Desconvocan folga nas axencias marítimas, consignatarias e estibadoras de Pontevedra tras acordo de revisión salarial
O persoal do sector das axencias marítimas, consignatarias e estibadoras da provincia de Pontevedra vén de desconvocar a folga prevista para os días 13, 20 e 27 tras chegar a un preacordo coa patronal ACOESPO a respecto da revisión salarial de 2021, 2022 e 2023. Segundo o pactado, que vai ser ratificado este venres no AGA, os soldos aumentarán neses tres anos un 3, un 7 e un 4%, á espera dunha sentenza do Tribunal Supremo.
O conflito ten a súa orixe na negativa do empresariado a aplicar a cláusula de revisión salarial con respecto ao IPC real incluída no convenio. “Mentres estivo baixo non tivo problema, pero en 2021, cando se elevou até o 6,5%, non quixo aplicalo e dixo que había que definir que é o IPC real”, explica Suso García, secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo. Tras a denuncia da parte social, o TSXG decretou que o IPC real é a suma de todos os IPC rexistrados durante o ano, o que reduciría a cifra até o 3,1%, decisión que foi recorrida ante o Supremo.
“Pero o ano pasado esa media elevouse até o 8,4%, entón a patronal anunciou que non ía a aplicala porque o recurso segue pendente”. Diante disto, os traballadores/as optaron por convocar folga, logrando un acordo de actualización de soldos do 3, 7 e 4% nestes tres anos. “Reclamamos un 11,5% total en 2021 e 2022 porque se ao final a patronal logra unha sentenza favorábel a suma da media dos IPC destes anos sería esta cantidade; e no caso de que sexa favorábel a nós terían que abonarnos un 12,4%”. Pola súa banda, o empresariado ofrecía un 11%, pero a cambio de retirar o recurso. “Entón propuxemos un 10%, que finalmente aceptaron despois da convocatoria de folga”.