Desigualdade, inflación e os traballadores que nunca perden
Os intereses dos directivos alíñanse cos dos accionistas (cando non son a mesma persoa), de xeito que os salarios elevados poden constituír en esencia unha repartición de dividendos, ou unha renda de capital, e o estancamento relativo do resto de salarios, unha das condicións para altos soldos dos directivos
A desigualdade é un tema primordial. Pola súa dimensión social, pola súa dimensión política e tamén pola súa dimensión económica. Foi tradicionalmente un dos temas principais aos que as diversas escolas de pensamento económico tentaron dar resposta, tanto no que se refire ás súas orixes como ás posíbeis solucións, e adoita ser utilizada politicamente, como obxecto de propaganda ou chantaxe por parte da dereita ou como eixo central das propostas das formacións de centro e esquerda.
Para algunhas escolas de pensamento económico a desigualdade naturalízase no marco de sistemas económicos (capitalistas) perfectos, escusándose no óptimo paretiano; outras escolas vena como escollo ao desenvolvemento das economías derivado da falta de aforro que dificulta o investimento e resulta nun déficit estrutural de demanda agregada; e outros poñemos o foco na explotación que a causa e na súa dimensión estrutural no marco do modo de produción capitalista. En calquera caso, todas as lecturas, incluso a máis ortodoxa -encabezada polo Fondo Monetario Internacional- aceptan que a desigualdade crece exponencialmente desde hai preto de 50 anos a nivel mundial, aínda que con matices segundo os estados.
As evidencias deste aumento da desigualdade son diversas: normalmente, adóitase falar da desvinculación entre salarios e produtividade (wage-gap) desde os anos 70, ou do retroceso das rendas do traballo versus as rendas do capital. Este feito contradí a hipótese de Kuznets (1953), segundo a cal a desigualdade do ingreso debería tender a debuxar unha U inversa ao longo do proceso de desenvolvemento e cambio tecnolóxico dunha economía: incrementándose co proceso de industrialización e reducíndose a medida que os traballadores se incorporan a sectores máis produtivos.
Esta desigualdade empeorou desde que empezou o episodio de inflación a finais do ano 2021, especialmente polo aumento das marxes de beneficio empresariais: os salarios perderon poder adquisitivo, é dicir, caeron en termos reais, e o capital no seu conxunto experimentou un aumento do beneficio. Pero, como veremos a seguir, non se pode dicir que a inflación afecte igual a todas as persoas que reciben un soldo.
Desigualdade salarial
Se temos en conta a media salarial destes últimos anos, é evidente que os salarios caeron en termos reais. Con todo, se prestamos atención aos diversos salarios que se pagan nunha economía, a foto cambia por varios motivos.
En primeiro lugar, hai que ter en conta que aqueles fogares que contan con menos ingresos son tamén aqueles que máis diñeiro deben destinar ao consumo dos bens máis básicos: a cesta da compra (que aumentou preto dun 15%), os carburantes e a vivenda. Segundo datos da OCU, o prezo medio da cesta este último ano foi de 5.568 euros, e preto dun 30% de persoas declarou en 2021 unha renda total anual de menos de 12.000 euros nos Països Cataláns, segundo datos da Axencia Tributaria. En cambio, o 6% da poboación declarou obter máis de 60.000 euros de ingresos ao ano, e por tanto, só dedicaron como moito o 10% á compra da comida máis básica. Isto significa que a cesta da compra comeu un 10% do soldo dese 30% de poboación máis pobre, mentres que dos ricos só un 2%.
En segundo lugar, non todos os salarios evolucionan igual ao longo do tempo, pois non remuneran o mesmo tipo de traballo nin obxectivan a mesma relación social. O 10% de persoas que cobran máis nos Països Catalans experimentaron un crecemento sostido dos salarios, mentres que o resto de salarios quedaron estancados ou en clara regresión. Mais non se trata dun feito que só teña lugar nos Països Catalans: do mesmo xeito que a evolución das rendas do traballo ou os salarios e a produtividade, é unha tendencia de alcance mundial que se perpetúa desde hai preto de 50 anos.
