Despregan unha pancarta de 90 metros cadrados na fachada do Hospital Clínico na primeira xornada de folga en Ambuibérica
A mobilización en Compostela iniciouse pasadas as 11:00 horas cunha concentración diante da porta principal do que, no seu día, fora considerado como buque insignia do SERGAS, o Hospital Clínico de Santiago.
Transcorridos uns dez minutos, e diante da sorpresa dos usuarios e usuarias, e sobre todo dos servizos de seguridade do complexo, unha enorme pancarta, de 15 metros de ancho por 6 de longo -90 metros cadrados- cubriu parte da súa fachada. Os aplausos dos compañeiros e compañeiras, que se situaron fronte o edificio para apoiar a acción, duraron apenas uns minutos. O tempo necesario para que, a correr, o servizo de Seguridade do Hospital chegara ao tellado e a retirara.
Posteriormente, percorreron en manifestación os arredores do hospital para continuar cunha concentración diante do servizo de Urxencias. Ao longo do percorrido repartiron uns folletos cos que informaron a todas as persoas que alí se atopaban das causas polas que se producía esta mobilización.
Ambuibérica culpábel, Xunta responsábel
De feito, tal e como coreraban, “Ambuibérica culpábel, Xunta responsábel”, unha das razón polas que levaron o conflito a este centro hospitalario, no caso de Compostela, ou á dirección provincial do Sergas, no caso de Vigo, é porque entenden que a orixe do problema é “política”. A este respecto aseguraron que a decisión de outorgarlle precisamente a Ambuibérica as concesións emana de decisións políticas das que é responsábel o 061, a consellaría de Sanidade, que é de quen depende esta fundación, do SERGAS e do propio PP, que é o partido que sustenta esta administración.
Outra das consignas máis coreadas foi tamén “Queremos traballar, mais tamén cobrar”. Neste sentido, Xesús María Pastoriza, responsábel nacional do sector de Transporte da FGAMT-CIG, asegurou que foi a “cerrazón desta empresa” a que obrigou a convocar tanto a xornada de folga de hoxe como a prevista para o xoves 23 de xuño. “Lavemos desde o mes de decembro tendo conversas con eles sen chegar a ningún resultado”, denunciou.
Pastoriza sinalou que a estas alturas Ambuibérica debe a cada dos traballadores e traballadoras entre 3.000 e 6.000 euros, independentemente dos problemas que hai derivados das modificacións que a empresa fixo nas quendas de traballo, coa uniformidade ou co estado das bases.
“Pensamos que xa chegou o momento de petar na mesa, porque ao longo destes meses amosamos unha clara vontade negociadora e ao final co que nos responderon foi cunha variación dos cuadrantes, ao que nós evidentemente temos que dar unha resposta. De aí que convocaramos esta folga”, sinalou.
O responsábel nacional do sector de Transporte da FGAMT lembrou que esta situación repítese en todos os centros de traballo do 061 de Ambuibérica, que está repartidos en catro áreas sanitarias: Costa da Morte, Barbanza, Santiago e Baixo Miño e ten tamén noutras dúas, baixo o nome doutra empresa, onde non figuran co nome de Ambuibérica.
Porén, e malia os seus incumprimentos en materia laboral, esta empresa concorreu tamén ao concurso para a concesión do transporte sanitario non urxente e, segundo apuntou Pastoriza, “todo indica que será esta empresa quen se leve todo o pastel”.
Unha concesión que estaba previsto facer pública tras da apertura dos sobres, o pasado día 15 de xuño, pero que se atrasou. “Nós pensamos que foi porque o día 26 hai eleccións e á Xunta de Galiza non lle era conveniente e pretende agardar a que pasen as eleccións”.
Por iso denunciou que “este país, na cuestión das ambulancias, estase convertendo nun monocultivo” e engadiu que “quizais non é estrano que xusto leve Ambuibérica as concesións gobernando en Galiza o PP e que o propietario desta empresa fose alcalde por ese partido, dunha vila de Castela-León”.
Segunda xornada de folga
Para a segunda xornada de folga convocada para o xoves 23, está prevista unha manifestación nacional en Pontevedra que sairá da Praza da Ferrería ás 11:00 horas e rematará diante do edificio administrativo da Xunta en Campolongo.