Detectadas graves deficiencias na base aérea de San Xoán de Río só mes e medio despois da súa inauguración
O sector de Autonómica da CIG-Administración alerta das graves deficiencias detectadas na base helitransportábel de San Xoán De Río que foi inaugurada o pasado 31 de xullo pola Consellería de Medio Rural "con todos os honores", despois da súa remodelación. No acto participaron a Conselleira de Medio Rural, o director xeral de Defensa do Monte, ademais de todas as autoridades pertinentes.
Segundo os datos publicados pola Consellería de Medio Rural, a inversión ascendeu a case 1.200.000€, "unha cantidade nada despreciábel para unhas instalacións que, nun principio, soamente van estar operativas durante tres meses ao ano, é dicir, o tempo que dure a tempada de alto risco contra os incendios forestais".
Porén, a CIG-Administración Autonómica advirte que tan só un mes e medio despois da súa inauguración se observan deficiencias tan graves na construción e posta en funcionamento, "que incluso podería poñer en risco a seguridade das persoas traballadoras que alí se atopan destinadas". As deficiencias son referentes ás inundacións que se produciron nas instalacións tras as primeiras choivas -como se pode observar nas fotografías que acompañan esta nova-.
"Para a CIG é moi importante defender as melloras nas condicións das e dos traballadores, a súa seguridade e defender uns servizos públicos dignos e decentes para dar resposta ás demandas da sociedade, pero non menos importante é facer un seguimento ao emprego que se faga dos diñeiros públicos", subliña o representante da central nacionalista, Marco Antonio Reboredo.
Por outra banda, e polo que a central puido coñecer, estas deficiencias nas obras poden empeorar de xeito considerábel a medida que vaia avanzando o inverno.
Por iso, advirte que se realizará un seguimento exhaustivo do Plan de Infraestruturas de Medio Rural 2020-2026, ademais do proxecto millonario do CILL (Centro Integral de Loita contra o Lume Forestal), no que se investiron 3,5 millóns de euros con fondos públicos. Mais segundo os datos da propia Consellería, o centro atópase a maioría do tempo pechado, "non existindo nas RPT de Medio Rural ningún persoal asignado a pesar de ser inaugurado polo actual presidente da Xunta de Galiza en decembro do ano 2023".