Da Gran Converxencia á Gran Diverxencia
Aínda que con matices dependendo do país, a evolución das rendas do 10% máis rico en relación ao resto até a Segunda Guerra Mundial non refutaba a hipótese de Kuznets: despois de aumentar a principios do século XX até achegar ao 50% da riqueza total, as rendas do capital recibiron un forte impacto durante a crise económica da década dos 30 e, poucos anos máis tarde, os salarios máis elevados tamén caeron. En consecuencia, o ingreso do percentil 90 (o 10% máis rico) caeu até pouco máis do 30% do total, e a tendencia vaise facendo máis pronunciada a medida que subimos de percentil, polo que o 1 % máis rico pasou de se apropiar preto do 20% da renda ao apropiarse do 8%.
Até o Crack do 29, as rendas desa minoría procedían nunha importante proporción de rendas do capital: desde o 20% do 10% máis rico, ao 70% do ingreso do 0,01% máis rico. Tras a crise e da Segunda Guerra Mundial, as rendas do capital contiveron o seu crecemento, coincidindo coa etapa na que as rendas do traballo estaban no nivel histórico máis elevado. Mais os maiores salarios que cobraba esta minoría tamén se mantiveron relativamente estábeis, en boa medida grazas á normativa fiscal que, de facto, establecía un máximo salarial por vías fiscais (no marco do desenvolvemento do Estado do Benestar nos Estados Estados Unidos e nos principais países de Occidente).
Autores como Paul Krugman refírense a esta etapa como “A Gran Converxencia”, en relación á diferenza entre os salarios máis elevados e os máis baixos. Nesa época, a relación entre o salario máis alto e o máis baixo en Estados Unidos era de pouco máis de 1 a 10, segundo Piketty e Emmanuel Saez; en 2013 chega a 1 a 354, segundo a American Federation of Labour – Congress of Industrial Organizations.
Salarios e financeirización
Esta tendencia cambia por completo a partir da década de 1970. As rendas do capital recuperan a tendencia alcista e as do traballo caen, nunha tendencia que se perpetúa até a actualidade. O resultado foi un claro aumento da desigualdade entre o capital e o traballo: nas principais economías do mundo, as rendas do capital están hoxe aproximadamente 15 puntos por riba en relación ao PIB, segundo datos do propio Fondo Monetario Internacional.
As rendas da minoría máis rica tamén comezan nesta década unha tendencia alcista nas principais economías, pero non só pola recuperación das rendas do capital, senón tamén porque se produce un cambio na composición do ingreso das persoas máis ricas: as rendas salariais, cun peso modesto no total do ingreso a principios de século, teñen agora un peso moito maior, mesmo superior ás mesmas rendas do capital nalgúns casos.
Este aumento dos maiores salarios contrasta co estancamento relativo dos salarios máis baixos, nun contexto histórico de fin dos consensos de posguerra que conformaban o Estado do Benestar e a desregulación da maioría de mercados, con especial relevancia do mercado de capitais. En consecuencia, produciuse un aumento exponencial das operacións financeiras a nivel mundial (os movementos de capital estímase que se multiplicaron por 20 entre 1980 e 2008), pero o seu aumento non só foi cuantitativo, senón que tamén aumentou a influencia do sistema financeiro no conxunto da economía. Este proceso iniciouse na década dos 70, pero non é até os 80 en que se fai máis profundo, e até os 90 en que se produce a maior aceleración.
