Desconvocada definitivamente a folga en Ambulancias Civera tras abonar a empresa os salarios pendentes
O cadro persoal de Ambulancias Civera, concesionaria do transporte sanitario programado e dos traslados intrahospitalarios na área de Pontevedra-O Salnés, comunicou hoxe a desconvocatoria definitiva da folga prevista para este luns día 6 unha vez que a empresa abonou a totalidade dos salarios pendentes e se avanzou na elaboración dos cuadrantes de traballo.
Segundo explican na FGAMT-CIG de Pontevedra, os empregados/as apostaran pola medida de presión ao repetirse os atrasos no pago de soldos que xa motivaran unha convocatoria de folga no mes de xaneiro, que finalmente fora suspendida ao iniciar a compañía a liquidación das débedas.
Dende a central sindical indican tamén que o paro indefinido previsto inicialmente para a semana que vén queda sen efecto ademais despois de que Ambulancias Civera avanzase na elaboración dos cuadrantes laborais e na entrega de roupa de traballo.