Desconvocada folga no servizo de limpeza do Concello de Santiago tras se acadar un acordo
A CIG-Servizos anuncia que queda desconvocada a xornada de folga prevista para o vindeiro día 15 de marzo na empresa concesionaria do servizo de limpeza do Concello de Santiago ao chegarse a un acordo coa empresa o pasado venres día 9.
Entre outras cuestións no acordo recoñécese o incremento do plus de limpeza do concello, así como o pago dos atrasos do último ano. Xunto a iso recoñécese tamén a comisión paritaria, tal e como se viña facendo.
Conseguiuse ademais o compromiso do concello de Santiago de manter conversas coa CIG-Servizos para solventar nos próximos pregos do concurso da limpeza as posíbeis discriminacións que se puideran estar dando na actual contrata.
Aplicación do pacto laboral
O venres pasado fíxose pública tamén a sentenza favorable a dúas traballadoras da contrata do concello afiliadas á CIG que se incorporaron despois da folga do ano 2007. Segundo esta, ten que se lles aplicar o pacto laboral asinado ese ano.
Por iso, desde a CIG-Servizos fan un chamamento a todo o persoal contratado pola empresa con posterioridade a esa data para que se poña en contacto coa central sindical para facer as reclamacións pertinentes.