Desconvocan a folga no mantemento do Álvaro Cunqueiro tras garantir a ultractividade do convenio
A asemblea de traballadores/as de Veolia, concesionaria do servizo de mantemento do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, decidiu hoxe desconvocar a folga indefinida prevista para o vindeiro martes 26 despois de a dirección garantise a ultractividade do convenio. Os traballadores/as, que desenvolveron concentración diarias no centro sanitario, tamén lograron equiparar as súas condicións laborais coas do persoal do Sergas.
O preacordo alcanzado entre a representación sindical e a empresa a tras a xuntanza mantida no día de hoxe foi finalmente ratificado en asemblea polo cadro de persoal por 50 votos a favor e 5 abstencións, polo que a folga queda desconvocada. Deste xeito, o convenio de centro de traballo que se está a negociar incorporará a cláusula de ultractividade, o que permitirá manter as condicións pactadas aínda que remate a súa vixencia e mentres non se negocie un novo acordo.
Ao mesmo tempo, os traballadores/as de de Veolia lograron a equiparación das súas condicións laborais coas do persoal do Sergas en materia de xornada, salarios, categorías, baixas e excedencias, conseguindo deste xeito as súas principais reivindicacións. As negociacións para rematar de perfilar o convenio de centro de traballo mediante o que se igualarán as condicións laborais de todo o persoal continuarán o vindeiro 10 de xaneiro.