Despréndese parte da placa do falso teito nunha habitación da unidade de Psiquiatría do Gil Casares
“Estado ruinoso das instalacións do Hospital Gil Casares. Non hai outro cualificativo para a situación na que están as instalacións deste Hospital Público”, afirma a CIG-Saúde de Compostela, que vén advertindo disto desde hai tempo e que denuncia que onte se produciu o desprendemento dunha parte da placa do falso teito dunha habitación na unidade de Psiquiatría deste Hospital.
“De casualidade, non colleu a ningún membro do persoal nin a usuaria da habitación, que saíra había escasos minutos”, explica Xabier Alvedro. Do contrario, di, “estaríamos a falar dun accidente con previsións, moi posiblemente , lamentábeis pola caída de todo o entullo que se desprendeu”.
Pese a reiteración na comunicación das deficiencias (como se pode ver nas imaxes), tanto polo persoal da unidade de Psiquiatría como polas Delegadas e Delegados de Prevención de Riscos de CIG-Saúde, que se veñen facendo desde hai tempo, “observamos como todo segue igual”. Alvedro asegura que mesmo tiveron que acudir a Servizos Centrais de PRL do propio SERGAS para notificar, de primeira man, “a situación estrutural e o risco que se estaba a correr por parte do persoal para que se fixese unha nova avaliación da unidade de psiquiatría”.
CIG-Saúde informa de que, por mor desta situación, trasladáronse ao Hospital Privado de A Robleda, no día de onte, 3 usuarios e usuarias e no día de hoxe, outros 3, “mostra da improvisación e a falta de planificación desta Xerencia presidida por Eloína Nuñez”.
A CIG-Saúde conclúe preguntándose cal é a situación das unidades de Psiquiatría desta área Hospitalaria e “a que temos que agardar para un plan de choque e intervención para proporcionar seguridade tanto as usuarias/os como a profesionais que desenvolven o traballo grazas a súa implicación e profesionalidade pese a todos os atrancos”.