Desestimado o recurso de Vitrasa contra o laudo que rexeitara a inaplicación de convenio pola empresa
O Xulgado do Social número 1 de Vigo vén de desestimar o recurso presentado por Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, contra o laudo arbitral que rexeitara o intento da empresa de inaplicar o convenio colectivo e reducir os salarios un 30%.
A compañía presentara unha demanda contra o comité de empresa, as seccións sindicais que o integran e a propia Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade, da que fai parte a comisión tripartita galega para a inaplicación de convenios colectivos co obxectivo de deixar sen efecto o laudo arbitral emitido o pasado 5 de xullo que lle impediu á compañía inaplicar o convenio e recortar dereitos laborais e salarios. En concreto, a empresa pretendía baixar un 30% os soldos e os pluses, así como ampliar o número de horas de traballo.
Vitrasa xa comunicara daquela a súa intención de recorrer a resolución até onde lle permita chegar a lei, “perseguindo o seu único obxectivo”: recuperar as perdas xeradas pola covid 19 a conta dos empregados/as; “non hai que esquecer que ao mesmo tempo mantén unha reclamación xudicial co Concello na que lle solicita máis de 9 millóns de euros”, lembran dende a representación da CIG.
Pois ben, a sentenza do Xulgado do Social que se vén de coñecer bota por terra a primeiro intento da empresa de tombar o laudo arbitral, aínda que contra a decisión xudicial cabe recurso diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).
Valoración da sentenza
Dende a CIG-Vitrasa valoran moi positivamente a sentenza, en especial que o propio xuíz sinale que cando a empresa asumiu a última prórroga para seguir encargándose do servizo durante cinco anos máis xa coñecía a drástica redución de viaxeiros/as como consecuencia da pandemia, “mais non trasladou ningunha esixencia ao Concello con base ás novas circunstancias que limitaban a mobilidade e provocaban unha diminución importantísima de pasaxeiros/as e por tanto de ingresos”.
De feito, a compañía unicamente manifestou que non renunciaba a ningún dereito en relación á reclamación do restablecemento do equilibrio económico derivado da covid 19, “pero esta reclamación non deixa de ser unha posibilidade, non unha realidade”. Por iso o xuíz entende que Vitrasa “non pode pretender agora cargar sobre o cadro de persoal as consecuencias dunhas perdas económicas que xa coñecía que se producían cando prorrogou a concesión”.