do petróleo en 2023, pero que é imposíbel deixar de depender do gas ruso.
- Da Revolución Laranxa (2004) ao Euromaidan (2013). Marx dicía que a historia sempre se repite dúas veces, a primeira como traxedia, a segunda como farsa. En dous momentos da recente historia política ucraína púxose en marcha a estratexia de golpe brando teorizada por Gene Sharp, co apoio dos servizos de intelixencia occidentais, para derrocar gobernos pro rusos e instalar gobernos favorábeis á entrada de Ucraína na OTAN, o que ampliaría as bases militares até unha das cernas da fronteira rusa. Non houbo protestas “espontáneas”, como non foron espontáneos os conflitos que desangraron Libia ou Siria en datas recentes. Máis aínda, a partir do Euromaidan, consolidouse a presenza de grupos neonazis paramilitares.
- Zelensky. O cómico devido en político veu construíndo unha narrativa onde se converte no heroe que enfronta o malvado Putin. Pero non debemos esquecer que nun país onde xa o Partido Comunista de Ucraína estaba ilegalizado, e onde o propio Zelensky ordenara en 2021 arrestar a Medvedchuk, líder da principal oposición parlamentaria, pro rusa, acábanse de proscribir once (11) partidos políticos Partido Sharia, Noso, Oposición de Esquerda, Unión de Forzas de Esquerda, Estado, Partido Socialista Progresista de Ucraína, Partido Socialista de Ucraína, Socialistas, Bloque de Vladimir Saldo, ou Plataforma de Oposición - Pola Vida, un partido socialdemócrata que con 44 parlamentarios, era o máis grande da oposición.
- Putin. O Presidente de Rusia é caricaturizado nos medios occidentais como un ex espía malvado que se equivocou na súa estratexia con Ucraína, imaxe de manual en calquera conflito armado. Pero antes de criticar a súa estratexia de Si vis pacen parabellum (en latín, si queres a paz, prepárate para a guerra), deberiamos repasar a historia recente e as súas vitorias militares en Chechenia, Xeorxia, Crimea e Siria. Todo parece indicar que esta guerra tamén a vai gañar, e a súa vitoria non sería só a derrota de Zelensky, senón dos Estados Unidos, a OTAN e mais a Unión Europea.
- Crimea e Donbás. Xa dicían na antiga Grecia que a primeira vítima da guerra, é a verdade. É por iso polo que nunca vimos nos medios de comunicación masivos o xenocidio cometido polo exército ucraíno e diferentes grupos paramilitares neonazis contra a poboación civil pro rusa en Donetsk e Lugansk. Segundo diversas fontes, polo menos 14.000 civís serían asasinados no Donbás durante a última década.
- Unión Europea. E se a verdade foi a primeira vítima desta guerra, a Unión Europea foi a primeira derrotada no conflito de Ucraína. A súa hipocrisía ficou ao descuberto. Abren as portas coa promesa de regularización aos migrantes ucraínos, brancos e de ollos azuis, mentres llelas pechan aos migrantes africanos ou de Medio Oriente. Na Europa das liberdades non está permitido protestar polo encarceramento de Julian Assange, mentres censuran e prohiben as axencias de noticias rusas como Russia Today ou Sputnik; en pleno 2022 dítannos á cidadanía como e a través de quen nos debemos informar. Por non falarmos da hipocrisía que supón “sancionar” a Rusia pero excluíndo das sancións a enerxía rusa ou os produtos de luxo europeos. Iso si, Alemaña aproveita o conflito para investir 100.000 millóns de euros en potenciar o seu propio complexo industrial-militar.
- China. Agochado, o xigante asiático non esquece que en 1999 a súa Embaixada en Belgrado, a antiga Iugoslavia, foi atacada “por erro” con mísiles da OTAN, cun saldo de 3 xornalistas chineses asasinados. Non esquece tampouco que Occidente podería aproveitar este conflito para avanzar no recoñecemento da soberanía de Taiwán, nin que por Rusia pasan as novas rutas da seda. Se xa Kissinger e Brzezinski, o principal xeopolitólogo dos que gobernan nos Estados Unidos, é dicir, Wall Street e o complexo industrial-militar, avisaron de que o principal perigo para a hexemonía estadounidense era unha unión entre Rusia, China e Irán, non hai dúbida de que agora serán os BRICS (Brasil, Rusia, A India, China e Sudáfrica) os que rescatarán a Rusia das sancións impostas pola autodenominada comunidade internacional.
- Negociacións de paz. Semella, polo que se filtra das negociacións en Turquía, que estamos preto dun cesamento do fogo bilateral, que podería levar no futuro a un acordo sobre o status de neutralidade para Ucraína e o compromiso de non adhesión á OTAN. En realidade, a ofensiva militar de Rusia e a ocupación do territorio nunca tiveron a vontade de ser permanentes, senón de garantir que a retirada será a cambio de pechar o debate sobre a OTAN en Ucraína. Enriba da mesa tamén, o recoñecemento de Crimea e Donbás, pero poderíase atopar un punto de acordo intermedio na desmilitarización de Ucraína para impedir que se repita o sucedido entre 2014 e 2022, 8 anos nos que Estados Unidos financiou o bombardeo de civís en Donetsk e Lugansk, mediante o investimento de 5.000 millóns de dólares en armamento, equipo e instrución militar.
- É a xeopolítica, parvo. Nun momento en que parecía que nos ía matar o cambio climático e non unha guerra mundial nuclear, cómpre lembrar a resolución da CELAC (A Habana, 2014) declarando a América Latina zona de paz. Pero tampouco se nos pode esquecer que nun momento de inflación global da economía, un conflito armado que vai elevar os prezos de todos os produtos, desde o níquel ao pan, pasando polo petróleo, só beneficia ao complexo militar estadounidense, que agora xa non considera que Venezuela sexa un “perigo para a seguridade nacional dos Estados Unidos” como declaran as ordes executivas de Obama primeiro, e Trump despois, por puro interese dun petróleo que ten a 3 días das súas costas atravesando o Caribe en lugar de a mes e medio de negación desde o Golfo Pérsico.
Volvendo a Brezinski: “O espertar político global é historicamente antiimperial, politicamente antioccidental e emocionalmente antinorteamericano en doses crecentes. Este proceso está orixinando un gran desprazamento do centro de gravidade mundial, o que, á súa vez, está alterando a distribución global de poder con implicacións moi importantes verbo do papel dois EUA no mundo”. A pesar do bombardeo mediático antirruso dos medios pro occidentais, neste conflito pode terminar de sepultarse a hexemonía militar e xeopolítica dos Estados Unidos e a OTAN.
[Artigo tirado do sitio web mexicano Milenio, do 22 de marzo de 2022]