A maioría de autores coinciden en estabelecer unha relación de causalidade entre o aumento da desigualdade salarial e a influencia das finanzas no conxunto da economía, e desbotan a fenda de xénero como unha das causas, xa que mantivo estábel ou tendeu a reducirse lixeiramente. Pola contra, a financeirización provocou cambios na lóxica empresarial, agudizando a procura de rendibilidade por parte do capital, e facéndose máis protagonista no conxunto da actividade económica e en relación coa dinámica do sistema produtivo. O curtopracismo que exixe a obtención de beneficios despraza cada vez máis os investimentos produtivos como destino do capital, xa que o ámbito financeiro posibilita reducir o prazo de obtención de beneficios, abrindo unha porta a empresas non financeiras a poder obter ganancias por medio de investimentos en bolsa ou similares, moito máis rapidamente que coa súa actividade principal.
Os intereses financeiros e a estratexia empresarial que implanta nas empresas imponse en boa medida por medio de mecanismos de remuneración aos directivos. E, con frecuencia, estas nóminas elevadas están condicionadas á consecución de obxectivos de aumento da rendibilidade por medio da desvalorización salarial ou da descapitalización. Desta forma, os intereses dos directivos alíñanse cos dos accionistas (cando non son a mesma persoa), de xeito que os salarios elevados poden constituír en esencia unha repartición de dividendos, ou unha renda de capital, e o estancamento relativo do resto de salarios, unha das condicións para altos soldos dos directivos.
Os traballadores que nunca perden non son traballadores
Tal e como dixemos antes, os Països Catalans tamén forman parte desta tendencia global. No momento en que escribimos este artigo, a dispoñibilidade de datos que ofrece o Instituto Nacional de Estatística non nos permite capturar o impacto completo do episodio inflacionario actual, pero si nos permite ilustrar como se comportan os salarios.
Até o ano 2018 o 25% dos salarios que son máis baixos creceron menos que a inflación, e o 10% máis baixo creceu por baixo en todo momento. Isto significa que experimentaron unha perda de poder adquisitivo, ou o que é o mesmo, que caeron en termos reais. En cambio, o 10% de salarios máis altos creceron en todo momento por riba da inflación e, por tanto, creceron en termos reais. Os datos dispoñíbeis non nos permiten saber que pasou nos percentís máis elevados, como o 1% máis rico ou máis, mais é lóxico pensar que a tendencia terá un comportamento similar no resto de países, e por tanto, que o crecemento será tamén exponencial.
Esta desigualdade crecente pódese captar tamén botando unha ollada ao comportamento da media e a mediana salarial: na Comunidade Autónoma de Catalunya e no País Valenciá, a media creceu por encima da mediana, o que significa que cada vez hai máis xente cobrando salarios baixos, pero que os salarios máis elevados son cada vez máis elevados. Esta tendencia é diferente en Mallorca, Menorca e as Illas Pitiusas, onde a mediana estivo crecendo por riba da media. Con todo, trátase tamén do territorio cun salario medio e mediano máis baixo, algo asociado á súa estrutura produtiva terceirizada e especializada no monocultivo turístico.
A evolución tampouco foi homoxénea entre homes e mulleres. Os homes que maior poder adquisitivo perderon foron o 10% que cobra menos, xa que o seu salario non só caeu en termos reais, senón tamén en termos nominais, especialmente até o ano 2014. O resto de salarios creceron en termos nominais, e por tanto a caída non foi tan grande en termos reais. En cambio, no caso das mulleres a porcentaxe sobe até o 25%.
En resumo, a inflación impacta con maior forza nos fogares que menos teñen porque deben destinar unha maior parte dos ingresos á compra de bens básicos encarecidos e, en cambio, os salarios dos máis ricos tenden a non se ver afectados por este fenómeno. Por outra banda, o cambio na composición das rendas das persoas máis ricas e o peso que teñen os salarios (uns salarios que non remuneran a clase traballadora, senón que en certo xeito constitúen unha renda de capital encuberta) podería provocar certo rumbo á hora de visibilizar a desigualdade medida en relación ás rendas de capital e as rendas do traballo.
[Artigo tirado do sitio web catalán Catarsi, do 3 de outubro de 2023]