Desconvocan a folga de Povisa tras preacordo de convenio a dous anos cunha suba salarial do 4% e do IPC
A folga prevista para este luns no hospital Ribera Povisa de Vigo fica finalmente desconvocada tras o preacordo de convenio colectivo asinado hoxe entre o comité de empresa e a dirección, que contempla unha suba salarial do 4% para este ano e do IPC real para 2024.
As partes negociaron dende as 10:00 horas de hoxe coa convocatoria de folga enriba da mesa e lograron achegar posturas en cuestións importantes, marcándose de prazo até o 31 de decembro para pechar o convenio na súa totalidade.
O documento foi ratificado na asemblea de traballadores/as que tivo lugar ás 15:00 horas, facendo posible a desconvocatoria do paro previsto a partir do luns. A representación sindical logrou unha redución da xornada ao incluír a media hora de bocadillo como tempo efectivo de traballo, de igual xeito que o tempo que emprega o persoal de enfermaría no cambio de quenda (establecéndose un máximo de 15 minutos de tempo efectivo de traballo).
Tamén se implementou un coeficiente redutor polo traballo nocturno de dúas horas por noite, cun máximo de 60 noites. En canto ás melloras salariais, incrementouse o plus de festivos e domingos de 21 a 33 euros, e as noites do 24 e do 31 de decembro (e partir do acordo tamén a do 5 de xaneiro) pagaranse a 140 euros máis o plus de festivos (173 euros en total). Ademais, o persoal que traballe nalgunha destas datas terá dereito a un día libre.
Carreira profesional e ultraactividade
Outras das melloras teñen que ver coa introdución da carreira profesional, co establecemento da ultraactividade do convenio e co mantemento do plus de riscos para os novos/as traballadores/as, que a empresa pretendía eliminar.
Dende a CIG-Povisa valoran positivamente o acordo e inciden no feito de que tras unha semana de mobilizacións lideradas pola central sindical, que preside o comité, “logramos máis melloras que nos dous anos anteriores”. Neste senso, salientan a implicación do cadro de persoal na defensa dos seus dereitos laborais e apelan a continuar incidindo na dignificación das condicións de traballo do conxunto dos empregados/as do centro hospitalario.