Desconvocadas as protestas en Frigolouro porque a dirección está disposta a renegociar o pacto laboral
O comité de empresa de Frigolouro, compañía do sector cárnico pertencente ao Grupo Coren, decidiu hoxe desconvocar a mobilización prevista para este luns diante das instalacións do Porriño despois de que a dirección se amosase disposta a negociar a renovación do pacto laboral asinado en 2014 e que quedou sen efecto en 2019.
Dende a FGAMT-CIG explican que “reunidos hoxe coa dirección da empresa decidiuse desconvocar a concentración do próximo luns porque está disposta a negociar o que o comité puxo sempre enriba da mesa”. Ao mesmo tempo, indican que o xerente de Frigolouro comprometeuse a manter unha xuntanza co comité o vindeiro martes para retomar as negociacións.
Segundo lembran na central, en marzo de 2014 a dirección asinou un acordo cos sindicatos con representación no comité (CIG, CCOO e UGT) -a excepción do SITF- mediante o que o persoal renunciaba a unha parte importante do seu tempo de descanso durante a xornada laboral a cambio de que a empresa non despedira a ninguén até marzo de 2019.
Unha vez transcorrido este tempo a representación sindical intentou volver a renegociar o pacto, pero a empresa foi dilatando o proceso. “Isto quere dicir que dende marzo de 2019 a empresa está a dispoñer para o seu único beneficio dese tempo cedido temporalmente polos/as traballadores/as a cambio de nada”.
No último ano celebráronse xuntanzas esporádicas nas que o comité achegou unha plataforma con 23 puntos co obxectivo de introducir melloras laborais e sociais. Pola súa banda, a dirección presentou un total de sete propostas, “que afondan na precarización das condicións de traballo”.
Descansos, emprego e contratación indefinida
Na plataforma sindical figuran tres cuestións que as centrais consideran irrenunciábeis, como son o aumento do tempo de descanso durante a xornada, o mantemento do actual cadro de persoal e a contratación indefinida das persoas que leven cinco ou máis anos na empresa.
Pola súa banda, a empresa pretendía que a ese tempo de descanso cedido se lle sumase unha redución nas pagas extras, descontando o tempo que os operarios/as estean de baixa. Tamén propoñían a eliminación dos 10 minutos de lavado de mans, “aumentando aínda máis o tempo que se lles cedeu”.
Outras das cuestións que demandaba Frigolouro eran dar os permisos médicos fóra da xornada laboral, “como se o tempo fóra do traballo tamén o organizaran a empresa”, e flexibilizar aínda máis a xornada de produción; é dicir, comunicar no mesmo día a ampliación da xornada de traballo en 20 minutos.